Mostrando entradas con la etiqueta rúa. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta rúa. Mostrar todas las entradas

miércoles, 25 de julio de 2018

Con bañadores de color

"Moitos dos ocupantes daqueles automóbiles irían pasar talvez a mañá á praia fluvial, que xa se vía desde alí completamente abarrotada por unha multitude de xente vestida con bañadores de color. Pola auga baixaban as primeiras barcas de alugamento que adoitaban usar os mozos co fin de afastarse da familia e poder gozar así duns momentos de intimidade, aínda que tampouco fose moita, porque a anchura do río non era demasiada naquela parte. Máis alá do zunido dos motores dos coches, da cidade chegaba unha sinfonía caótica de ruídos, desde as marteladas que proviñan dos talleres, ao pasar, ata o renxer esporádico dalgún carro tirado por cabalos ou os choros dun neno emperrechado e medio arrastrado violentamente pola rúa, agarrado da man da súa nai."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011, páx. 141-142.

martes, 22 de mayo de 2018

Pedradas no petador da porta da rúa

"Había tres anos que eu non vía a Carlos, concretamente desde o outono do ano 1965. Aquel día, Arturo e mais eu baixaramos de Beiro pola tarde para cear cos meus pais na casa deles, na cidade. A iso das dez da noite, cando estabamos no salón, esperando que Delfina nos avisase para pasar ao comedor, escoitáronse uns golpes como pedradas no petador da porta da rúa.  (...) Era evidente que aqueles golpes na porta lle causaban algún tipo de preocupación, quizais porque uns días antes houbera un roubo no barrio, cando uns atracadores lle pegaron un tiro no peito a Gonzalito Perille e lle levaron vinte mil pesos e un xamón."

Carlos Casares, O sol do verán. Ed. Galaxia, Biblioteca Carlos Casares, nº3. 1ª edición, 2002; 4ª edición nesta colección, Vigo, 2011. Páx. 15.

lunes, 14 de mayo de 2018

Dobrado sobre os xeonllos

"O home saca unha pistola do peto da zamarra, colócalla na parte de atrás, á altura da caluga, e dispáralle un tiro. Despois, sen mirar para el, segue o camiño dos demais. O que queda no sillón é un corpo encollido, dobrado sobre os xeonllos. Visto desde a outra beira da rúa, desde a parte de aquí do ventanal, parece un corpo insignificante, un pequeno vulto de carne non meirande que un can. Nese instante, Mariana abrázase a el e empeza a chorar."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 270-271.

domingo, 13 de mayo de 2018

Un libro pequeniño de tapas de coiro encarnado

"Imaxinou aquel buraco da mesma cor vermella que aínda o segue imaxinando agora, anos despois, coma os ollos dese home de lentes grosos que segue lendo aí enfronte, do outro lado da rúa, sentado no mesmo sillón azul, atrapado desde hai horas por un libro pequeniño de tapas de coiro encarnado. De aquí a pouco, vai pechar o libro, tomará se cadra as últimas notas na libreta de pastas negras de hule que ten por riba da mesa e despois quedará uns minutos sen facer nada, mirando cara ó chan, pensando quen sabe qué. (...)

  A escuridade apodérase agora da rúa. Ela segue sentada aínda ó pé da ventá, cos ollos perdidos nas manchas que se debuxan confusamente na porta de madeira da casa de enfronte."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 269.

domingo, 6 de mayo de 2018

Unha raiola

"Era unha velliña pequena e delgada, que a ela lle pareceu que tiña visto outras veces na rúa, sempre co veo cubríndolle unha parte do rostro e un misal de pastas marróns collido na man. (...)

  Poucos minutos despois, cruzando a Praza Maior, ela pensou que a calor do día resultaba abafante e buscou con ansiedade a sombra dos soportais do Espolón. As terrazas dos cafés estaban cheas de xente e diante da escalinata da Casa do Concello, un grupiño de nenos que tiñan pintada unha raiola sobre o pavimento de pedra xogaban baixo a vixilancia pouco dilixente de catro criadas vestidas de uniforme que falaban entre elas."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 264-265.

viernes, 4 de mayo de 2018

Unha riada de xente

"Fóra da sala, no mesmo vestíbulo do Instituto, a xente seguía esperando, agora falando en voz alta. Algunhas mulleres trataban de achegarse a un dos corredores que rodeaban o paraninfo por detrás, onde un grupo de soldados no permitía o paso de ninguén. (...) As señoras botáronse a correr cara á porta principal do Instituto e saíron á rúa, en dirección do xardín do Posío. Case ó mesmo tempo produciuse un movemento de nerviosismo colectivo na multitude que agardaba, e unha riada de xente seguiu ás mulleres."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 262-263.

