Mostrando entradas con la etiqueta bóveda. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta bóveda. Mostrar todas las entradas

viernes, 28 de septiembre de 2018

Un cempés repugnante

"Cando me dixo isto último pensei por primeira vez no enterro do día seguinte e sentín, en primeiro lugar, que aquela palabra era fea como un cempés repugnante desprazándose pola fronte inmaculada de Carlos, e despois como se a viaxe que tiñamos que facer a Bóveda ao outro día pola mañá se convertese nunha tarefa odiosa, tan insoportable como subir ao alto dun monte escarpado co corazón desbocado e ameazando con rachar en mil cachos dentro do peito, dinamitado por un esforzo superior para o cal nunca estivera preparado."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 235.

domingo, 23 de septiembre de 2018

Un ser horrible

"Respondinlle que si cos ollos e preguntoume se eu pensaba que el o fixera con Alexandra, aquel verán  que andaba tan triste, e que marchara con aquela rapaza á Fontemoura, onde os descubrira un amigo do criado Anselmo. Respondinlle que si. (...) "Víame como un monstro a min mesmo", dixo, e logo explicoume que aquel ano, pola primavera, unha mañá, na casa de Bóveda, ao erguerese e entrar no cuarto de baño, descubrírase no  espello como un ser horrible..."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 223.

domingo, 9 de septiembre de 2018

Por non variar

"De mozo viña con frecuencia por Beiro.

  Uns minutos máis tarde, cando papá dixo que se retiraba a durmir e tía Mercedes se ergueu tamén para ir á cama, mamá seguiu sentada. Acendeu un cigarro, dando a entender que non tiña présa, e preguntoulle a Carlos cómo quedaban na casa de Bóveda. "Mamá, un pouco pocha, por non variar. Papá feito un rapaz". 

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 202.

sábado, 1 de septiembre de 2018

Nas festas do Carme

"Confesoume que había dous anos, unha noite tivera unha longa conversa co seu pai na casa de Bóveda, animados os dous polo whisky que estaban tomando na biblioteca, naquel ambiente cálido, de color vermella, que Leopoldo fora creando de xeito inconsciente a través da encadernación coidadosa dos seus libros máis queridos. Contoulle que coñecera a miña nai na casa de Beiro, nas festas do Carme do ano 1931. El tiña dezaoito anos e ela dezaseis."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 193-194.

sábado, 18 de agosto de 2018

Dixo que ía voar

"Anselmo dixo que iso se podía dicir doutras cousas que contaba a xente, pero que a historia do cura de Bóveda a presenzara a súa nai en persoa e que, polo tanto, era certa. Fóra alá polo ano 1898, nos tempos da guerra de Cuba, máis ou menos, cando un veciño que se chamaba Nicolás e que librara do servicio militar por curto de mente, dixo que ía voar."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 174.

viernes, 17 de agosto de 2018

O cura que voaba

"Tía Mercedes concluíu con voz irónica: "Podía contar aquela do cura de Bóveda que voaba".

  "Xa sei que a señorita Mercedes non o cre, pero foi certo", dixo Anselmo. "Vostede non faga caso e conte a historia do cura ou outra calquera", interveu mamá.  "A mín gustaríame escoitar a da Virxe da Fonte", dixo Carlos mirando para papá."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 174.

martes, 10 de julio de 2018

As estrelas

"Recordeillo no coche, a noite da súa morte, cando estabamos parados na estrada, á beira do bosque que baixaba desde o alto de San Vitorio. (...)

  Apertoume unha man e sinalando cara o ceo, dixo: "Mira, Periquita, aquelas estrelas que se ven alá, por riba do Pico de Zas, son as constelacións de Xéminis". Díxome que lle gustaba mirar as estrelas polas noites, que unha vez, sendo neno, estaba paseando co seu pai pola horta da casa de Bóveda, despois de cear, e que Leopoldo lle dixo rindo que lle podía regalar o ceo, e que á mañá seguinte o chamara á biblioteca e lle dera un libro que traía uns mapas do firmamento, e que pouco despois, unha semana máis tarde, o seu pai baixara á cidade e aparecera cun telescopio."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 110-111.

lunes, 9 de julio de 2018

Un pirata cun gancho na man

"Aquel día ía moita calor e deitámonos por riba das pallas, sen usar a manta. Ao principio, Carlos dixo que podiamos durmir un pouco, pero eu non tiña sono e díxenlle que era mellor que seguísemos falando, como cando estabamos sentados no banco da Carballeira da Fonte, aínda que xa non se atopase con nós o criado Anselmo. (...) e logo engadiu que había uns momentos, cando estabamos os dous sentados co criado Anselmo, falando na Carballeira da Fonte, nese instante gustaríalle ser un pirata cun gancho na man para meterlle medo a tía Mercedes. (...) e díxome que un día estivera a punto de coller unha boneca de porcelana de tía Mercedes, serrarlle a cabeza e cambiarlla por unha pataca, pero que non o fixera por medo a que o descubrisen e o mandasen para Bóveda, cos seus pais."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 105-106.

