Mostrando entradas con la etiqueta emma_pedreira. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta emma_pedreira. Mostrar todas las entradas

martes, 10 de marzo de 2020

Besta do seu sangue. 2018.

Capa do libro. Ed. Xerais. Colección Narrativa nº 434. Vigo, 2018. 


Obra polifónica na que a partir de breves e suxestivos textos vaise relatando a vida de Manuela Blanco Romasanta, centrándose na súa conflitiva identidade sexual. Unha diversidade de voces narrativas tratan de dar unha visión de conxunto desta poliédrica historia. Gañadora do Premio Xerais de Novela 2018.

(“El bosque de Ancines” non se puido facer co primeiro posto no premio Nadal, pero por fin, sesenta e un anos despois, unha novela inspirada en Manuel Blanco Romasanta gaña un premio literario importante.)

Presentación do libro na páxina web de Xerais:

Premio Xerais de Novela, 2018 - Premio Fervenzas Literarias ao Mellor libro de narrativa, 2018 - Premio Fervenzas Literaria á Mellor capa de adultos do 2018.

Besta do seu sangue relata, con grande orixinalidade, unha historia inspirada na figura e no mito de Blanco Romasanta desde unha visión que propugna unha revisión de xénero. Disposta como un conxunto fluído de microunidades narrativas, na novela conviven os rexistros culto e coloquial para vencellar as voces partícipes da historia e da creación do mito nacido arredor da persoa que foi considerada a primeira asasina en serie da nosa historia. A obra supón unha proposta transgresora e fragmentaria que se caracteriza por esa multiplicidade de voces, polo seu esencialismo narrativo e por exhibir diversos rexistros para abordar o tema da licantropía desde unha perspectiva de xénero. Narrada desde unha linguaxe poética, ao longo das páxinas desta excelente novela, salienta unha atmosfera de desacougo e angustia para abordar o tratamento dun personaxe que bebe das fontes cultas, mitolóxicas e populares galegas para reavivar a figura do lobo e a súa convivencia co ser humano.


domingo, 19 de enero de 2020

Unha muller contra unha besta

“Nela abriu as pernas e mirou. Ela non vía nada distinto, todo en si mesma estaba igual do que estivera sempre, pero en comparación non era como Narda. Pero tampouco era como o Xosé ou o Antón. Pensou en se cadaquén sería só igual a si mesmo. E asumiu que ela era Manuela e tamén Manuel e con grande desgusto do papá comezou a vestir como os irmáns e cortou o cabelo, comezoulle a medrar a barba pechada e castaña e soubo que sería home por fóra a partir dese momento aínda que no de dentro pelexase unha muller contra unha besta.”

Pedreira, Emma. Besta do seu sangue. Ed. Xerais. 2018. Páx. 26

sábado, 18 de enero de 2020

Quero ser un home

“Quero ser como os demáis. Xa es como os demais, es coma todos. Pero coma eles. Quero ser un home. E ao día seguinte, ao recoller a roupa seca da trandeira, proba a camisa do Antón e mais os calzóns do Xosé e sente que aquilo que lle comezou medrar na entreperna se atopa moito máis libre se está dentro deses lenzos. E séntese tamén traizoada por Narda, que non lle contou que ás veces o sangue non é fiel a quen o desexa e tampouco lle contou que entre os pelos da pube, agochado entre as coxas, ía medrarlle un pequenísimo rabo que ela odiaba e afastaba ao pensar que a achegaba ao propio demo. Ata que viu os seus irmáns postos en ringleira contra o valo a mexar.”

Pedreira, Emma. Besta do seu sangue. Ed. Xerais. 2018. Páx. 25

viernes, 17 de enero de 2020

Aquel sangue desexado

“Pero chegaron os catorce anos e aquel sangue desexado aínda non lle chegara.

 Hai rapazas que tardan máis en ser mulleres, dicía a mamá falando coa avoa. Pero esta nena está a encherse de pelo e nin medra nin lle medran os peitos nin ten mostra de ir ser muller en breves. Dígoche que está fadada, sempre cho dixen.