jueves, 3 de mayo de 2018

Un sorriso

"Nese momento, a preguntas do fiscal, respondeu que el mesmo fora testemuña de como Antonio Salgado París, na véspera do asasinato do párroco de Regualde, dixera en plena rúa, diante de máis de cen persoas, que aquel cura era un obstáculo obxectivo para o progreso da boa causa dos traballadores. (...) Tiña ela os ollos cravados nos pelos rebeldes do cogote do acusado e esperaba que Antonio Salgado París se volvera para enviarlle un sorriso, igual que sucedía cando estudiaban naquel mesmo Instituto, na aula do piso de arriba que estaba pegada á biblioteca."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 260.

domingo, 29 de abril de 2018

Pequenas miniaturas

"Por último, nunha alusión bastante explícita ó citado colaborador, dicíase que un dos homes máis eminentes que habitaban na cidade, un humilde sabio que vivía modestamente nunha rúa estreita e tranquila, na paz necesaria que requiren os grandes espíritos para levar a cabo a alta misión que lles corresponde de acordo cos talentos que Deus lle deu, gardaba nas estanterías da súa biblioteca, como un símbolo dese amor polo humilde e polo pequeno, unha serie de pequenas miniaturas que lle recordaban coa súa presencia que o valor das cousas non depende do tamaño, senón da súa importancia intrínseca e verdadeira."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 252.

viernes, 27 de abril de 2018

Velada polo reflexo escuro do cristal da fiestra

"Agora mesmo, a mirada, aínda velada polo reflexo escuro do cristal da fiestra, non é máis que unha luz suave, sorprendida talvez soamente polas cousas miúdas que ocorren na rúa: unha señora vestida de loito que atravesa a calzada, un home que pasa arrastrando un carro cargado de carbón ou o castañeiro que se alonxa cara ó Parque anunciando a voces a súa mercancía. De pronto é como se os acontecementos que estes días conmoven á cidade tivesen lugar a miles de quilómetros de distancia, mesmo como se todo canto sucede no mundo se perdera nunha dimensión que el xa non consegue comprender."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 249-250.

miércoles, 25 de abril de 2018

Púxose a escribir

"Mentres durou o movemento na Rúa do Hospital, cada vez que se escoitaba o motor dun automóbil, el erguíase a mirar desde a fiestra para ver o que pasaba, non coa ansiedade de outras veces, senón con calma e cun xesto no rostro que indicaba curiosidade, mesmo tranquilidade ou indiferencia. Á última hora da tarde púxose a escribir e deixouse de interesar polo que sucedía na rúa. (...) Con toda seguridade, a esa distancia, a miopía non lle permitiu observar que da camioneta baixaron uns quince ou vinte soldados e que se situaron en grupo, sen formación de ningún tipo, á porta do Hospital, exactamente da parte de aquí do muro."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 248.

lunes, 16 de abril de 2018

A punto de caer sen vida

"Apareceu por detrás e deulle un bico. Aí están os dous mirando cara á rúa, comentando talvez algún detalle relacionado coas persoas que pasan por diante da casa ou do aspecto miserable dun can parado ó lado dun bidón de chapapote, na esquina da rúa que vai ó Hospital. É un can fraco e tiñoso, co lombo arqueado e a cabeza gacha, que parece enfermo, a punto de caer sen vida. (...) Toma alento, dá un par de pequenos bufidos e logo vaise a modiño, arrimado ás paredes das casas, en dirección ó Parque."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 239.

viernes, 13 de abril de 2018

Día de lume

"Ó pasar ó pé deles, por debaixo dos soportais da outra beira, ela só puido escoitar con claridade a expresión "circunstancias dolorosas", e xa un pouco máis adiante, ó chegar ó cruce da Rúa de Alba, percibiu con nitidez a voz del dicindo a palabra "salvación". Logo aínda seguiu escoitando a mesma voz durante algún tempo, cada vez máis apagada, mesturada por fin coas conversas das persoas que empezaban a saír á rúa a aquelas horas para iniciar o paseo pola rúa de Santo Domingo e gozar do fresco da tardiña, o primeiro alivio dun día de lume naquel verán insoportable."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 230.

sábado, 7 de abril de 2018

O alivio da noite

"Aquel venres fixera calor. Buscando o alivio da noite, ela sentárase tamén no balcón, este mesmo balcón que agora contempla do outro lado da ventá, detrás dos cristais. A rúa estaba deserta, pero escoitaba as conversas dos veciños que tomaban o fresco e facían comentarios sobre o tempo ou sobre a situación do país. (...) Ó pouco tempo, ela acabouse illando por completo do que sucedía na rúa. Pensaba na Casa Grande do Miño. (...)

  Estaba convencida de que nunca máis oiría falarlle a el daquela Casa Grande do Miño, das veladas nocturnas en familia, dos paseos á beira do río ou das cabalgadas polo monte."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 217-218.

viernes, 30 de marzo de 2018

Na monotonía da vida diaria

"Despois de intercambiar algúns xestos entre a xente do balcón e os que se atopaban na rúa, na cabeceira da manifestación, el saíuse do lugar que ocupaba e dirixiuse cara á porta do edificio. (...)

