Mostrando entradas con la etiqueta rúa concello. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta rúa concello. Mostrar todas las entradas

lunes, 10 de agosto de 2020

O Gran Mallador

 "Seguino pola Rúa Concello arriba ata a altura do Parque de San Lázaro e dende alí ascendimos ata Bedoya dirección San Francisco. O Gran Mallador parecía pouco dado a sospeitar que alguén podía seguilo á saída do choio, síntoma de que aínda debía ter a conciencia tranquila. Remontamos Emilia Pardo Bazán ata a entrada en Pena Trevinca, onde as Carmelitas, e dende alí xirou á esquerda para logo aparcar o seu Citroën ZX nas inmediacións da rúa Serra Martiñá. (...)

Xa non era aquel rapaz que corría coma unha centella polo Monte Alegre arriba, cando intercambiamos palastrazos cos cerebros máis destruídos da Saínza."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 46. 

sábado, 8 de octubre de 2016

Outra andrómena

"Aínda parei unhas señoras, no cruce da rúa do Concello, para preguntarlles onde estaba. É outra andrómena que uso moito cando estou decaído. Paro transeúntes no Progreso, no Paseo ou na Diagonal e interésome polo nome da rúa. A xente -procuro preguntarlle a señoras que van de compras ou a empregados da banca- alégrase de poder lucir os seus coñecementos. General Franco, José Antonio, Juan XXIII, responden os sabichosos, sen darse idea da gracia que me causan. (...)

  Os compañeiros, a medida que foron chegando, engancháronse na discusión de sempre sobre os males rojillos. Que se Ordax sufría tortícolo e non metía un cabezazo entre os tres paus, que se Fuertes era un chanquiñas e Montenegro unha bailarina... Falouse incluso de deixar os sensabores do balompé e organizar un campionato de chave."

Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.120

miércoles, 30 de marzo de 2016

De novo a amoxetar putas

"-Xa verás como teño que tocar a chanca pola raia.

  -Para facer o paripé, Sindo. Non tardarán en poñerte de novo a amoxetar putas no Vilar.

  Subindo a rúa do Concello pensei en tomarlle outro vaso e retrasar o encontro co xefe. De seu rabudo, co asunto dos portugueses pintaría a cana verde. Pero nin sequera a augardente torce o que está de ser, así que crucei a Diagonal e seguín cara ó Parque de San Lázaro. Ó estacionar -espantando mocosos que abrían a boca pasmados co meu Dauphine-, xa vin que me acenaban os policías da escolta dende o Goberno Civil."

Bieito Iglesias, "Luanda" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx. 13

jueves, 22 de enero de 2015

Sabía que nós eramos de confianza

"Ángel Caído", 1951
"-E se llas pedimos a Xurxo? -Xurxo é un dos nosos profesores de educación física. Tamén adoita andar no pavillón dos deportes dos Remedios, como monitor-. Se estivese hoxe, ben nos podería deixar unhas bicis...

Baixamos polo monumento ao Anxo Caído, que por certo é obra do mestre Asorey. Tiramos rúa do Concello abaixo. En menos do que se tarda en dicilo estabamos no pavillón, porque todo é costa abaixo.

 Tivemos moita sorte. Xurxo estaba, non nos puxo problemas. Sabía que nós eramos de confianza.

 (...) Coa mesma, cruzamos a Ponte Vella e, de alí a un pouco, enfilamos o camiño das termas, pola ribeira do río."

Ramón Caride, O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, ed. Xerais, xaneiro 2013, páx.44-45