Mostrando entradas con la etiqueta prensa. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta prensa. Mostrar todas las entradas

miércoles, 27 de enero de 2021

Un sopro

 "Na caseta esborrallada hoxe que alá se ve, acostumaba a dormir don Caseano polo tempo das vendimias. Dormía so, porque non era home de medos. Unha noite, a meianoite, deitado na cama, don Caseano estaba a ler o xornal á luz dunha vela. O xornal era "O Miño", de Ourense. Estando mergullado na leitura, un sopro apagóulle a vela."

Silvio Santiago. Villardevós, Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páx. 37.

domingo, 15 de abril de 2018

Primeiros rastros de melancolía

"Para comezar, que se atopaba na aldea, onde a vida conservaba o sabor auténtico da tradición máis verdadeira, anunciaba que ía pasar a tarde traballando na horta, un costume que asociaba máis facilmente con Mesopotamia que con Atenas.

  Ese optimismo manteríase nos seus escritos aínda por moito tempo. Pasarían anos desde aquela, ata que se empezaran a notar os primeiros rastros de melancolía na colaboración diaria do xornal."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 231.

lunes, 18 de septiembre de 2017

Con letra angulada e temblorosa

"Con letra angulada e temblorosa, repousadamente, empezou a escribir: Nós, o doutor Fernando Fanego, pola Gracia de Deus e da Santa Sede Apostólicia bispo desta diócesis, a tódolos diócesanos facemos saber: Que téndose publicado nun periódico desta cidade unha serie de artículos que poden contribuír á perturbación da necesaria paz das conciencias e desexando por riba de toda humana consideración o ben espiritual da nosa amada Igrexa, expresamente condenamos ditos artículos e mandamos ao seu autor, quen quera que sexa a persoa que se encubre debaixo do seudónimo "Aleceios", en aras do ben de todos, e especialmente da comunidade que por El Señor nos ten sido encomendada, depoña a sua actitude a fin de conseguir a paz que tanto desexamos."
Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 128-129.

miércoles, 13 de septiembre de 2017

Pluma de Satanás

"As reaccións en contra dos artículos non tardaron en chegar. A mais dura producíuse o terceiro domingo de Advento, durante os oficios relixiosos celebrados na catedral. Don Telesforo atacou con veemencia desde o púlpito a "ese cobarde que se esconde detrás de nombre tan noble". Chamoulle "espíritu perverso", "enemigo de deus" e "pluma de Satanás". (...)

  Unha alusión a "quienes beben la ponzoña de su filosofía en libros extranjeros" fixo pensar a Ilustrísima que o coengo identificaba a "Aleceios" co director de El Liberal."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 121-122.

martes, 12 de septiembre de 2017

Unha gran nube de tronada

"Ao rematar, volveu ler o que escribira, firmou debaixo co seudónimo "Aleceios" e púxoo nun sobre branco coa dirección de El Liberal. Despóis entrou no oratorio a rezar.

 A aquel artículo de "Aleceios" seguiron cinco mais, todos escritos no mesmo tono crítico, coa mesma indignación bíblica con que escribira o primeiro: a idea dunha Igrexa sectaria e sementadora de odios producíalle anguria e noxo. Unha violencia espesa e silenciosa envolvía a cidade como unha gran nube de tronada."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 120-121.

sábado, 9 de septiembre de 2017

Ás doce da mañá

"Ás doce da mañá subíu don Xenaro a comunicarlle que durante a misa, Sor Sabina sufrira un desmaio seguido de vómitos de sangue que os médicos se mostraban pesimistas respecto da súa saúde. A noticia correra rápida pola cidade e a xente estaba nerviosa. Ninguén dudaba que a causa da indisposición súpeta da sor fora a campaña antirrelixiosa iniciada novamente por El Liberal con motivo da Nota do Episcopado sobre o cinematógrafo. Era tal a excitación que se respiraba nos barrios altos, que el mesmo tivera que convencer a un grupo de mozos que amenazaban con asaltar o periódico, para que volveran ás suas casas."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 114.

viernes, 8 de septiembre de 2017

Puntual e contundente

"A reacción de La Verdad, puntual e contundente, non pillou a Ilustrísima de sorpresa. O periódico conservador acusaba ao seu rival de inventar a noticia e de manipular a realidade co fin de achegar simpatías á causa anticlerical do señor Canalejas. "

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 113. 

jueves, 7 de septiembre de 2017

Forzas tebregosas

"Batérase a puñetazos por duas veces co director de La Verdad, a quen se refería sempre como "Cura honorario", e tiña enfilada a Sor Sabina. (...)