 E Nela, que cada vez camiña máis na compaña dos seus irmáns e até comeza a imitarlles o movemento, o fumar co cigarro agochado na cuncha da man, o cuspir no piso, o xuramento pronto para saír dentro de cada frase.”

Pedreira, Emma. Besta do seu sangue. Ed. Xerais. 2018. Páx. 24

jueves, 26 de diciembre de 2019

Os touciños e os untos

“Pois nestas terras temos escoitado en varios lugares que anda polas serras que dan ao sur de Galicia o Sacaúntos, que aquí lle dicimos o Sacamantecas, que quer falar a historia dun ou varios tipos que fan comercio coas graxas do corpo da xente e para iso teñen que matala e despezala como se fai cos porcos cando lles chega o día e lles rebandan os touciños e os untos.”

Pedreira, Emma. Besta do seu sangue. Ed. Xerais. 2018. Páx. 81

miércoles, 25 de diciembre de 2019

O sétimo ou noveno de sete ou nove


“As crenzas do lugar din que o sétimo ou noveno de sete ou nove irmáns será lobo e a sétima entre as nenas, peeira, que significa a que goberna na manda dos lobos. Isto será así aínda que deses sete algún morra na infancia ou se perda no ventre materno e non chegue a ser. Aquí cóntanse as ganancias e tamén as perdas.

 Tamén se di que será lobishome quen reciba a fada ou o ollar velenoso de quen o odie ou a trabadela dun lobo ou do lobicán. As crenzas dos lugares escuros din que para evitar a fada haberá que envolver a criatura en lenzos de fío branco, lavala con auga de sete muíños e, tras queimar o manto na lareira, facerlle coas cinzas na fronte o sinal da cruz cristiá. Tamén pode facerse un bolo co refugallo e darllo a comer a un animal sen dentes, como unha pita. Este remedio tamén é usado para sacar a fada do aire de morto, de becho e a sombra.”

Pedreira, Emma. Besta do seu sangue. Ed. Xerais. 2018. Páx. 13

martes, 10 de diciembre de 2019

Tal noxo e tal crime

 “-Como me chaman Surtú que as miñas tías, ou da miña muller, tanto ten para o caso, están mortas e enterradas e antes diso o Tendeiro tivo de sacarlles a graxa e vendela no país veciño, que aquí non queremos tal noxo e tal crime.”

Pedreira, Emma. Besta do seu sangue. Ed. Xerais. 2018. Páx. 83

jueves, 5 de diciembre de 2019

Pronto irei eu

“O señor Manuel é bo e tróuxome a vivir con el aínda que a tía Xosefa quería quedar comigo, pero tivo que deixarme marchar e todas me fostes deixando para irdes para aí. Pronto irei eu. Di o señor Manuel que o cura co que estades me quererá cando deixe de ser moza e sexa muller, porque de máis nenos non poden coidar e cada mes vaime preguntando se xa me veu a cousa de manchar.”

Pedreira, Emma. Besta do seu sangue. Ed. Xerais. 2018. Páx. 76

jueves, 28 de noviembre de 2019

Antonia Bonita

“Antonia de Rebordechao, Antonia Vianesa, Antonia Bonita, Antonia desquerida, desbotada, ninguén te quere e eu son quen te coida, quen te aloumiña. Mira para min e creme, cando digo que son máis parecido a ti do que ti mesma, que te quero con toda a equipaxe de ósos que levas, as dúas nenas e ti. Catro fluxos compasados de sangue cando a lúa está ben alta.”

Pedreira, Emma. Besta do seu sangue. Ed. Xerais. 2018. Páx. 73

domingo, 24 de noviembre de 2019

Deito leite a chorros polo peito

“Eu non sei nada, certo, Benita, e ti tampouco. (...)

 E que agora, por baixo da camisa, Benita, deito leite a chorros polo peito e por iso hoxe non quero nada contigo. Por se me oles, sabes, presentes. Ves.”

