Mostrando entradas con la etiqueta cativos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta cativos. Mostrar todas las entradas

jueves, 27 de febrero de 2020

“Otsabilko 20.51” de Ramón Caride


Os medos infantís vistos desde a perspectiva moderna dos videoxogos, cun especial protagonismo para algúns personaxes da mitoloxía popular galega, como o chuchasangues ou o sacaúntos.


“Agora son o Sacaúntos na procura dun meniño de pel branca e aspecto saudábel que han pagar a bo prezo. Procurarei entre os rapazolos que gardan o gado nos montes. Vou buscar un que teña a pel branca e os ollos azuis da cor do ceo abrente. Que teña uns ollos tan nidios como este ceo transparente sen nubes –por que é tan azul e transparente o ceo?-. Vouno buscar cos rabaños das ovellas. Entre os que chegaron aos pasteiros da montaña nestes días, vidos das terras baixas. Atopareino nun outeiro verdecido onde estea un rapaz só, coidando das ovellas co seu can. Un can bravo. (...) Recoñéceme: son o Sacaúntos, e levo o seu terror dentro miña, a súa fin nos meus ollos. Fítame como un año ao lobo. Entende. Sen remisión. Vouno acoitelar, e deseguida esfolalo para lle tirar os untos, que han ser santo remedio contra a tise e hannos pagar ben pagos. Sacareille os untos aquí mesmo, baixo deste ceo azul e transparente –por que están as nubes paradas?- Heinos pór nun frasco, os untos de meniño novo, sanciño e ben colorado, para facer remedios con eles. Remedios milagrosos.”

Ramón Caride. “Otsabilko 20.51”. En V.V.A.A. Contos do Sacaúntos. Romasanta, o criminal. Urco editora. 2016. páxs. 16-18


miércoles, 19 de febrero de 2020

O Home dos Queixos

“E agora cóntame o do Home do Unto –insistinlle ao avó mentres collía un dos panos vellos que el usa para facer queixo e me limpaba os beizos manchados de leite.

 -Non habería outro sitio onde limpar, meu porquiño?

 -Veña, avó, conta, conta... Quen era o Home do Unto?

 -Éche unha historia de vellos.

 -Ti es vello. Cóntama.

 -Es ben teimudo, neno. Pero será mellor que cha conte eu para que non che metan medo con ela.

Medo! Aquilo poñíase interesante. Acomodeime nun tallo para escoitar mellor, mentres o vello comezaba a lle botar ao caldeiro de leite unhas pingas de callo e o deixaba en repouso.

 -A ver... a cousa foiche así: hai máis de cen anos un home asasinou a varias mulleres e nenos preto de aquí. Coido que eran dez ou doce. Iso é todo. Un asasino.

 -E non era de aquí?

 -Non. Viviu aquí, pero el viñera de lonxe. Disque engana ás súas vítimas facéndolles crer que lles conseguira traballo fóra. Levábaas unha a unha, e no medio do monte, polo camiño que vai de aquí a Montederramo...

martes, 18 de febrero de 2020

Contos de vellas

“-Esta era a aldea do Home do Unto, non era? –preguntou o Kevin a duras penas.

 -A miña avoa sempre me di que se non me porto ben e deixo de comer lambetadas vaime levar o Home do Unto que vive en Rebordechao. Ela di que canto máis gordo estea eu, máis antes vai vir por min.

 -Contos de vellas.”

Riveiro, Breogán. Tonecho de Rebordechao. Ed. Galaxia, coleción árbore, nº 139. 4ª edición, 2008, páxs. 62

lunes, 17 de febrero de 2020

Que alucine!

“A avoa estaba de bo xorne. Sempre está de bo humor cando recibe visitas na casa. Eu aproveitei para lle preguntar:

 -Avoa: que era iso do Home do Unto?

Ela mirou para min, de súpeto nerviosa.

 -De onde sacaches ti iso?

 -Oínlle algo ao Kevin.

Ela negou coa cabeza:

 -Ese cativo...! Non lle deberían contar estas cousas! Troulas, neno, nada de nada. Anda vaille axudar ao teu avó.  (...)

 -Mándate a avoa? Iso é que algo andabas a enredar na casa –riu o vello-. Que facías?

 -Nada, só lle preguntei polo Home do Unto. (...)

 -Preguntácheslle polo Home do Unto e de seguro que a avoa se puxo tan nerviosa como a Pantoja, fóra a alma –riu-. Sonche contos de vellas, neno.

 -Iso mesmo dixo ela.