  A nota apócrifa de La Verdad fixéralle mal. (...)

  Pasado mañá, tal vez ao día seguinte, El Liberal publicaría en primeira páxina o desmentido: "O bispo da diócesis non condenou o cinematógrafo". Podía imaxinar fácilmente a interrogación que o redactor Vázquez engadiría debaixo das letras negras do titular: "¿Quén é entón o responsable da nota publicada hai días por La Verdad?". E a insinuación agardada: "Forzas tebregosas incrustadas no mesmo pazo episcopal poderían estar somentendo ao señor bispo a un cerco abafante coa intención inconfesable de alinealo coa superstición, a intolerancia, o fanatismo e a loucura". "

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 110-111.

martes, 5 de septiembre de 2017

Tertulia no medio e medio

"Recadou Ilustrísima outro plego de papel de barba, mollou a pluma no tinteiro de prata da escribanía e sin parar apenas, como se a tivera moi pensada, empezou a escribir a nota de rectificación para El Liberal. (...)

  Había tres días que subindo cara San Martiño, de paso para o asilo, ao doblar a esquina da Rúa de Arcedianos, Ilustrísima se atopara cun grupo de persoas facendo tertulia no medio e medio da calzada. (...) Un dos contertulio era o director de El Liberal."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 107.

viernes, 1 de septiembre de 2017

Hiperbólicos e fumadores de kif

"Escribía os editoriales de La Verdad e firmaba co seu nome unha sección titulada "Ariete cristiano", incisiva e mordaz, intransixente e rexa, que dedicaba ao comentario da actualidade política nacional.(...) 

 Sinxelo sin ser simple, preciso e claro, sin mais adornos que os estrictamente necesarios, posuía unha agradable fluidez, debaixo da cal se intuía un disciplinado labor de poda que os seus enemigos, especialmente os mozos modernistas da revista El pájaro verde, hiperbólicos e fumadores de kif, teosóficos e emplumados, con valoraban con xusticia. (...)

 A aquelas alturas, o bispo ignoraba por qué motivo non tiña publicado en La Verdad a nota que lle remitira."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 98-99.

miércoles, 30 de agosto de 2017

El Señor a veces válese...

" -O cinematógrafo facía moito mal. A Santa tivo revelacións. (...)

  -Erro ou non -proseguíu Ilustrísima- esixo unha rectificación pública. Esta mesma noite vou remitir unha nota aclaratoria ao señor director de La Verdad. (...)

  -Digo que anque a nota de condena do cinematógrafo se deba a un erro, podía ser esa a vontade do Altísimo. El Señor a veces válese..."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 93-94.

martes, 29 de agosto de 2017

A non poucas conciencias

"Mentres agardaba polo fámulo tivo un pensamento de piedade para o italiano do cine e a sua dona. (...)

  Cos ollos voltos para a mesa próxima aonde sinalaba o bispo cun xesto e sobre a cal se extendía La Verdad, don Xenaro apenas acertou a decir:

  -Nunca me contéi entre os enemigos de Ilustrísima.

  -Agradeceríalle que contestase á miña pregunta.

