Mostrando entradas con la etiqueta ribeiriño. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta ribeiriño. Mostrar todas las entradas

lunes, 7 de noviembre de 2016

Treboada

"Ó saír reloucoume o corazón. Tina estaba sentada no capó do Dauphine, con ese sorriso que só elas saben compoñer.

  -Recibín a foto. Puideches gastar un pouco máis e facela de estudio. Saíches feo coma un corno.

  -Téñoche unha sorpresa.

  Ficou pampa. Nunca lle regalaba nada. As bragas de Lencería Fefa deixárona turulata. No traxecto ata a nosa casa do Ribeiriño intercambiamos cariños. Os melindres continuaron na intimidade, pero un home dos meus anos non se deixa enganar polo traidor semblante do tempo. Sabía que nos próximos días tería que escoitar a treboada."
Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.167-168

miércoles, 26 de octubre de 2016

Os coiñais da ribeira

"O avogado vivira en General Aranda -conforme dicía o papeliño co enderezo que me entregara a súa secretaria xunto coas chaves-, e iso obrigábame a cruzar o río. Fíxeno pola Ponte Nova e, se puidesen circular os turismos, meteríame polo Viaducto. O caso era pasar o máis lonxe posible do Ribeiriño. Con todo, non puiden evitar unha ollada de esguello cara ó leste. Por fortuna, o Miño fai unha reviravolta á altura da Ponte Vella, e non se divisaban os meus arrabaldos.

  A General Aranda, ou sexa á rúa do Cuartel, non a pararon de todo os constructores. Ficaban varias casiñas con hortas que baixaban ata os coiñais da ribeira. Onde empata con Rosalía de Castro, comezaron a erguerse os rañaceos, uns armatostes de edificios, de catro ou cinco andares, rematados en terraza. Ese detalle diferenciábaos doutros bloques do barrio, nos que, a falta de tendal no tellado, ondeaba a roupa en corredores e xanelas."

Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.141-142

miércoles, 22 de junio de 2016

Un xurafás

" Subiulle un lixeiro roibén ás meixelas.

  -Pregúnteme algo do catecismo.

 Pareceu gratamente sorprendido pola súbita conversión dun xurafás.

  -¿O quinto mandamento?

  -Hai anos que o seu antecesor me fixo esa pregunta na confirmación. Como era tan fácil, pediume un exemplo. Puxen por caso ó pecador que sabe dunha ponte falsa, a piques de caer, e, sen embargo, pasa arriscando alegremente a súa vida. Agora mesmo, estou pensando que ponte coller para chegar á miña casa do Ribeiriño. Traio un peso na conciencia. Un desliz cunha veciña do Castro. ¿Vostede cre que aguantará a Ponte Romana con esa carga?"

Bieito Iglesias, "A cruz de prata" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.113

domingo, 15 de mayo de 2016

O chichote

"Daquela levei a man ó chichote e xurei. Os pecados obrigaron a presinarse ás beatas que viñan da igrexa de Santo Domingo que, sen embargo, non se pararon a botarme unha man anque me vían caendo ás paredes.

  Puiden arrastrarme polo Parque de San Lázaro e chegar a comisaría. O xefe mandou buscar un médico e, por unha vez, freou a lingua respectando a miña dor de cabeza. Despacheino rosmando dúas ou tres explicacións confusas e pedín permiso para regresar ó Ribeiriño e probar as empanadas. Parei pouco na casa, collín unha ración con moitos vultos na masa, onde supuña emparedados os mellores toros de anguía, e dirixinme á Chabasqueira. Na morada do Aquilino notábase a man da funeraria La Gloria, había coroas e, sobre todo, estaba o cadaleito."

Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.51-52

sábado, 7 de mayo de 2016

Ás raparigas pimpantes

"O sol pousaba xa enriba de Piñor, cando regresei ó Ribeiriño. Non parei na casa, non tiña ganas de ver á Tina e ós convidados preparándose para saír ao baile. Seguín cara á Chabasqueira, pitándolle ós grupos de mozos ruidosos e asubiándolle ás raparigas pimpantes. A casa do interfecto ofrecía, en medio do bullicio festivo, un aire máis sinistro aínda do que é habitual nestes casos. (...)
 
  - ¿Era vostede amigo do defunto?
 
  - Si. Eu son Camilo Criado. Dirixo a Academia Corvelle, na que estudiou Maripi, a nena de Aquilino. (...)

  -¡Que raro! Os magnates, polo regular, gardan os fillos nos colexios de curas e monxas."
 
Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.44


sábado, 30 de abril de 2016

Polo si ou polo non

"Na casa xa sabían o conto. Resulta que o suceso afectaba a un veciño, a unha familia que vivía ó pasar a tasca de Raposo, entre o Ribeiriño e a Chabasqueria. O fillo do varrendeiro colgárase.

  -¡Mira ti que cousas!- exclamou a Tina-. Parece que foi onte cando festexou á filla no concurso de misses. (...)