  Dicía que o día seguinte da demostración popular en contra do asasinato de Anselmo Perille e os seus amigos, el andara paseando polo centro da cidade e que na monotonía da vida diaria a xente comportábase como se nada sucedera: ían e viñan das súas tarefas, entraban nos comercios, acudían a facer xestións nas dependencias oficiais ou consumían refrescos e xelados nas terrazas dos cafés."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 198.

miércoles, 28 de marzo de 2018

Desde o alto das escaleiras

"Soamente modificou a súa posición no momento en que Antonio Montero dixo que un dos asasinos procedía de Madrid, que viaxara expresamente para cometer o atentado e que estivera na cidade facendo os preparativos durante unha semana, seguindo as víctimas pola rúa para averiguar os seus costumes e evitar así calquera fallo. (...)

  Na manifestación que se organizou máis tarde, el ía en cabeza, ó lado do bispo e do coronel. Ela viuno pasar desde o alto das escaleiras do pazo episcopal."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 196.

domingo, 25 de marzo de 2018

Repregado sobre si mesmo

"Ese home a quen quixo tanto, aí o ten, do outro lado da rúa. Segue na mesma posición que adoptou cando se foi o seu cuñado Eloi hai uns minutos. Desde entón está repregado sobre si mesmo, sentado no sillón azul, coa man dereita metida entre as pernas e a esquerda amparando a cabeza, que lle cae cara a aquel lado. Ata hai a penas uns segundos, non se decatara de que un pouco máis alá, ó pé da lámpada do fondo, Mariana estaba chorando."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 192.

miércoles, 7 de marzo de 2018

Nunha lonxana tarde

"Hoxe, tanto tempo despois, nada recorda nese vello prematuro que ela ve agora ó outro lado da rúa, detrás da fiestra do salón da casa de  en fronte, a aquel rapaz pequeno e delgado que nunha lonxana tarde de xuño de hai uns anos a fixera tan feliz. En apariencia, segue sendo o mesmo. As mans, que un xesto de cansanzo lle fai colocar nese momento sobre as meixelas, gardan a delgadez osuda que tiñan daquela, aínda que sen o anel de ouro que lucía no dedo mediano da esquerda e que estaba quitando e poñendo continuamente. O  cabelo, algo máis débil e frouxo, consérvao como era, loiro e brillante, aínda que sen a rebeldía aquela que o obrigaba a empregar sempre fixador. O que máis cambiou son os ollos. Agora mesmo miran pola ventá cara afora, extraviados na espesa nebulosa a través da cal ve as cousas."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 165.

domingo, 4 de marzo de 2018

¿Quen son os bichos?

"Pero ademais deste e doutros datos concretos, algúns deles xa coñecidos polas versións que circulan pola rúa, a folla publica tamén unha lista de individuos considerados indignos da condición de seres humanos, merecentes de aparecen catalogados entre as alimañas. Nesa lista figura o nome do gobernador civil, exactamente en terceiro lugar, entre o capitán Veneno e o inspector Ferreiro, a quen se acusa de introducirlle o canón da pistola pola boca a un rapaz chamado Camilo Fernández Picouto, natural de Piñeira Seca, de vinteún anos de idade, antigo carpinteiro, e rebentalo dun tiro. O panfleto remata cuha pregunta aparentemente enigmática: ¿Quen son os bichos?

(...) Hai anos, recén concluída a guerra, publicou un artigo, no cal, comentando a morte do cura párroco de Sarois, a quen unha partida de fuxidos lle voara a cabeza meténdolle un cartucho de dinamita na boca, utilizara precisamente esa pregunta."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 154.

domingo, 25 de febrero de 2018

De novo no sillón azul

"Despois de pechar a porta de golpe, dá un par de voltas pola habitación e logo detense diante da fiestra mirando para a rúa, como agora, consumindo un pito detrás de outro e movendo o corpo de lado a lado. Logo séntase de novo no sillón azul, coa cabeza apoiada na man dereita e as pernas cruzadas, case enroladas unha na delgadez esmirridada da outra."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 144-145.

sábado, 24 de febrero de 2018

Polo fume que sube do cigarro

"...pois a súa intención non era tomar aquela instalación militar, senón abrir o cerco que lles tendera a Garda Civil cando baixaban á cidade e foron sorprendidos nun monte da parroquia de Velle. (...) Despois de ler o papel unha vez máis, déixao sobre a camilla e acende un pito. Logo ponse de pé e camiña ata a fiestra, mira para a rúa e queda quieto naquela posición, cos ollos perdidos no aire e a fronte enrugada polo fume que sube do cigarro."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 143.