Mostrando entradas con la etiqueta cidade. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta cidade. Mostrar todas las entradas

sábado, 28 de noviembre de 2020

Zona verde

"-Non. Só quero que recoñezas que nesas gravacións hai algo máis interesante que a banda sonora dun casquete. Os terreos onde o teu amiguiño levantou o Centro Comercial foron recualificados da noite para a mañá e estaban considerados como zona verde. (...) Os grupos da oposición entenderon as protestas dos veciños e reclamaron que se dese marcha atrás polo ben da cidade. (...) Empeza a construírse o Centro Comercial e todos calan coma putas. (...)

Miss Chispatown tentou conter as bágoas."

Diego Ameixeiras, O cidadán do mes.  Ed. Xerais, 2006. Páx. 201-202.

miércoles, 25 de noviembre de 2020

Asolando a cidade

"- "(...) O corpo apareceu con varias feridas de arma branca e o seu estado de descomposición non é moi avanzado. A Garda Militar puxo en marcha os seus axentes da Brigada de Homicidios para atopar ao culpable do crime e, nunha primeira valoración a cargo das autoridades que levan a investigación do caso, descartouse a posibilidade de que a morte poida ter algunha relación cos asasinatos que nos últimos meses están asolando a cidade."

  Gozaba dunha boa ducha cando soou o teléfono. (...)

 Miss Agosto fixo un silencio. Aclarei a voz e regresei ao baño para secarme."

Diego Ameixeiras, O cidadán do mes.  Ed. Xerais, 2006. Páx. 195-196.

miércoles, 28 de octubre de 2020

As caldeiras do inferno

 "Petei varias veces na porta, mais era evidente que Miss Canícula non estaba. Tampouco collía o teléfono e a veciñanza non daba sinais de vida. Era o momento de xogalo todo a unha carta: debíalle unha segunda visita a Sousa.

Tiven sorte. Non me custou moito traballo levantarlle o carro a un pobre incauto que parara en dobre fila para mercar o xornal. A cidade ardía como só arden as caldeiras do inferno."

Diego Ameixeiras, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 176.  

lunes, 26 de octubre de 2020

Présa

 "-Non agardaba atoparte por aquí, Porter.

 -Nin eu. Bendita casualidade. Esta cidade éche ben pequena, ho. ¿Que fas polo barrio?

 -Iso quixera saber eu. ¿Podo saber que andas cheirando por aquí?

 -Non te me alteres, Horacio. Se traballas moito non é culpa miña. Vémonos no Auriense. Levo présa."

Diego Ameixeiras, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 173.  

jueves, 24 de septiembre de 2020

Os ouveos do can

 "Os ouveos do can seguían consumindo a noite a dentadas e nun monte ao lonxe adiviñei as lapas doutro vigoroso incendio. Puxen algo dos Bellrays, prendín un cigarro e arrinquei o coche. Seguín ao Regueira ata a entrada da cidade un tanto distraído, pensando en tempos mellores. Non era a primeria vez que unha muller como Sonia Bouzas me mentía, pero recoñezo que me inquietaba o xogo a varias bandas porque seguía sendo da opinión de que a experiencia nos fai máis vulnerables e bastante máis parvos."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 125-126.

martes, 15 de septiembre de 2020

Media cidade

 "E supoño que era certo. Anos atrás, Basuco presentárase na cidade disposto a mudar de vida. Contaban que traballara un tempo nun taller mecánico da Estrada da Granxa, mais ao pouco convertérase nun dos habituais mercadeando perico pola Praza de San Marcial. Todo o mundo sabía que tempo despois alugara un piso na Rúa dos Fornos, dende onde abastecía a media cidade."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 106.

jueves, 10 de septiembre de 2020

Pecados

 "A cidade estaba tranquila e parecía satisfeita cos seus pecados. Tomei unha cervexa e cheguei ao Rock Club co ánimo anovado. Porter inxería cubatas con esa avidez tan característica dos xornalistas con problemas de autoestima."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 95.

miércoles, 9 de septiembre de 2020

O pé do acelerador

"-Paulo é un bo tipo, Marina. Coido que podemos ser grandes amigos. Roi estaría moi orgulloso se puidera comprobar o ben que fala. Parece un libro aberto. ¿Levádesme ao Couto?

Chegamos á cidade no tempo en que un bebedor de fondo baixa unha cervexa con gasosa. Marina conducía como unha auténtica perturbada. (...) No entanto, antes de trazar as primeiras curvas que anunciaban a entrada en Barrocás, Paulo e mais eu tivemos que implorarlle a Marina que levantase o pé do acelerador, non fora ser que a nosa defunción coincidise cun atentado do GIA ou cun dos mortos de Porter."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 94. 

lunes, 7 de septiembre de 2020

Imposto revolucionario

 "-Un inimigo do pobo -empreguei a súa termioloxía-. Empresario, triunfador, íntimo do alcalde e membro do Foro pola Democracia. Preside Construcións Sousa e está enchendo os petos levantando o Centro Comerecial Milenio, un verdadeiro atentado urbanístico e ecolóxico no corazón da cidade, ¿non si? (...)

-Déixate de lerias, Paulo. Non me negarás que Sousa está ameazado polo GIA. Só fai falta dar unha volta polo Centro Comercial e ler algunhas pintadas. ¿Paga o imposto revolucionario?"

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 91.

domingo, 30 de agosto de 2020

Sen rumbo pola cidade

 "-(...) Non quedei moi satisfeita coa explicación, así que seguino unha das moitas tardes que saía da casa sen dicirme a onde ía, pero o único que saquei en limpo era que pasaba o seu tempo libre dando voltas sen rumbo pola cidade."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 73.

viernes, 28 de agosto de 2020

O demo sempre fala de madrugada

 "-E aínda non viu o mellor. Nesta cidade o demo sempre fala de madrugada.