O avó acomodouse no pequeno tallo que usaba cando muxía e comezou a me explicar:

 -O Home do Unto foi un criminal que viviu en tempos, hai máis dun século, nesta aldea. Un asasino, un delincuente.

 -Que alucine! Un asasino de Rebordechao!

 -Non, non. El non era da aldea, el viñera de lonxe, doutro lugar, non sei de onde. El tiña andado por moitas partes. Era un moinante que viaxaba dun lugar a outro, pero seica parou aquí varios anos.”

Riveiro, Breogán. Tonecho de Rebordechao. Ed. Galaxia, coleción árbore, nº 139. 4ª edición, 2008, páxs. 63-65

domingo, 16 de febrero de 2020

Tonecho de Rebordechao. 2005.


Novela para cativos de Breogán Riveiro que supón un canto á vida rural protagonizado por Tonecho, que nacido na urbe vese na obriga de marchar a vivir a Rebordechao onde o mundo é completamente distinto ao que el coñecera. Nesta aldea, onde Romasanta vivía mentres cometeu os seu crimes, a súa historia forma parte secundaria na trama como personaxe que amedrenta aos cativos. Deste xeito a historia de Romasanta entra, literariamente, no imaxinario infantil.

Ed. Galaxia, colección Árbore, nº 139. Premio Raíña Lupa 2004.


sábado, 8 de abril de 2017

A cidade







A cidade ten castelo e muralla medieval,
o museo, ¡hai que velo!, e unha rúa principal;
¡Qué conxunto tan fermoso, con igrexas e xardís,
e cun río caudaloso, veireado de xasmís!

A cidade ten cafeses, wiskis-sclubes e polución,
cemiterio con cipreses e un fermoso Malecón.
A cidade ten escolas e ten cines e teatros,
ten douscentos parvacholas e trescentos maragatos.

A cidade nunca tivo  nin industria ou desenrolo
soio un comercio cativo e o seu consabido tolo.
A cidade ten paseos, barrios vellos, arrabais,
chavolismo, rañaceos e gardas municipais.

Manuel María.





        Manuel María. “A cidade”. Vídeo gravado na cidade de Ourense no ano 2016, para conmemorar que se lle adica o día das Letras Galegas deste ano,  cantado por Uxía e Magín Blanco, extraída do libro CD “Canta o cuco” ed. Galaxia, colección Sonárbore, 2015. 

sábado, 28 de enero de 2017

Unha promesa

"Perdóoche a vida -dixo o can-, se fas unha promesa. Que o día da festa de Beiro vaias á aldea á saída da misa e que diante de todo o mundo lambas unha ovella.

  -Lamber unha ovella?- preguntou Crispín.

  -Lamber unha ovella -contestou o can.

  -Moito me pides -protestou o lobo.

  -Elixe -díxolle o can.

  -Elixido está -dixo o lobo."

Carlos Casares, O can Rin e o lobo Crispín, ed. Galaxia, colección árbore, 2005, páx.26-27

viernes, 27 de enero de 2017

Valente sancristán

"O lobo Crispín, que ata aquel momento non lle fixera ningún caso ao can, empezou a rir ás gargalladas e a amparar a barriga coas mans do riso que lle daban as palabras do Rin. Despois dixo:

  -Mira ti quen foi falar! O can do cura de Beiro! Valente sancristán es ti, lambón! Quita de aí, que che dou unha dentada no cu que te deixo sentado polos días que che quedan de vida, alpabarda!

  O can púxose aínda máis serio do que estaba e volveulle dicir:

 -Eu avísote!"

Carlos Casares, O can Rin e o lobo Crispín, ed. Galaxia, colección árbore, 2005, páx.23

jueves, 26 de enero de 2017

O Noso Pai ao revés

"Xa no camiño, o can fíxoo rir coa historia de don Cirilo, o cóengo de Burgos que quería ser monxa, e cun conto que lle escoitara ao señor abade de Beiro sobre uns senvergonzas que andaban polas terras de Ourense convertendo a auga en viño a base de rezar o Noso Pai ao revés. Íalle falando precisamente deste sucedido cando atravesaban a fraga de Liñares e nesto que, de súpeto, o cabalo se puxo de pé, rinchando todo asustado, como se vise unha cousa do outro mundo. A continuación oíuse un renxer terrible entre a follaxe do bosque e diante deles apareceu unha masa escura e grande, como un boi.

 -Crispín! É Crispín! Estamos perdidos! -berrou o médico."