  Polo si ou polo non, mentres guiaba o coche pola Ponte Vella fixen memoria do que sabía do defunto. Aquilino Cachafeiro pertencía a unha familia humilde..."

Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.39

martes, 26 de abril de 2016

Caterva familiar barulleira e famenta

"O que menos esperaba eu era traballar en plenas festas. A Tina metera no noso piso do Riberiño -a casa sindical que nos concederon por recomendación de don Jesús, párroco das Caldas- unha caterva familiar barulleira e famenta, que non voltaría á súa aldea da Limia ata roer o último óso dos dous años mercados por min para a ocasión. Vale Deus que a miña parentela tiña festa en Gustei e non quixo baixar á Ponte."

Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.37

domingo, 1 de febrero de 2015

Espernexaba na auga do río

"O xefe daqueles malvados perdérase, no entanto, cara a Ourense, aproveitando a confusión. E non era parvo, apañara outra bicicleta, e cando nos demos conta, xa nos levaba unha boa vantaxe. Sorte que o vimos ao lonxe. Como A Chavasqueira está preto da ponte do Ribeiriño e da do Milenio, debía querer pasalas, ou cruzar a segunda se cadra, e perderse na cidade.

(...) Era Lois, que espernexaba na auga do río, tentando malamente aboiar. (...) Sen que ninguén o advertise, porque xa todos, incluído o Capitán, sairamos tras o home de traxe, tirara a Lois da bicicleta, arrastrárao ao río e guindárao nel. Agora el fuxía a nado."

Ramón Caride, O Capitán Aspanitas e o misterio das Burgas, ed. Xerais, xaneiro 2013, páx.65-66


miércoles, 20 de agosto de 2014

A ringuileira ao solpor

"Dixéronnos no Fielato dos Remedios que se vira pasar a ringuileira ao solpor, e que no Ribeiriño quedara un can endentado i escoándose do seu sangue pola parte baixa do pescozo, e outro morto dunha roda de carromato que o pillou.

  Seguimos até Quintián onde había unha porta con luz e perguntámoslle ao alquitareiro que alí había e díxonos que por alí non se viran.

  E voltamos e chegamos á beira do Miño, por embaixo do Quintal de dona Calrota, e había lugar dabondo pra ver e non se viu ren, e voltamos pra a casa e deitámonos, eu moi acorado, a Evanxelina moi boa conmigo..."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 108, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

martes, 19 de agosto de 2014

Acantazando

"Xa ao empardecer dixérame o Eladio do Sancristán das Caldas, que a vira facía pouco, cunha ducia de cans de arredor, algúns diles xa queréndoselle botar cos dentes, que si a pillaban non se ía atopar nin un anaco do coiro, e outros que non os deixaban achegar, como si a defenderan;
e que armaran unha grande liorta uns cos outros no meio da carreteira da Estación, que non deixaban pasar;
  e que os cocheros, que viñan do tren rápido, baixaron a esparexelos a trallazos, e os rapaces do Ribeiriño fóranos acantazando até a beira do río, que se matasen dunha vez, e que na derradeira que os viu, a Tula aínda andaba con iles"

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 108, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

lunes, 7 de julio de 2014

Coas milmañas

"Tan boa e leda e servicial, que ía sacando os fillos adiante, a nena máis nova nas Carmelitas de pago, que hai que ver;

que se arranxaba coas milmañas de todas aquelas mulleriñas, que disque era filla duns estradeses que tiveran pousada de moinantes no Ribeiriño, ¡que non adeprendería alí! digo eu, e que adeprendera das gitanas a botar as cartas... que..."

 Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 35, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

domingo, 23 de febrero de 2014

Tras la curva de la farola

"No intenté la menor protesta cuando me dijeron, la víspera de la partida, que haríamos una confesión y comunión en la catedral. Aquella vez transigí con que la comunión fuese en la capilla del Santo Cristo. (...)

Cuando el tren iniciaba la bajada del Ribeiriño, último punto desde el cual se ve la ciudad en su conjunto, me fui al pasillo del tren. Los chicos quisieron seguirme y oí que la madre les decía, sofocando la voz:
-Déjenlo solo, ahora...

A medida que el valle iba hundiéndose tras las colinas, me fue venciendo una tristeza tan pesada que semejaba quererme asfixiar. Sabía muy bien que, tras la curva de la farola, sería el final. El llanto empezó a desatárseme con un fluir lento, caliente... Yo no hacía el menor esfuerzo por contenerlo ni sentía el menor pudor de que me viesen llorar.

 Lo último que iba quedando en el horizonte era la torre grande de la catedral, enhiesta, poderosa, feudal casi. Pero también ella iba hundiéndose, borrándose. Al final brillaron en la atmósfera los hierros de su cruz como un pectoral puesto sobre el pecho del cielo
 -¡Dame tu fortaleza, dame tu impasibilidad!-murmuré.

 Y luego, todo desapareció tras una espesa cortina de pinares. Pero yo me quedé con la frente pegada a los vidrios.

Eduardo Blanco-Amor, La catedral y el niño, ed. Galaxia, Vigo 1997, páxs. 448-450 (última páxina)