Pedreira, Emma. Besta do seu sangue. Ed. Xerais. 2018. Páx. 70

martes, 12 de noviembre de 2019

Nena linda e sabia e rideira

“Manuela chámase como a min me chamaran nun principio, como se me chama a de dentro. (...) A filliña, a Petronila, Petra que lle chama ela, faille de espello e de lembranza do pasado, así era, mira ti, así era eu aos seus mesmos anos, que fresca, que doada de enganar, que espanto. E Petriña é nena linda e sabia e rideira pero nena ao cabo, e aí dentro desa cousa xa van todos os perigos.”

Pedreira, Emma. Besta do seu sangue. Ed. Xerais. 2018. Páx. 52

domingo, 10 de noviembre de 2019

Medo do home dos untos

“Pois verá, seica faltan das súas casas desde hai ben de días, a Manuela e a Benita, e que levaron con elas os fillos. Que a Petriña foi a que marchou primeiro e que están todos os catro colocados moi ben a traballar en Santander, na casa de curas ricos que miran moito por eles. Que non volven.

 Pois eu o que creo é que marcharon porque teñen medo do home dos untos, que disque andan pola serra uns criminais portugueses que matan as mulleres novas e lles sacan a graxa do corpo para facer xabóns para as ricachas da cidade e que por non teren elas homes que as abeiren marcharon por non andar elas e os tenros fillos tentando a súa sorte polos camiños adiante.

 E mesmo venderon casas e leiras e algún animal e mesmo roupa de avío, iso é que marchan sen afán de volver.

 Pois eu seille de ben que Manuel o Tendeiro botou unha man aos catro para iren pasando de aquí a Asturias e de alí a Santander e que ha volver polo resto de irmás e xuntalas todas. Quen nos dese a nós.”

Pedreira, Emma. Besta do seu sangue. Ed. Xerais. 2018. Páx. 72

martes, 5 de noviembre de 2019

As primeiras que matei

“As primeiras que matei foi Petra, filla de Manuela, e logo a ela mesma e a súa irmá Bieita co seu fillo Francisco, un neno moi bo. Antonia Rúa e Peregrina foron xuntas e non tiñan que ver coas outras dúas. Despois foi Xosé, fillo de Xosefa e Xosefa mesma.

 Logo tivo que ser María, filla tamén de Bieita e que quedara na miña casa. Pero hai máis. Porque os lobos, eu e Antonio e don Genaro, estabamos inchados de fame e forza, porque a lúa nos facía envorcallarnos polo chan e facernos feras, duplicábasenos o tamaño do espinazo, faciámonos sensibles a calquera cheiro, sabor ou ruído.”

Pedreira, Emma. Besta do seu sangue. Ed. Xerais. 2018. Páx. 89

domingo, 27 de octubre de 2019

Aprendera o que aprenderan

“Deste xeito criouse a nena dos Blanco. Manuela aprendera o que aprenderan as súas irmás ou calquera outra nena do seu tempo. Aprendera a escribir o seu nome, contar polos dedos para ir vender algunha cousiña á feira e que non a enganasen co que valían os ovos, e tamén a delourar e facer as camas, algo de hixiene de si mesma e da casa, a cantar bonito na misa e arranxar a igrexa. Tamén sabía despenar aves, avivar e manter o lume, medir o leite e facer nata coa tona, coser un pouco, calcetar e lavar no río. Tiña seis anos. E pelos nas coxas como un varón cumprido.”

Pedreira, Emma. Besta do seu sangue. Ed. Xerais. 2018. Páx. 18

lunes, 7 de octubre de 2019

O grito

“E de socato o grito: rebentou! Como cho conto. Estaba como sempre, metido na súa cela, contra a luz da xanela, bordando ou cosendo ou facendo unha perrallada das súas, cun dos seus cadelos a esbardallarlle como sempre, desde a porta, que a falta de pan boas serán tortas e el a ignoralo pero a poñer a orella e deitar o pano sobre a cara, o de sempre, e non fixo nin mu, non deu nin chío, de repente quedou quieto, alzou a cabeza, botou o peito como un can cando se estarrica e rebentou por dentro. Unha poza de sangue saíalle gorda polo rodo da saia, cada vez máis grande. E alí quedou.”

