Mostrando entradas con la etiqueta alfredo_conde. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta alfredo_conde. Mostrar todas las entradas

sábado, 15 de febrero de 2020

Romasanta. Memorias incertas do home lobo. 2004.


Nesta novela de Alfredo Conde, escrita en galego, todos os nomes, tanto das persoas como dos lugares, son fieis á realidade da historia de Manuel Blanco Romasanta. Aparece narrada en primeira persoa como unhas memorias apócrifas do asasino, un ser intelixente e racional, con certa afección á lectura, que vai relatando os feitos cunha liña cronolóxica ficticia, na procura dun interese literario. 

Ocupará un papel importante o proceso xudicial, onde a figura de Bárbara, irmá das García Blanco, será elemento acusatorio constante. Remata a novela coa esperanza por parte de Romasanta de poder saír algún día do cárcere no que se atopa.

A primeira edición data de abril de 2004 e foi publicada por Sotelo Blanco na colección Medusa.

Case simultaneamente saíu unha edición en castelán na Colección Áncora y Delfín, co número 994, na editorial Destino.

Capa 2004. Ed. Sotelo Blanco.

Capa da edición castelán en Destino.

jueves, 2 de enero de 2020

Existiron

“Esta historia é certa. Certos e reais son os personaxes que a poboan, certos son tamén os feitos; mesmo non poucas das palabras que se rexistran ó longo desta incerta historia foron realmente pronunciadas. Non hai ficción en todo canto eiquí se conta. Manuel Blanco Romasanta existiu, existiron tamén Bárbara García e mailas súas irmás, e realmente houbo un don Vicente María Feixoo-Montenegro e Arias. Tamén un Pedro Cid, un avogado Rúa Figueroa e un Mr Phillips que practicou a electrobioloxía, e non sei cantos sabios, moitos, abondos en todo caso, que acreditaron as súas teorías, logo de contempla-los experimentos cos que adoito as ilustraba. E existiron tamén tantas outras personaxes máis como as que eiquí desfilaron ó fío dos feitos.”

Conde, Alfredo.  Romasanta. Memorias incertas do home lobo. Ed. Sotelo Blanco. 2004. páx. 9. No “Prólogo Necesario”.

viernes, 20 de diciembre de 2019

Na dor allea

“Os xornais espertaron unha expectación insólita, unha curiosidade inusitada nos sentires das xentes cara á miña persoa, e as discusións sucédense  con continuidade sistemática e constante. Nelas, os máis dos lectores de periódicos, é dicir, as menos das xentes das aldeas, están a favor de que eu sexa certamente o home lobo que aseguro ser, un ser malvado que mata e que se recrea na sorte de facelo, afectado dunha doenza chamada licantropía; para outros son un pobre campesiño, dominado pola superstición e maila ignorancia, que son obxecto dunha crenza xeneralizada entre o vulgo analfabeto e atravesado, polo que me creo dominado por unha maldición que me empuxa a me crer lobo e a matar aínda en contra da miña vontade, co que sufro e peno como poucos imaxinan; pero tamén hai quen me considera un ser perverso e ambicioso, cheo de cobiza, perfectamente dono dos meus actos,  que mata para obter beneficios sen me importar sexo, estado ou condición das miñas vítimas; e, segundo o galeno que tanto recordo e cito e que convenceu disto ós máis dos seus colegas, son un dexenerado insensible, un sádico que goza e se recrea na dor allea.

 ¿Quen son eu en realidade? Chegado a esta altura da miña historia debo confesar que ás veces até eu mesmo chego a dubidar.”

Conde, Alfredo.  Romasanta. Memorias incertas do home lobo. Ed. Sotelo Blanco. 2004. páx. 97-98.

martes, 3 de diciembre de 2019

Petada das Paredes

“Por ser máis recente, recordo mellor a data de cando axudei a Xosefa no seu tránsito. Foi o día un de xaneiro do 1851 cando a levei da súa casa. Xosefa entón xa era maior, pois tiña dous anos menos dos que tería Manuela de non ter esgrimido aquel coitelo. María, a outra irmá, acompañounos durante unha ou dúas leguas, polo camiño de Correchouso, cando aínda era noite, pois botamos a andar de madrugada. Fíxoo até que Xosefa lle indicou que dera xa media volta, estando entre Rebordechao e o dito Correchouso, no monte que chamamos Petada das Paredes, porque o burro no que María ía dacabalo xa  non subiría aquela pina ladeira coa donidade nin co paso que sería de desexar.”

