"Os sicarios, a bordo de dous bólidos americanos, ascendían pola Rúa Coruña mentre eu, a unha distancia demasiado prudencial, tentaba imitar con escaso xeito a súa condución fitipáldica. Vin que se aproximaban á saída do túnel que desemboca no remate de Pena Trevinca para virar á esquerda. Algo xogaba ao meu favor. Os badocos deles non contaran -eu tampouco- coa presenza dun cuarto automóbil que me precedía. Os ocupantes participaban xa nos enfrontamentos a base de balazos, todos perfectamente dirixidos aos pneumáticos dos bólidos, que estiveron a piques de provocar unha verdadeira desfeita cando esvararon nas inmediacións do apeadoiro de San Francisco. Tiñan as rodas rebentadas."
Diego Ameixeiras, Baixo mínimos, ed. Xerais, xuño, 2004, páx.157