  -Ignoro todo sobre ese tema. Quizáis se trate dun erro do propio periódico. O cinematógrafo tiña escandalizadas a non poucas conciencias."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 91

sábado, 26 de agosto de 2017

A hora dos periódicos

"Apurou o rezo de Angelus pensando no placer da lectura que agardaba. Ilustrísima sentía diante de periódicos e revistas unha ansiedade golosa, unha curiosidade excitante que lle procuraba alegrías secretas. (...) A hora dos periódicos era unha das mais fermosas do día. Retrasábaa hasta media mañá para facela coincidir coa parva: pan fresco e tacos de xamón duro cun fondiño de tinto de Amandi. Ás once e medio en punto cunpríase sin falta aquelo que para el era unha especie de milagre cotidiano e doméstico."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 77.

domingo, 13 de agosto de 2017

Á sua levitación

"El Liberal dedicáballe un artículo en páxinas interiores a Sor Sabina e á sua levitación. Firmaba Kepler. Ilustrísima detívose un momento a pensare en quén se podía esconder debaixo de aquel seudónimo (...) Aos oitos, empezou a sospeitar do catedrático de Física do Centro Provincial de Instrucción, un volteriano carraxento e amargado por un amor non correspondido.(...) 

  Empezaba Kepler aludindo a "cierto antro insano que en nuestra ciudad sirve de refugio a femeninas frustraciones y que si en este país rigieran las elementales normas sanitarias que rigen en el extranjero, sería clausurado por simples razones de higiene espiritual... y de la otra". Naturalmente, que o autor se refería ao convento."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 46-47.

sábado, 12 de agosto de 2017

A campaniña de prata

"Ilustrísima saíu de alí cunha forza interior que había tempo lle faltaba. Atopou no patio ao cocheiro de Palacio ferrando o cabalo pedrés de paseo e púxose de leria con el. Despóis subíu ao comedor e pasou o desaúno con facilidade, tomou unha copa de viño quinado e fixo sonar a campaniña de prata para que lle trouxeran a prensa do día. Entregáronlle La Verdad e El Liberal,  este último sin o título. (...) La Verdad dedicáballe o editorial ao mesmo tema e por entre a frouma dunha adxetivación frorida e afiada, puido adivinar o bispo os ollos fríos e miopes do seu lectoral."
Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 44-45.

lunes, 31 de julio de 2017

Pola altura das voces

"Durante toda a mañá houbera rumores na parte de abaixo. A porta de don Narciso pechárase con xenio unhas cinco veces polo menos. As máquinas da imprenta levaban sin funcionar desde as dez, pese a que era venres e polo tanto o último día para tirar as quince follas de El Testigo de Cristo. Don Xenaro tiña conxeladas as audiencias. Don Telesforo demorábase mais da conta no despacho do provisor e pola altura das voces, que iban medrando por minutos, o tema non podía ser o tresillo. Ilustrísima empezou a inquietarse."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 30.

domingo, 30 de julio de 2017

O lume do inferno

"Había xa catro días que El Liberal dera a noticia na primeira páxina. No "Salon des Frères Montreuil" da capital de Francia, a torpeza dun operador ao manexar sin arte un proxector cinematográfico tiña provocado un incendio xigantesco que en poucos minutos acabara coa vida de mais de cento trinta espectadores. O  coengo lectoral referírase ao suceso no sermón do domingo na catedral. Pronunciou palabras apocalípticas sobre aquela espantosa traxedia e acabou establecendo unha oportuna e interesada relación de parentesco entre o braseiro parisino e o lume do inferno."

Carlos Casares. Ilustrísima.Ed. Galaxia, 1980. 3ª edición, novembro 1986, páx. 27-28.

sábado, 6 de mayo de 2017

mui pouco a pouco

"Un pitido estreito i afiado avisóunos. Saían agora mismo, xusto dentro de tres minutos atención señores viaxeiros o tren estacionado na vía terceira andén segundo efectuará a súa saída transcurridos tres minutos, tres puntiños negros que lle cubren cada ollo enchendo o espacio da conciencia, pinchando a memoria, que se desinfla pouco a pouco
mui               pouco                a                         pouco,
ó compás do tren, perde o equilibrio e cai ó longo do asento derrotado polo sono.

 (...) Tamén il pensóu en dormir, pero preferíu abrir un exemplar de "La Región". Pasóu as páxinas de presa, unha a unha, ollóu pra súa dereita, onde dormía ó relaxado ó brazo secular e sobresaltóuse pra sí: ¡Aí o saco das patacas! Entón pechóu o xornal..."

Carlos Casares, Cambio en tres, ed. Galaxia, colección "Illa Nova", Vigo, 1969, 1ª edición, páxs.52-53

viernes, 7 de abril de 2017