Conde, Alfredo.  Romasanta. Memorias incertas do home lobo. Ed. Sotelo Blanco. 2004. páx. 63-64

sábado, 30 de noviembre de 2019

A capa enriba dos ombreiros

“Sucedeu en outubro do 1850, o doce, creo recordar. Amencía e a luz do sol, ó ser peneirada polas follas dos castiñeiros, producía unha luminosidade diáfana e metálica que é propia do vento do norte. A criatura abrigábase cunha capa de pano ordinario marrón, que logo eu lle había vender ó propio cura de Rebordechao, bo amigo meu. Sempre tiven moi boas relacións coa clerigalla. (...)

 Cando máis tarde Xosefa descubriu a capa enriba dos ombreiros do reverendo, tiven que lle dicir que eu mesmo lla mercara ó mozo, dándolle cinco pesos a conta e prometendo entregarlle o resto á volta doutra viaxe, até completa-lo total pactado, porque este tipo de capas non se estilaba no país onde o levara e alí non a precisaba, co que case que lle fixera un favor.”

Conde, Alfredo.  Romasanta. Memorias incertas do home lobo. Ed. Sotelo Blanco. 2004. páx. 65-66

lunes, 25 de noviembre de 2019

Os mesmos nomes

“De Bieita e Xosefa dei tan boa conta como de Manuela. E dos corpos do dos seus fillos, Francisco e Xosé, que levaban os mesmos nomes que os seus respectivos tíos, fixen os mesmos anacos que xa fixera co de Petronila. É doado facelo, o costume axuda moito. Ademais, os membros dunha mesma familia semellan todos cortados polo mesmo patrón. (...)

 Matei a Bieita e mailo seu fillo no Corgo do Boi. (...)

 Bieita e Francisco vivían en Soutelo Verde, no concello de Laza, unha xornada andando dende Rebordechao, se un non se apura, pois hai que abeira-la lagoa e iso leva sempre máis tempo do que un pensa.”

Conde, Alfredo.  Romasanta. Memorias incertas do home lobo. Ed. Sotelo Blanco. 2004. páx. 60

viernes, 22 de noviembre de 2019

O burro

“Pero Bieita non lle fixo caso ningún e obrigou a Barbara a regresar a Rebordechao, levando con ela o burro que a transportara a ela até Tansirelos, cerca xa das Arrúas, co que me evitou a min unha ganancia, é certo, pero tamén un inconveniente, o que moito lle agradecín sen máis que recorda-lo accidente tido coa mula de Petronila.”

Conde, Alfredo.  Romasanta. Memorias incertas do home lobo. Ed. Sotelo Blanco. 2004. páx. 60

martes, 19 de noviembre de 2019

O gume do seu coitelo

“Atopeina no Souto de Redondela, case que no mesmo lugar no que morrera Petronila. Ó ve-la alporizada e interrogativa expresión do seu rostro, solicitando aclaracións pola ausencia da súa filla, expliqueille a Manuela que a deixara na casa dun cura de Santander, o que era tanto como lle dicir aí ó lado, pois mal sabía ela onde quedaba tal e arredada provincia. Simulou crerme, pero ben me decatei de que me mentía. (...)

 Pero ó observar de novo a incredulidade asomando no seu rostro souben que tiña que matala alí mesmo, sen moito tardar. Ó adquirir tal consciencia non fun quen de me reprimir e deille unha boa puñada que bateu con ela no chan. Saltei da besta deseguido, pero ela xa se repuxera do golpe que levara e agardaba por min en pé, esgrimindo un coitelo de cociña. (...)

 Fomos a rolos polo chan e evitei o gume do seu coitelo en dúas ocasións, até que acadou ferirme con el no dorso da man. Entón collín unha pedra do chan e golpeeina na cabeza. Creo que lla fendín. Aínda inconsciente, espina. Fíxeno á présa, antes de que o sangue manchara as súas roupas, estragándoas, e, logo de me espir eu, degoleina co seu propio coitelo e fixen co seu corpo o mesmo que fixera co da súa filla; coa única diferenza de que, se os restos dos daquela os ciscara polo paso dos lobos da Mallada, os de Manuela espalleinos ó longo do paso chamado da Mallada Vella, próximos os dous ó Souto de Redondela.”

