Mostrando entradas con la etiqueta can_Rin. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta can_Rin. Mostrar todas las entradas

sábado, 28 de enero de 2017

Unha promesa

"Perdóoche a vida -dixo o can-, se fas unha promesa. Que o día da festa de Beiro vaias á aldea á saída da misa e que diante de todo o mundo lambas unha ovella.

  -Lamber unha ovella?- preguntou Crispín.

  -Lamber unha ovella -contestou o can.

  -Moito me pides -protestou o lobo.

  -Elixe -díxolle o can.

  -Elixido está -dixo o lobo."

Carlos Casares, O can Rin e o lobo Crispín, ed. Galaxia, colección árbore, 2005, páx.26-27

viernes, 27 de enero de 2017

Valente sancristán

"O lobo Crispín, que ata aquel momento non lle fixera ningún caso ao can, empezou a rir ás gargalladas e a amparar a barriga coas mans do riso que lle daban as palabras do Rin. Despois dixo:

  -Mira ti quen foi falar! O can do cura de Beiro! Valente sancristán es ti, lambón! Quita de aí, que che dou unha dentada no cu que te deixo sentado polos días que che quedan de vida, alpabarda!

  O can púxose aínda máis serio do que estaba e volveulle dicir:

 -Eu avísote!"

Carlos Casares, O can Rin e o lobo Crispín, ed. Galaxia, colección árbore, 2005, páx.23

jueves, 26 de enero de 2017

O Noso Pai ao revés

"Xa no camiño, o can fíxoo rir coa historia de don Cirilo, o cóengo de Burgos que quería ser monxa, e cun conto que lle escoitara ao señor abade de Beiro sobre uns senvergonzas que andaban polas terras de Ourense convertendo a auga en viño a base de rezar o Noso Pai ao revés. Íalle falando precisamente deste sucedido cando atravesaban a fraga de Liñares e nesto que, de súpeto, o cabalo se puxo de pé, rinchando todo asustado, como se vise unha cousa do outro mundo. A continuación oíuse un renxer terrible entre a follaxe do bosque e diante deles apareceu unha masa escura e grande, como un boi.

 -Crispín! É Crispín! Estamos perdidos! -berrou o médico."

Carlos Casares, O can Rin e o lobo Crispín, ed. Galaxia, colección árbore, 2005, páx.18

miércoles, 25 de enero de 2017

E se sae Crispín?

"Entón o que pasa -dixo o can-  e que vostede ten medo. Está ben. Pero non se preocupe que eu lle podo entreter o camiño con historias e con cantos, que os sei moi bonitos, ata un moi chocante que lle oín contar ao señor bispo de Ourense, cando era o meu amo, sobre un cóengo de Burgos que quería ser monxa.

  -E se sae Crispín? -preguntou o médico.

  -E quen é Crispín?- preguntou o can."

Carlos Casares, O can Rin e o lobo Crispín, ed. Galaxia, colección árbore, 2005, páx.14

martes, 24 de enero de 2017

Tronada con moita auga

"Aquel mesmo día pola tarde prediciu que ía vir unha tronada con moita auga e moito raio e que conviña meter o gando nas cortes, e pola noite andou de porta en porta preguntando polas casas se cumpría a súa axuda para calquera cousa. Necesitaron del no lugar de Tralaira, porque unha veciña se puxera mala. El soíño, sen guía nin axuda, foi buscar o médico de Amoeiro."

Carlos Casares, O can Rin e o lobo Crispín, ed. Galaxia, colección árbore, 2005, páx.8

lunes, 23 de enero de 2017

O leite no lume

"Como o can tiña esa graza de saber rezar, os de Burgos regaláronllo ao señor bispo de Ourense, que foi o seu amo durante cinco meses. Ao cabo dese tempo, o can Rin empezou a dicir animaladas e pecados, que polo visto lle aprendía un sancristán, e que asustaban e incomodaban as visitas. Por iso o señor bispo llo regalou ao abade de Beiro, co encargo de que lle aprendese educación e que non escandalizase ao vecindario.

  En Beiro, o Rin nunca deu mal que falar. Nada máis chegar á súa nova casa, xa lle fixo un favor á irmá do señor cura: avisouna de que o leite se ía verter no lume."

Carlos Casares, O can Rin e o lobo Crispín, ed. Galaxia, colección árbore, 2005, páx. 6

miércoles, 4 de enero de 2017

O can Rin e o lobo Crispín (1983)

O can Rin. Ilustración de Pedro del Llano

"Unha vez era un can que se chamaba Rin. Era un can grande e forte, aínda que xa un pouco vello. De novo, fora o can máis valente de dez parroquias arredor e contábase del, ademais, que era moi listo. Sabía sumar, recitaba poesías en portugués e daba os saúdos en cinco idiomas diferentes."

Carlos Casares, O can Rin e o lobo Crispín. Ed. Galaxia, Vigo, 1983, páx. 3

EDICIÓNS

-1983: Ed. Galaxia: colección A Chalupa, nº 5. Galaxia.. Ilustracións de Pedro del Llano.