Mostrando entradas con la etiqueta troya. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta troya. Mostrar todas las entradas

miércoles, 27 de abril de 2016

Maioristas de alpiste

"Dirixinme a pé e andando ás Caldas, esporeado pola urxencia de atender o desafío do Maragato, que me agardaba coa baralla a punto no café Canedo. Parei só unha miguiña ante o portal da miña casa de solteiro. Na Troya había xolda. As forzas vivas do barrio, maioristas de alpiste, axiotistas do aceite e un propietario de autoescola, celebraban o patrón con festa de pote e discursos."

Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.37

lunes, 25 de abril de 2016

As noites son das cabras do aire

"Ás tantas, apareceu por fin a Tina. Chameille cantas había. Unha vez que se vía fóra do lío, volvía á súa vida, ós tratos do Vilar, e a min que me desen por onde se enfían as agullas. Foime perdoada a desconfianza, achacable á incomodidade da vendaxe e á ferida que tiraba. Non tiña motivos para pensar mal. Esperara á noite para non coincidir cos meus amigos, dáballe apuro, e logo meteuse a ver unha película e fixéraselle tarde.

  -O doutor Zhivago. ¡Preciosa! ¡Se souperas o que chorei!

  -Ás mulleres píngavos o moco por menos de nada. O domingo que vén imos ó baile á Troya. A ver se saio de aquí a tempo.

  -A Troya está moi ben para pasar os domingos, pero logo hai que contar cos días soltos.

  -Nos días soltos... ¿que che parece un paseo á tardiña? Quizais unhas tapas no Eirociño.

  -¿E as noites?

  -As noites son das cabras do aire."

Bieito Iglesias, "Luanda" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.33-34

miércoles, 13 de abril de 2016

A sopicaldos

"-¿E agora que?- preguntou Tina, mentres me poñía un plancho de vinagre na fronte para enxugar a suor da febre.

  -Agora estou aquí entocado e a sopicaldos. Polo de pronto veñen aí as festas da Ponte, e xa se foderon os bailes. Son socio da Troya, vivo ó pé e nunca falto á troula dos domingos, para canto máis ás verbenas."

Bieito Iglesias, "Luanda" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.26

domingo, 27 de marzo de 2016

Vivo e bebo

"Os regateos das rianxeiras da praza, ¡como chían as condenadas!, abouxa ós veciños da Avenida das Caldas. Alí, na parte baixa da rúa, espertamos todos os días de Xesucristo con ese balbordo de peixeiras. Enriba do almacén do Maragato, no sobrado que comparto coa sede social da Troya, vivo e bebo coa folganza que permite a nómina de inspector do Corpo. O fedor dos cochos de solteiro é inconfundible."

Bieito Iglesias, "Luanda" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx. 11