Conde, Alfredo.  Romasanta. Memorias incertas do home lobo. Ed. Sotelo Blanco. 2004. páx. 58-59

lunes, 18 de noviembre de 2019

Coa luz do luscofusco

“Manuela era fermosa, estaba soa e eu quixen o mellor para ela, tamén para Petronila, a súa filla. As dúas vivían en Rebordechao, ó pé mesmo do monte de San Mamede, nunha aldeíña que se asenta sobre unha caeira pina orientada de xeito que o sol poida quentala durante as poucas horas dos escasos días nos que acerta a lucir a través dos fríos días do inverno, cando consegue traspasa-lo mesto manto das nubes, ou nas non moitas ocasións nas que estas se arredan ou non acadan a se situar enriba das terras altas que rodean a lagoa. Eu pasaba a miúdo por alí.

 Empecei por me quedar a durmir con Manuela algunhas das noites dun verán nas que moito parei en Rebordechao. Adoitaba chegar coa luz do luscofusco, case que ó amparo da noite, e decidíame decontado a cortexala. Así, sen esforzo abondo, obtiña pracer e cama gratis, cea abondosa.”

Conde, Alfredo.  Romasanta. Memorias incertas do home lobo. Ed. Sotelo Blanco. 2004. páx. 47

domingo, 17 de noviembre de 2019

Tan feliz

“Fun tan feliz, cegueime tanto pola bonanza mercantil que comezou a nos envolver, que non tardei en aceptar que puidese ser ela quen se desprazase no meu lugar para vender algunhas das miñas mercancías ou para concluír certas transaccións, servindo así ó meu ansiado soño de ampliación no negocio de compra e venda de roupas e doutros obxectos usados. Até xuraría ter sido eu quen insinuou primeiro tal oportunidade gloriosa. Con iso creo dicilo todo.”

Conde, Alfredo.  Romasanta. Memorias incertas do home lobo. Ed. Sotelo Blanco. 2004. páx. 49

sábado, 16 de noviembre de 2019

Disposto a consolala

“Coido, douno por certo, que tras das deles estaba a resoa-la voz de Bárbara, a irmá máis pequena de Manuela, tamén a máis fermosa e brava. A que a min me fai cismar en se haberá familias tocadas pola graza.  Foi ela quen recuperou, unha por unha, tódalas pezas de roupa das súas irmás maiores, ela quen mellor reconstruíu a miña historia. Nunca souben se me odiaba ou se agardaba de min o que eu xa comezara a darlle a Manuela cando souben que vivía como unha viúva inconsolable, pero daquela só vivía separada de Pascual Merello Merello N. e presenteime onda ela disposto a consolala.”

Conde, Alfredo.  Romasanta. Memorias incertas do home lobo. Ed. Sotelo Blanco. 2004. páx. 46

miércoles, 13 de noviembre de 2019

Ás carranchapernas

“Mentres Manuela se desprazaba a Paredes de Caldelas, Petronila, a súa filla, quedou ó meu cargo e os dous xuntos iniciámo-la ruta que, de non ter mediado outras circunstancias, nos tería levado a Portugal (...).

 Ó chegar cerca do Souto da Redondela, un bosque que hai preto de Montederramo, Petra, como así tamén me gustaba a min chamala, arredouse para se agachar tras dunhas xestas medradas nos lindes do souto de castiñeiros. Ó pouco oín como mexaba. O chorro do seu mexo estaba a bater, sen dúbida, contra a frouma enxoita ou contra unha lata vella, contra algo sólido, non o sei ben, non o recordo; en todo caso, podería estar caendo mesmo sobre a auga dun pequeno regueiro que por alí baixa. Imaxinala ás carranchapernas sobre o aire excitoume tanto que non souben,  nin quixen, reprimirme. Por iso me acheguei con extremado sixilo e sorprendina coa miña espida presenza antes de que dera rematado. (...)

 Petra tiña catorce anos e era fermosa e branca coma a súa nai. (...)

