I
Hai en Ourense un camiño triste e sombrizo, que vai dende o mosteiro de San
Francisco hasta a rúa de Pena-vixía.
Non ten nin unha mala chouza, soilo os postigos das pequenas hortas do pobo
rompen a monotonía dos altos muros, por riba dos cales asoman os aretes das
vides e as ponlas dos froitales, que se enredan nas silvas e as edreiras.
Eiquí e alá, espalla cheiros a madreselva, ou bambéanse os lelíes, ou
prestan soma os loureiros.
Entre as nais, non goza de boa sona o tal carreiro, porque máis dunha vez lle
viñeron os fillos coa cabeza escachizada, das malditas pedreas, e entre as
malas língoas dise que, pola noite, máis dun soldado do veciño coartel,
convertido en novo Adán, anda ás esculcas das Evas descarriadas, e que, por
causa de tales Evas, a máis dun codeo se lle esqueceu o candil.
En fin, faladurías.
Pero cando había que ver o tal carreiro, era polas sestas, cando os rapaces
que latan á escola iban a cazar lagartos ó lazo, ou xogar á billarda e a “xota,
xusticia, ladrón”.