Carlos Casares, O can Rin e o lobo Crispín, ed. Galaxia, colección árbore, 2005, páx.18

miércoles, 25 de enero de 2017

E se sae Crispín?

"Entón o que pasa -dixo o can-  e que vostede ten medo. Está ben. Pero non se preocupe que eu lle podo entreter o camiño con historias e con cantos, que os sei moi bonitos, ata un moi chocante que lle oín contar ao señor bispo de Ourense, cando era o meu amo, sobre un cóengo de Burgos que quería ser monxa.

  -E se sae Crispín? -preguntou o médico.

  -E quen é Crispín?- preguntou o can."

Carlos Casares, O can Rin e o lobo Crispín, ed. Galaxia, colección árbore, 2005, páx.14

martes, 24 de enero de 2017

Tronada con moita auga

"Aquel mesmo día pola tarde prediciu que ía vir unha tronada con moita auga e moito raio e que conviña meter o gando nas cortes, e pola noite andou de porta en porta preguntando polas casas se cumpría a súa axuda para calquera cousa. Necesitaron del no lugar de Tralaira, porque unha veciña se puxera mala. El soíño, sen guía nin axuda, foi buscar o médico de Amoeiro."

Carlos Casares, O can Rin e o lobo Crispín, ed. Galaxia, colección árbore, 2005, páx.8

lunes, 23 de enero de 2017

O leite no lume

"Como o can tiña esa graza de saber rezar, os de Burgos regaláronllo ao señor bispo de Ourense, que foi o seu amo durante cinco meses. Ao cabo dese tempo, o can Rin empezou a dicir animaladas e pecados, que polo visto lle aprendía un sancristán, e que asustaban e incomodaban as visitas. Por iso o señor bispo llo regalou ao abade de Beiro, co encargo de que lle aprendese educación e que non escandalizase ao vecindario.

  En Beiro, o Rin nunca deu mal que falar. Nada máis chegar á súa nova casa, xa lle fixo un favor á irmá do señor cura: avisouna de que o leite se ía verter no lume."

Carlos Casares, O can Rin e o lobo Crispín, ed. Galaxia, colección árbore, 2005, páx. 6

domingo, 22 de enero de 2017

O quiquiriquí das doce

 "Non lle deu demasiado tempo porque nese preciso instante escoitou o estralido do lume ó prender nas xestas e nos garabullos, nunha especie de forno que fixeran debaixo da leña gorda. Tamén escoitou berros e algúns aplausos. Un dos que aplaudían era o sacristán de Penín. Doeulle porque lle tiña afiado unha serra tres ou catro veces, sen cobrarlle nunca nada. (...)

  Nuns poucos segundos xa se decatou de que voaba. Cando foi consciente do que estaba pasando, bateu as alas para confirmar a sospeita, deu dúas voltas arredor da praza, situouse na parte onde estaban os nenos para facer un par de monadas e logo saíu en dirección de Sabucedo. Tiña que apurar e voar con forza se quería chegar ó campanario de Antioquía e cantar o quiquiriquí das doce."

Carlos Casares, O galo de Antioquía, ed. Galaxia, 2003, páx. 38.

sábado, 21 de enero de 2017

Sobre a leña

"A procesión entrou na Praza Maior de Xinzo pasadas as once. Arroupado polos seus fregueses, don Marcelino caeu de xeonllos con eles e rezou un responso. Cando ergueu os ollos, viu o ferreiro todo vestido de branco. (...)

  Subido sobre a leña, o ferreiro miraba para a xente e saudaba os coñecidos. Cando reparou nos veciños de Sabucedo, sorriu, e como levaba as mans atadas, acenou cos ollos. (...) Polos ollos azuis, arrasados en bágoas, recoñeceu a Balbina de Ganade, trinta anos sen vela, un amor arruinado por un pai terco e soberbio, moi amigo do señorío de Xinzo. Foi o único momento en que o ferreiro se puxo triste."

Carlos Casares, O galo de Antioquía, ed. Galaxia, 2003, páx. 36.

viernes, 20 de enero de 2017

Daquela historia

"Un par de horas máis tarde, de volta no prado, nin o ferreiro nin o cura volveron falar daquela historia. Percorreron o camiño ata Sabucedo os dous calados, a penas empregando as palabras indispensables para dicir adeus ó despedirse. Catro días despois, presentouse a xustiza na casa. Prenderon o ferreiro a eso das doce, e ás catro da tarde xa estaba en Xinzo, pechado na adega da rectoral."