 Mateina alí mesmo, afogándoa coas miñas mans, logo espina e posuína. Máis tarde gardei as súas roupas para as vender posteriormente, como xa fixera tantas veces, e, logo, cunha subela de zapateiro, denudei o seu corpo, espíndoo da velaíña cobertura que o envolvía, aquela pel tersa e branca, esfoleino, se se prefire, e extraín a estremecida e aínda palpitante graxa que tanto valoran algúns portugueses para completa-los seus ritos, e algunhas portuguesas para se enxaboar durante as súas máis intensas ablucións e darlles ás súas peles unhas delicadas tersuras que ningún outro tipo de xabón lles proporciona.”

Conde, Alfredo.  Romasanta. Memorias incertas do home lobo. Ed. Sotelo Blanco. 2004. páx. 53-54

martes, 29 de octubre de 2019

Axiña aprendín

“Xa dixen que, ó contrario da maioría dos meus paisanos, que non han aprender nunca ou o han facer mal de pro vida, axiña aprendín a ler e mais tamén a escribir, sempre en correcto castelán. Axudoume a isto a estreita relación que mantiven sempre cos membros da Igrexa, acólito que fun dende moi cedo e sancristán que cheguei a ser na parroquial de Santa Baia antes de me decidir a percorre-los camiños e seguir así os ditados deste meu corazón que tantos supoñen, ou queren supoñer, atribulado. Tamén aprendín a coser e a facelo como ninguén para confeccionar roupas talares, casullas bordadas con esmero, albas con puntillas incribles, manteis para os altares, amictos, estolas, mesmo sotanas que cosín con parsimonia e calma, tamén con primor e perfección extremas, pois son un artista coas miñas mans.”

Conde, Alfredo.  Romasanta. Memorias incertas do home lobo. Ed. Sotelo Blanco. 2004. páx. 20-21

lunes, 28 de octubre de 2019

As miñas mans

“Non ignoraba que as miñas mans constituían unha das miñas mellores armas, polo menos a tal respecto, o de reclama-la atención allea, e acaso por esa razón foi pola que me convertín nun xastre experto, que é profesión que na nosa terra se considera un si é non é propia de mulleres, apenas homes...”

Conde, Alfredo.  Romasanta. Memorias incertas do home lobo. Ed. Sotelo Blanco. 2004. páx. 19

viernes, 25 de octubre de 2019

Nos primorosos traballos manuais

“Fun un neno feitiño, de doces ollos da cor do mel, habelencioso coas mans ata tal punto que, calquera traballo que fixese con elas, sempre habería producir admiración. Sóubeno dende un principio e deleiteime en eles, nos primorosos traballos manuais que realizaba, procurando chama-la atención da xente cara a tódolos labores nos que ocupase os meus ocios de neno. Fíxeno non tanto polos labores en si, posto que o seu exercicio apenas me proporcionaba pracer ningún, senón polo feito de sabe-las olladas das xentes pousadas enriba miña; que iso si que me causaba, si me producía, unha satisfacción indescritible, aínda ma causa, e ese era o mellor modo que tiña de reclama-las miradas, concitándoas á admiración e á louvanza.”

Conde, Alfredo.  Romasanta. Memorias incertas do home lobo. Ed. Sotelo Blanco. 2004. páx. 16-17

jueves, 24 de octubre de 2019

Cranioscopia

“Para demostralo examinou o meu estado visceral e someteume despois ás luces da cranioscopia. Dixo, entón, que o óvalo de capacidade que vai dende a fronte ó occipicio, marchando polas tempas, é de vinte e dúas polgadas; que o da cara é de vinte e tres e nove liñas; que as apófises mastoides distan un arco de nove polgadas; que do arco dentario á cima da fronte se miden seis polgadas; dixo ademais que o ángulo facial abre oitenta e dous graos, por efecto do avultamento dos seos frontais, que son pronunciados abondo e que por tal razón poden acadar un desenvolvemento excesivo, pero sen que a iso concorra a masa encefálica e induza un erro como xa teñen indicado os frenólogos. Engadiu que se advirte un resalto moi considerable na porción escamosa do temporal.

 Sábeas todas, e contempla e estuda todo á luz de tódalas teorías, o bo doutor, segundo me avisou xa Manuel Rúa Figueroa, o meu avogado.”

Conde, Alfredo.  Romasanta. Memorias incertas do home lobo. Ed. Sotelo Blanco. 2004. páx. 30-31.

miércoles, 23 de octubre de 2019

Os médicos

“Os médicos que me observaron (¿deberei da-los seus nomes todos?) descríbenme de cinco pés menos polgada de talle, moreno de cute clara, ollos castaño claro, pelo e barba negros, medio calva a parte superior da cabeza, e din que a miña fisionomía non é nada repugnante, que a miña ollada é doce, xa tímida, xa feroz e altiva, e forzadamente serena.

