Mostrando entradas con la etiqueta carballiño. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta carballiño. Mostrar todas las entradas

viernes, 21 de octubre de 2016

Quimbambas

"-Un día fomos a Paulino, á sala de festas que hai na estrada de Cea ó Carballiño. Tanto me encheron que as apeei no medio do monte, bueno... nunha aldea que se chama San Facundo e que ben podía chamarse Quimbambas. Foi unha xudiada, de acordo, pero tamén foi todo o mal que lle fixen.

  -O asunto está feo. Vas ir ó caldeiro e vanche facer un cu novo. Procura contar a verdade se aprecias en algo as nádegas.

  O detido amansou, na viaxe de regreso a Ourense non se tirou do Dauphine nin cousa parecida."

Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.135

sábado, 12 de marzo de 2016

Brandindo mocas

"Entón as irmás refuxiáronse dos elementos na cuadra das ovellas. Molladas, sen apenas comida e enfermas pola idade e as penosas condicións en que vivian, o xuíz do Carballiño non puido actuar para internalas nun establecemento digno en contra da súa vontade.

  O cura de Dacón fixo tamén o seu intento e, na compaña de dúas monxas dun asilo, víronse obrigados a fuxir como un raio ante as ameazas das desgraciadas, quen brandindo mocas ameazaban aos visitantes con lanzarlles aceite fervendo para defender a calquera prezo o legado dos seus pais.(...)

  Brais sentiu que un calafrío lle percorría as súas costas. Cando o paisano se decatou de cal era o seu destino, convidounos a que o acompañasen ao Carballiño. Ao chegar indicaríalles onde se situaba a oficina de contratación para traballar no tendido do ferrocarril. (...)

  Perplexos, ambos amigos preguntábanse en que tendido traballarían se o percorrido xa estaba rematado. Un home en cadeira de rodas coas pernas amputadas, veciño do barrio de Flores congratulouse de que non os puidesen contratar."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.190-191

viernes, 11 de marzo de 2016

Estraños símbolos

"Resoltos a non quedar aí por máis tempo e escasos de facenda, informados de que no Carballiño urxían peóns para as obras do trazado da vía férrea, os compañeiros enfilaron rumbo a aquela vila para aliviar a súa precaria situación.

  Levaban un longo treito camiñando cando, xa en terras de Maside, chegaron ao lugar chamado O Mato. Próximos ao seu destino, decidiron facer un alto para comer arrimados ás ruínas dunha casa que tiña gravados estraños símbolos.

  Aínda non comezaran o primeiro bocado cando sentiron unha intensa presenza que os convidaba a afastarse daquel lugar. Un labrego do Mato que ía de camiño á estrada nacional coller o autobús para ir á feira do Carballiño, recomendoulles ao velos que sería preferíbel que acampasen nun lugar máis san."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.188-189

sábado, 2 de enero de 2016

Nese intre

"Brais era un estudante de segundo da E.S.O. que aos seus trece anos vivía no Carballiño. Nin alto nin baixo, nin gordo nin delgado, nin feo nin guapo..., de estatura normal para a súa cidade, bombeaba un discreto ventre. De pel clara e ollos tan castaños como o seu cabelo, pasaría desapercibido en calquera rúa do século XXI.

  Mais estaba claro até para Brais que esa non era precisamente a época na que se atopaba nese intre."


Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx.18

viernes, 1 de enero de 2016

A antiga cidadela

"A algarabía podía ouvirse a dous quilómetros á redonda. Do autobús escolar estacionado na chaira de entrada ao castro de san Cibrao de Lás baixaron sesenta ruidosos estudantes do instituto Chamoso Lamas que gozaban dun día de excursión.

  Os profesores afanábanse en reunilos a todos nun grupo vixiábel mentres, a viva voz, unha docente explicaba que aqueles muros albergaban a antiga cidadela de Lánsbrica, bautizada así polos romanos."

Miguel Mosquera Paans. Viaxe a Lánsbrica. Colección Alcaian. Ed. Urco, Compostela, 2012, páx. 7.