“E agora cóntame o do
Home do Unto –insistinlle ao avó mentres collía un dos panos vellos que el usa
para facer queixo e me limpaba os beizos manchados de leite.
-Non habería outro sitio onde limpar, meu
porquiño?
-Veña, avó, conta, conta... Quen era o Home do
Unto?
-Éche unha historia de vellos.
-Ti es vello. Cóntama.
-Es ben teimudo, neno. Pero será mellor que
cha conte eu para que non che metan medo con ela.
Medo! Aquilo poñíase
interesante. Acomodeime nun tallo para escoitar mellor, mentres o vello
comezaba a lle botar ao caldeiro de leite unhas pingas de callo e o deixaba en
repouso.
-A ver... a cousa foiche así: hai máis de cen
anos un home asasinou a varias mulleres e nenos preto de aquí. Coido que eran
dez ou doce. Iso é todo. Un asasino.
-E non era de aquí?
-Non. Viviu aquí, pero el viñera de lonxe.
Disque engana ás súas vítimas facéndolles crer que lles conseguira traballo
fóra. Levábaas unha a unha, e no medio do monte, polo camiño que vai de aquí a
Montederramo...