Carlos Casares, O galo de Antioquía, ed. Galaxia, 2003, páx. 34.

jueves, 19 de enero de 2017

Un potente quiquiriquí

"O primeiro en baixar foi o señor cura, ó que non tardou en seguir o ferreiro. Durante uns minutos seguiron baixando. Chegaron logo a un descanso, aproximáronse a unha varanda de pedra e desde alí viron a cidade, un conxunto apretado de rúas estreitas e longas e dúas prazas bastante grandes, redonda a da igrexa, cadrada a outra, esta formada por catro edificios nobres. O ceo era transparente, como se o aire estivese metido dentro dunha burbulla. Entre eles e o campanario interpúñase un foxo enorme, sen fondo. Entón falaron a primeira vez. O cura limitouse a dicir: "O que che dicía eu, Antonio: a cidade de Antioquía". Cando se volveu para mirar o ferreiro, este estábase convertendo nun galo. Uns segundos máis tarde, xa o viu revoar arredor do campanario. Finalmente, pousado no mastro de ferro, no alto da torre, lanzou un potente quiquiriquí que ó rebotar contra a bóveda de auga caeu sobre a cidade como unha chuvia de música. Foi entón cando se abriron as ventás e as rúas se encheron de xente."

Carlos Casares, O galo de Antioquía, ed. Galaxia, 2003, páx. 32.

miércoles, 18 de enero de 2017

Nun buraco escuro e longo

"Desta vez, víase o campanario no fondo, pero tamén unha praza redonda, rodeada de casiñas pequenas, todas con tellado vermello a dúas augas e ventás pintadas de verde. Dun dos lados da praza saía unha rúa estreita, toda empedrada, pero a auga estaba tan toldada daquel lado que era imposible saber en que lugar remataba. Por un clariño que se observaba uns metros máis alá, divisábase unha rúa perpendicular a aquela, con soportais e tres ou catro construccións de luxo, quizais con escudo na fachada. De pronto, naquel mesmo claro fíxose un remuíño que empezou a rousar como a roda dun carro, primeiro lento e pousona, despois moi rápido. Conforme ía aumentando a velocidade, o remuíño tamén se achegaba á beira da auga. Nuns instantes situouse diante do cura e do ferreiro, que viron como se abría ós seus pés nun buraco escuro e longo, eso si, non moi empinado e con escaleiras."

Carlos Casares, O galo de Antioquía, ed. Galaxia, 2003, páx. 32.

martes, 17 de enero de 2017

Ata a beira da lagoa

"Despois quedou medio adurmiñado ata que ordenou de volver ó prado da Acea. Cando estaba chegando, escoitou detrás os pasos apresurados de alguén que andaba correndo, volveuse para comprobar que pasaba e viu a don Marcelino sen moitos folgos, que lle facía sinais coa man de que agardase por el. Xa xuntos os dous, o cura díxolle que saíra dar un paseo. O ferrerio riu para si e seguiron andando. Nese momento empezou a escoitarse a campá. En silencio, sen querer mirar un para o outro, dirixíronse ata a beira da lagoa."

Carlos Casares, O galo de Antioquía, ed. Galaxia, 2003, páx. 30.

lunes, 16 de enero de 2017

Entre bocado e bocado

"Entón, entre bocado e bocado, case rindo de contento, púxose a contar o que vira a véspera cando andaba traballando no prado da Acea, á beira mesma da lagoa. Describiu moi ben o campanario, que pintou como se fose a Torre da Forxa, aínda que redonda, e falou con moito mimo do mastro de ferro que coroaba a punta. Sen deixar de revolver coa culler a taza de chocolate, a segunda que lle mandaba aquela mañá, don Marcelino dixo con naturalidade: "Ese é o campanario da igrexa da cidade asolagada de Antioquía, que se pode ver tres veces ó ano. Aínda tiveches sorte, amigo Antonio"."

Carlos Casares, O galo de Antioquía, ed. Galaxia, 2003, páx. 30

domingo, 15 de enero de 2017

Debaixo do alpendre

"Tampouco pensaba contar nada do que vira a noite anterior na beira da lagoa.

  Cando entrou no patio da rectoral, o ferreiro soubo que había visita: o cabalo do abade da Gorgoloza estaba atado polo cabestro debaixo do alpendre. Subiu rápido as escaleiras de pedra e antes de que lle dese tempo a petar, xa abriu a porta don Marcelino."

Carlos Casares, O galo de Antioquía, ed. Galaxia, 2003, páx. 24