(...) Foi el quen engadiu o que resta. Dixo que pulso sesenta e dous latexos por minuto e que o meu temperamento é bilioso e nervioso, sen esaxeracións nin predominio notable de aparatos e que mesmo o de tecidos é tan suave que a duras penas se recoñece, el saberá o que quixo dicir con iso, pois engadiu que coincide con formas regularmente desenvolvidas e unha saúde florecente e nunca desmentida.

 Nada se advirte no meu aspecto que difira do común dos homes, asevera don Vicente, e, segundo el afirma, no meu discurso nótase consecuencia, precisión, bo xuízo e desconfianza; tanto como se advirten penetración, tacto e talento naturais, superiores á miña condición. A miña apostura é humilde, con hipocrisía marcada, engade, e coincide así comigo o bo doutor, xa dixen que non habería esquencer nunca o seu nome.”

Conde, Alfredo.  Romasanta. Memorias incertas do home lobo. Ed. Sotelo Blanco. 2004. páx. 28-29. 

viernes, 4 de octubre de 2019

A pequena viaxe

“O feito de navegar até o castelo de Santo Antón, chegou constituír todo un espectáculo e a se converter, a pequena viaxe até el dende o peirao do Parrote, nun obrigado desprazamento marítimo, nunha pequena singradura dominical recomendada ós habitantes herculinos. Don Pedro aseguroume que era, que é, tal a miña sona, que viñan dende Ferrol e Santiago, e aínda doutras cidades do reino de Galicia, con tal de saberme cerca, de sentir a proximidade do home lobo. E que foi moi pouco e pouco como deixaron de vir, aburridos de non atopar eco ás súas voces. Sentiríano os mariñeiros que os transportaban nas súas gamelas de pescadores. Segundo don Pedro, algúns deles fixeron as Américas por conta miña. Eu tamén o sinto. Agora non escoito as súas voces. Tampouco vexo o mar. Pero escóitoo.”

Conde, Alfredo.  Romasanta. Memorias incertas do home lobo. Ed. Sotelo Blanco. 2004. páx. 141-142

viernes, 23 de agosto de 2019

Unha fenda fonda

“O lugar chámase Corgo do Boi. Un corgo é unha fenda fonda, un tallo de terra polo que ocasionalmente baixa a auga dun torrente, pero tamén unha pequena cavidade, unha oquidade habida en calquera pedra na se almacenou a auga da choiva antes de que se xeara e ó facelo fendese a rocha. O Corgo do Boi é exactamente unha depresión pola que ás veces baixa, impetuosa, a auga dun torrente, tamén o paso dos lobos oufanos, os máis feros da manda. Cando a auga baixa e copa a súa parte máis fonda, o camiño máis estreito de todo o Corgo do Boi, os lobos vadean este e logo crúzano, coa aparente e fráxil axilidade dos seus corpos, non de todo esveltos, sempre de cuartos traseiros esvaradíos, sempre a cabeza enorme, como se lles pesara, pero as patas veloces e donas dunha potencia estraña, pois son elas as que lles permiten cruzar saltando, de pedra en pedra, con aparente donidade.”

Conde, Alfredo.  Romasanta. Memorias incertas do home lobo. Ed. Sotelo Blanco. 2004. páx. 69

miércoles, 21 de agosto de 2019

Na procura dos seus cazadeiros

“Acabei despezando a Petronila e ciscando os seus restos nos lugares que tan ben coñezo, logo de tantos anos de transitar por eles. Trátase de lugares, ocultos nas máis das oportunidades, inaccesibles en non poucas delas, que son paso certo dos lobos que se desprazan a través deles, tódalas noites, na procura dos seus cazadeiros. Sabía que, ó ser encontrados por eles, os lobos farían desaparecer os restos de Petra, devorándoos sen deixar apenas rastro. Logo continuei o meu camiño. Debo recoñecer que unha vez máis me posuíu unha calma estraña.”

Conde, Alfredo.  Romasanta. Memorias incertas do home lobo. Ed. Sotelo Blanco. 2004. páx. 54