Mostrando entradas con la etiqueta casa_grande. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta casa_grande. Mostrar todas las entradas

sábado, 7 de abril de 2018

O alivio da noite

"Aquel venres fixera calor. Buscando o alivio da noite, ela sentárase tamén no balcón, este mesmo balcón que agora contempla do outro lado da ventá, detrás dos cristais. A rúa estaba deserta, pero escoitaba as conversas dos veciños que tomaban o fresco e facían comentarios sobre o tempo ou sobre a situación do país. (...) Ó pouco tempo, ela acabouse illando por completo do que sucedía na rúa. Pensaba na Casa Grande do Miño. (...)

  Estaba convencida de que nunca máis oiría falarlle a el daquela Casa Grande do Miño, das veladas nocturnas en familia, dos paseos á beira do río ou das cabalgadas polo monte."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 217-218.

jueves, 5 de abril de 2018

No recoveco amante da fonte

"Contárallo a el un día caloroso de verán na horta da casa de Sabucedo, sentados os dous á sombra dunha das árbores do paseo central, no recoveco amante da fonte. (...)

  A tarde do domingo que seguiu a aquel enfado, despois dos actos en honor da Virxe de Fátima, foi o último día que pasaron xuntos na casa de Sabucedo. Despois, o martes non se viron nin o mércores; o xoves, el mandoulle recado de que se atopaba mal; o venres informouse por Ana Montenegro de que fora á Casa Grande do Miño e que botara alí ata o luns pola mañá."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 201.

domingo, 1 de abril de 2018

Ton atemperado e suave

      "Estes días debe estar recordando unha parte da súa vida. Nos artigos publicados na última semana aparecen referencias frecuentes ós anos da nenez, especialmente ós veráns de Sabucedo; ou comentarios relacionados cos seus tempos na Universidade, escritos nun ton atemperado e suave, sen que se traduza neles aquela arrogancia con que falaba e actuaba entón; ou alusións ás horas vividas na Casa Grande do Miño, cando ía ver a Mariana. (...) O nome de Mariana escóndese baixo a ficción dunha tal Luísa, a Casa Grande do Miño aparece transformada nunha residencia de campo, en terras do Ulla."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 207-208.              

sábado, 24 de marzo de 2018

Como unha pintura colgada

"A contrariedade experimentouna ó descubrir que por primeira vez desde que o coñecera a el, sentía que aquela rapaza delicada e de porte distinguido, que sempre imaxinara como un retrato ou como unha pintura colgada dunha parede do salón na Casa Grande do Miño, tiña de pronto corpo de muller. (...)

  Nunca se atreveu  a confesarlle os motivos daquela reacción que el interpretou como un enfado ocasionado polas cousas que lle estaba contantado Mariana. Estivo a punto de facelo aquel último día que pasaron xuntos na casa de Sabucedo."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 190.

jueves, 1 de marzo de 2018

A escopeta

"Na viaxe de volta a Santiago, ó tempo que se distraía mirando pola ventá do coche de liña, ía recordando as veces que fixera aquela ruta, primeiro de a cabalo, cando aínda non abriran a estrada e había que chegar á Casa Grande do Miño por un carreiro que discorría paralelo ó río. (...) A escopeta que aquel home levaba ó lombo acentuaba o medo de que os bandidos puidesen aparecer en calquera volta, emboscados na fraga das Riscas."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 151.

martes, 27 de febrero de 2018

Á señorita da Casa Grande

"A denuncia da trampa era tan clara que el non intentou sequera defenderse. Preferiu saír ó balcón e contemplar a vista do río. (...) Non sabía se se trataba dunha visión alegre, pola luz de prata que saía do río, ou dunha visión amarga, pola negrura moura que se adiviñaba debaixo. (...) Das casas da aldea subían cara ó ceo azul os últimos fumes da mañá. Probablemente, o mesmo vento que os arrempuxaba cara ó monte, máis alá da torre da igrexa que se erguía no alto do primeiro dunha serie de outeiros que semellaban o lombo suave dun animal doméstico, tamén arrastraba naquela mesma dirección as notas que saían do piano. Sentados na mesa para xantar, seguro que os paisanos bendecían naqueles instantes á señorita da Casa Grande."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 149.

lunes, 26 de febrero de 2018

Nunha dama alemana

"No artigo do mércores pasado falaba da morte das árbores e no do venres referíase a Mariana, pero sen dicir o seu nome, disimulando a identificación da casa natal da súa dona polo procedemento retórico, utilizado noutras ocasións, de situala nun lugar distinto, desta vez nunha vila próxima a Berlín, concretramente nunha casa de Plaue, transformada ademais aquela rapaza delgada e loira, nacida nunha fermosa mansión do Miño, nunha dama alemana de pelo escuro e ollos mouros, triste e lánguida, sentada no parladoiro dunha ventá fronte ó lago cun libro na man.(...)

  Estaba sentada no parladoiro da ventá que daba ó río, co rostro borrado polo efecto da contraluz."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 146-147.

viernes, 16 de febrero de 2018

Diante dunha cámara

"Era unha rapaza de dezasete ou dezaoito anos, vestida cunha saia acampanada, que polo enfoque elixido polo fotógrafo, situado uns chanzos máis abaixo na escaleira de pedra da Casa Grande do Miño, permitía ver uns xeonllos pequenos e graciosos, redondos coma melocotóns. Formaban parte da mesma anatomía adolescente que o resto do corpo, do cal se desprendía unha aura de inocencia que corroboraba de maneria terminante a alegría da boca. Sorría con franqueza, como quen pensa que esa é a única postura que se pode adoptar diante dunha cámara."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 121.

miércoles, 6 de diciembre de 2017

A xasmís e a cera

" Ó principio, nos primeiros meses de casados, el disculpaba a desorde da casa pola mala saúde de Mariana, coa conciencia pouco tranquila de non dispoñer dunha criada, como ela tivera sempre na Casa Grande do Miño, que lle axudase nas tarefas domésticas máis duras e pesadas, sobre todo lavar a roupa e fregar o piso. (...)

  A casa de Mariana, aquela fermosa mansión de catro chemineas, alá no Miño, que coñecía desde neno, arrecendía en cambio a xasmís e a cera."

Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul. Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 24-25.