Pedreira, Emma. Besta do seu sangue. Ed. Xerais. 2018. Páx. 113

jueves, 26 de septiembre de 2019

Febre e delirios

“A pasada noite, primeira desde o seu ingreso neste cárcere, o preso Manuel Blanco presentou indicios de febre e delirios, inquietude e o que poderían ser remorsos ou pesadelos. Entre a vixilia e o sono berrou e chamou por nomes de muller que poderían ser os das súas vítimas ou das súas familiares, sen ser ningún certamente recoñecible. En ningún momento quixo tocar nin deitarse sobre o xergón que se dispuxo para o seu descanso. Ficou engruñado nun recanto, coa cara agochada entre os brazos e inmóbil e só ao ir entrando a noite tomou posición de durmir, pero ao minuto envorcallouse polo chan e fixo acenos de querer arrincar a roupa e ficar espido.”

Pedreira, Emma. Besta do seu sangue. Ed. Xerais. 2018. Páx. 101

martes, 24 de septiembre de 2019

Unha copiña de licor e un bo cigarro

“A raíña le os xornais como o faría calquera rei soberano, cunha copiña de licor e un bo cigarro, chucha o dedo corazón e solta un xuramento a quen sabe que non pode oíla: cona bendita, un home lobo asasino e sacamanteigas polos montes de Galiza! E esa noite, na súa sesión de espiritismo dos xoves, preguntará collida da man esquerda á mademoiselle de Rapeneau e da dereita a míster Archibald Von Tribolm onde están e como se chaman as nove almiñas mortas. E todo será silencio.”

Pedreira, Emma. Besta do seu sangue. Ed. Xerais. 2018. Páx. 95

lunes, 23 de septiembre de 2019

Se a súa mercé o estimase procedente

“Así mesmo, a raíña fai constar o seu desexo de conmutar a pena de morte pola cadea perpetua para que desta maneira freemos a inminencia da desaparición de todos os suxeitos deste caso e fagamos as probas de míster Philips se a súa mercé o estimase procedente.”

Pedreira, Emma. Besta do seu sangue. Ed. Xerais. 2018. Páx. 93

viernes, 20 de septiembre de 2019

Monomanía licantrópica

“O que vostede, doutor Philips, denomina monomanía licantrópica, os doutores da ciencia médica que interviñeron no caso que nos ocupa considérano como distorsión da personalidade, así como alucinacións recorrentes e finxidas a través das cales o acusado quixo facer un circunloquio eximente da culpa.

  Até o momento non se retractou ou mudou a súa versión, e este tribunal ditará xusta sentenza e con toda a forza da Lei. Os seus servizos, doutor Philips, son totalmente inútiles nun caso onde se asume a culpabilidade e mesmo se manifesta e reitera con egocéntrica minuciosidade. O reo non actuou guiado de man de ninguén, non foi coaccionado nin levado a ser lobo; o propio reo foi lobo durante eses doce anos de crimes confesados. A totalidade do seu relato ocúpaa o lobo.”

Pedreira, Emma. Besta do seu sangue. Ed. Xerais. 2018. Páx. 96-97

lunes, 16 de septiembre de 2019

Eminente cidadán francés

“Señoría, desde a Gobernación e a través do ministro de Graza e Xustiza e recomendado pola Súa Maxestade, fannos chegar unha carta peticionaria dun tal doutor Philips.

 Investigadas as fontes que dan credibilidade á súa figura, resulta ser este doutor Philips un eminente cidadán francés que tivo coñecemento do caso que nos ocupa polos diarios, que xa no resto de países se fan eco das nosas eivas sociais, e expresa que quere poñer a disposición da defensa deste Manuel Blanco Romasanta os seus métodos científicos de vangarda, que non deixan de ser unha sorte de mesmerismo ao que el bautizou como “electrobioloxía” ou, que é o mesmo, unha pseudociencia.”

Pedreira, Emma. Besta do seu sangue. Ed. Xerais. 2018. Páx. 92