Mostrando entradas con la etiqueta milenio. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta milenio. Mostrar todas las entradas

lunes, 7 de diciembre de 2015

Sen rumbo

"Pasei varias horas conducindo sen rumbo pola cidade mentres agardaba o titular nos boletíns radiofónicos. Atravesei a Ponte do Milenio, o Progreso e a Avenida de Zamora. Non me incomodou o tráfico mesto á hora da saída das escolas. Conducía de vagar, respectando escrupulosamente o código da circulación para desesperación dos conductores que me precedían, fartos do meu academicismo. "O comisario Ambrosio Noriega aparece morto na súa casa. Os primeiros indicios falan dun posible suicidio."."

Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.133

miércoles, 4 de febrero de 2015

O malandro

"O malandro batíalle forte, tíñao debruzado da varanda da pasarela, colgado por unha soa man. Contivemos o alento, semellaba que o Capitán ía caer, sen remedio.
 Pero en vez de deixarse ir, en caída  vertical, o Capitán pegou un salto atlético. Foi caer aos cabos de suxeición da pasarela, onde se agarrou. De alí volveu choutar ao alto da pasarela, coma un canguro.
 -Beeennn!!! -berramos os espectadores, aliviados.

 O malfeitor estaba a fuxir, coma un alustro, pasarela abaixo, cando o Capitán lle caeu enriba. Non foi quen de resistir máis.
-Entrégome! -dixo, abandonando a loita. Todos aplaudimos."

Ramón Caride, O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, ed. Xerais, xaneiro 2013, páx.70

martes, 3 de febrero de 2015

Unha escena espectacular, que arrepiaba

"Había dúas figuras no cabo máis alto da pasarela, o do sur, que daquela estaba máis lonxe de nós. Sabedes que esta ponte é algo espectacular. Sobre a ponte horizontal, por onde van os coches, está a pasarela ondulada, que lle dá a súa forma inconfundible á ponte. Nun curuto dela, a máis de vinte metros sobre nós, estaban pelexando o Capitán e o xefe dos sabotadores. Ao Capitán xa o recoñeceramos de lonxe, pola súa capa ao vento.
  Era unha escena espectácular, que arrepiaba. Todos estabamos co corazón nun puño. O heroe e o malvado estábanse atizando canto podían. Estaban á beira do abismo, a policía non era quen de intervir polo medo a que perdesen o equilibrio e caesen ao baleiro."

Ramón Caride, O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, ed. Xerais, xaneiro 2013, páx.69-70

lunes, 2 de febrero de 2015

Moita policía chegando

"Chegando á outra beira do río, o malfeitor seguía nadando cunha boa brazada, pero xa un helicóptero da policía ía riba del, pisándolle as costas. E un auto patrulla estábao agardando, na outra orela.
-Este xa está tamén na gaiola.
Todos, mesmo Lois, malia o apuro que pillara, subimos ás bicicletas. Non paramos ata a ponte do Milenio. Estaba a pasar algo extraordinario. Vimos moita policía chegando, ducias de coches parados e unha morea de xente que se congregara para mirar cara a arriba."

Ramón Caride, O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, ed. Xerais, xaneiro 2013, páx.68-69

domingo, 1 de febrero de 2015

Espernexaba na auga do río

"O xefe daqueles malvados perdérase, no entanto, cara a Ourense, aproveitando a confusión. E non era parvo, apañara outra bicicleta, e cando nos demos conta, xa nos levaba unha boa vantaxe. Sorte que o vimos ao lonxe. Como A Chavasqueira está preto da ponte do Ribeiriño e da do Milenio, debía querer pasalas, ou cruzar a segunda se cadra, e perderse na cidade.

(...) Era Lois, que espernexaba na auga do río, tentando malamente aboiar. (...) Sen que ninguén o advertise, porque xa todos, incluído o Capitán, sairamos tras o home de traxe, tirara a Lois da bicicleta, arrastrárao ao río e guindárao nel. Agora el fuxía a nado."

Ramón Caride, O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, ed. Xerais, xaneiro 2013, páx.65-66