domingo, 8 de julio de 2018

Aqueles ollos de curuxa

"Cando estaba dicindo isto, por entre as árbores da Carballeira da Fonte, sen que se escoitase antes ningún ruído de pasos, xurdiu como se fose unha aparición tía Mercedes.(...) Cando chegou á altura da fonte, a tres ou catro metros do asento de pedra onde nos atopabamos, mirou para o criado Anselmo con aqueles ollos de curuxa que puña cando se enfadaba..." p.99

"...pero entón apareceu mamá, que viña cantando, tapándose do sol coa sombrilla branca, e preguntando xa desde lonxe, antes de entrar na Carballeira da Fonte, se o estabamos pasando ben." p.101

"Logo díxome que en Bóveda a súa nai ía moito á igrexa, pero a chorar." p.103 

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. 


jueves, 5 de julio de 2018

Pechados os dous

"Tiña mellor memoria ca min. Non obstante, naqueles instantes, sentados os dous no interior do seu coche, á beira da estrada, estaba claro que Carlos xa non tiña intención de seguir falando das conversas entre el e o seu pai, pechados os dous na biblioteca da súa casa de Bóveda, tomando un whisky despois de cear."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 92.

miércoles, 27 de junio de 2018

No banco de pedra

"Non se entendía ben o que dicían, en parte porque debían de estar un pouco lonxe, sentados quizais no banco de pedra, debaixo da Carballeira da Fonte, e ademais porque falaban en voz baixiña, talmente como se estivesen rezando. (...)

  Estiveron calados os dous ata que Leopoldo mencionou a don Luís, o cura de Bóveda. Entón o meu pai dixo: "Un cura exemplar"."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 80-81.

viernes, 15 de junio de 2018

Monte arriba

"Fusilárono hoxe pola mañá, mentres estabamos no Carpazal. Eu oín os tiros." páx. 51

"Mamá achegouse a Carlos, fíxolle unha caricia e díxolle que había que ir durmir, que ao dia seguinte tocaba comer no Carpazal e que os nenos tiñan que axudar a trasladar as cestas pequenas. A min gustoume que mamá dixese aquilo e que tía Mercedes non lle replicase, porque iso quería dicir que a Carlos non o ían mandar para a súa casa de Bóveda. (...) Seguía sen entender qué lle sucedera a Carlos cando estabamos no Carpazal pola mañá e botou a correr monte arriba."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 55.

sábado, 9 de junio de 2018

A lóxica do meu pensamento

"Era posible que o tivesen castigado no seu cuarto por algunha trastada que eu non coñecía, talvez por fuxir do Carpazal á hora de xantar, ou que os meus pais soubesen onde estaba escondido e o deixasen estar, quizais para descansar todos un pouco del. Pregunteille a Delfina, pois a pesar da lóxica do meu pensamento, eu tiña medo de que a Carlos o mandasen para a casa de Bóveda, cos seus pais. Delfina respondeume: "Carlos está onde ten que estar"."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 42.

viernes, 1 de junio de 2018

Unha nomeada que lle quedase pegada

"Trouxérao mamá despois dunha visita á casa de Bóveda, onde Elisa, a nai de Carlos, estaba moi preocupada polas cousas que facía, pois estivera a punto de tirarse desde o alto dun eucalipto cun aparato para voar que el mesmo construíra, cunhas ás de palla, os radios dunha bicicleta vella e o cinto de coiro do seu pai. O mesmo día que chegou a Beiro, durante o xantar, tía Mercedes díxolle que iso de voar parecía unha loucura, que se podía matar un e que, ademais, a xente da aldea podía poñerlle unha nomeada que lle quedase pegada para toda a vida, como chamarlle Carlitos Aviador, por exemplo, ou Piloto Garoto."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 26-27.

domingo, 27 de mayo de 2018

Verán de 1954

"Pola parte de atrás, escrito a lapis, coa letra inconfundible, pequena e redonda, da miña nai, pon: "Carlitos, facendo o ganso, na horta da casa de Beiro. Verán de 1954". (...) Probablemente pertenceu aos pais de Carlos, pois uns días despois do enterro, mamá foi  pasar unha tarde con eles a Bóveda e regresou cun paquete que gardou na biblioteca sen dicirme nada."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 19.

miércoles, 23 de mayo de 2018

O atropelo de tres galiñas

"Carlos viña de Madrid e ía pasar uns días cos seus pais. Como sempre, antes de subir ata Bóveda a ver a súa familia, entraba a visitar á miña nai, que nunca deixaba de reprocharlle sen convición aquela preferencia. (...) Despois sentouse na mesa e falando de maneira precipitada que falaba sempre, contounos todas as incidencia da viaxe, incluído o atropelo de tres galiñas cerca de Xinzo de Limia e unha derrapaxe nunha curva baixando as costas do Padornelo."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 16.