Sonia sorriu e bebeu o whisky dun grolo. Ben sabía por onde pisaba."

Diego Ameixeira, O cidadán do mes. Ed. Xerais, 2006, páx. 72.

domingo, 31 de mayo de 2020

Sereno, arruinado pola súa asma (XVII)

                                        ¡Refai agora a historia 
                                                                           no burdel... Pedrayo!    
                                        Ti si que podes,   
                                        e selemos un pacto entre señores:
                                        prestarasme a esa furcia
                                        pra que eu lle apalpe os séculos e as tetas.

                                       Velos aí:
                                                    Dez mil anos fodidos na moqueta...

                                       ¡Bebede sombras!
                                       élle adecuado alcol ós sucesos futuros.
                                       Poñede un alalá na sinfonola
                                       e desandade os sangues,
                                       cos que un día
                                      o Sangue urdiu mentira esta cidade.

                                      Rematou o romance,
                                                                       Serenou,
                                      como estaba previsto.

Guede, Manuel. Contra Serenou. Ed. Sotelo Blanco, 1985, páx. 35.
                       

viernes, 15 de mayo de 2020

Sereno, arruinado pola asma... (I)

SERENO, ARRUINADO POLA ASMA, INVOCA
ANTANO ÁS PORTAS DA CIDADE

A Benito Lentellais, 
capataz de serenos alá no Serenou de 1842

Eu veño a declararte,
a apalparche a tristeza,
a bebe-la mentira dos que beben contigo
cando menten contigo e beben sos.
E a ti.
Eu veño a someterme.
A que tornes á alcoba e me reduzas.
Que me habites dediante do desprecio.
Finalmente.
E por se acaso veño
a que confundas
          entre ti
e arredores de logo, lago, enigma;
a procedencia incerta na que vivo as palabras.

¡Cidade de cascudas!

Filmádelle un trailer a estas pedras
no que un home é mentira,
mentras a néboa pasa
                         e acontece.

Guede, Manuel. Contra Serenou. Ed. Sotelo Blanco, 1985, páx. 27.

sábado, 16 de marzo de 2019

566

"Adios, ciudade d´Aurense,
nunca tí foras fundada!
A frorciña de Galicia
ehí che queda resellada."

Literatura Popular de Galicia: colección de coplas, villancicos, diálogos, romances, cuentos y refranes gallegos. Orense, 1881. (Deputación Provincial de Ourense, 1987). Recollidos por D. Juan Antonio Saco y Arce. páx. 151

miércoles, 13 de marzo de 2019

972

"Adios, cidade d´Aurense!
Adios, figueira d´os figos!
Nunca ch´estou mais contento
c´agora cos meus amigos."

Literatura Popular de Galicia: colección de coplas, villancicos, diálogos, romances, cuentos y refranes gallegos. Orense, 1881. (Deputación Provincial de Ourense, 1987). Recollidos por D. Juan Antonio Saco y Arce. páx. 134

sábado, 6 de octubre de 2018

Crebacabezas inmenso

“Os recordos, tan recentes todos aínda, revividos había uns días durante a viaxe con Arturo ata a cidade para avisar á miña nai, despois do disparo daquela noite fatídica, empezaban agora a trastocarse cun crebacabezas inmenso, igual que se o mundo se descompuxese en miles de cubos xigantescos."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 240.

viernes, 5 de octubre de 2018

"Na última carta, Leopoldo declinaba unha invitación de mamá, na que ela non lle debía falar deles os dous nin do desexo de encontrarse, senón de min, e el lle respondía que sería mellor deixar pasar algún tempo, facer talvez algunha visita esporádica á casa da cidade, a tomar café, por exemplo, pero non ir a Beiro pasar unha semana. Nesa carta, Leopoldo cede, non obstante, a unha petición de mamá, é dicir,  que Carlos poida ir pasar o verán enteiro na casa de Beiro, e que me coñeza a min e poidamos xogar xuntos, que nos viría moi ben aos dous."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 239.

sábado, 29 de septiembre de 2018

Sen retórica

"Hai un pouco aínda, lin unha vez máis o paquete de cartas que me entregou a miña nai antes de regresar á cidade, o venres pasado. (...) Son quince cartas de Leopoldo, as tres primeiras escritas ao principio, cando el se foi de Beiro, , despois de que tía Mercedes os sorprendera bicándose no salón. Son cartas dun adolescente namorado, escritas cunha sinxeleza emocionante, sen retórica."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 235-236.

lunes, 17 de septiembre de 2018

O sol amarelo

"Cando chegamos á casa dos meus pais, na cidade, ao baixar do coche, Arturo pediume que entrase eu primeiro. Pasei por diante del, atravesei o portal en penumbra e dirixinme lentamente cara á porta do fondo, que estaba aberta de par en par, enmarcada polo sol amarelo que viña da horta."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 217.

miércoles, 12 de septiembre de 2018

A calor do día nas pernas

"Así ata o día en que Carlos aproveitou a alegría que se notaba na casa porque tía Mercedes e papá estaban encantados pola visita de don Pedro Barrantes, o cóengo maxistral, que subira desde a cidade para pasar un par de días na nosa casa. (...) Unha vez que xa estabamos montados na moto, Carlos díxome: "Periquita, prepárate para unha grande aventura". Despois pegou un acelerón, fixo unha serie de eses no medio e medio da estrada e saímos correndo en dirección á cidade. Eu notaba a calor do día nas pernas..."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 204.