Mostrando entradas con la etiqueta malingre. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta malingre. Mostrar todas las entradas

jueves, 26 de mayo de 2016

Nunha nube de chispas e fume

"Dende a perruquería fixen un percorrido polos bares do contorno, trazando círculos cada vez máis amplos, ata que, nunha tasca da Vía Vella, se me informou de que a mañá do atraco aparcara nun descampado contiguo unha moto ruidosa. Os dous rapazolos que a tripulaban, regresaran axiña e arrincaran nunha nube de chispas e fume. (...)

 Cambiei a roupa, chea de pelos e de porquería da viaxe, e unteime ben untado de desodorante. Sen máis concesións á hixiene, corrín á Chabasqueira e aposteime entre unhas cepas. (...) Á hora de xantar, pouco despois do pitido da Fundición, principiaron a chegar ó barrio os  traballadores. (...) Deixou a Maripi no patín e presumiu cuns aceleróns, para que se decatase todo o barrio."

Bieito Iglesias, "Miss Ourense" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.68

miércoles, 20 de abril de 2016

Era preciso espilirse

"-Voou o paxaro. "DESFALCO EN LA CAJA. Su presidente y conocido industrial tostadero, así como dirigente deportivo del Club Deportivo Orense, huyó al Brasil, según ha podido saber nuestra redacción de fuentes bien informadas próximas al Gobierno Civil."

  Pasei a tarde dándolle voltas á miña situación. Era preciso espilirse. O xefe non sabía nada de min. Tal vez me dese por morto ou me fixese en Copacabana, apalpando mulatas co Tostão. Tiña que asomar a orella para ben ou para mal. Cando oín a sirena da Fundición Malingre, chamei á Tina e encargueille un mandado.

  -Vas a San Francisco, ó cuartel da Garda Civil, e preguntas por un tal Noguerol. Dáslle o meu nome."

Bieito Iglesias, "Luanda" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.29-30

domingo, 8 de marzo de 2015

De ano en ano, na cidade

"Entón os oradores asañábanse cos concellais, coas tarifas da luz, cos fielatos de consumos, co precio do pan, e co director de El Eco del Calvario (que non pubricaba reseña do Primeiro de Maio, como si a meirande xuntanza de xente que se vía, de ano en ano, na cidade, ocurrise nas Quimbambas...);

 (...) E o Manolo Mouriño, da fundición do Malingre, coa súa voz de seixos remexidos e seu xenio acedo: "No comenzo diste mes de María, polo visto nai de Deus e dos ricos e madrasta dos pobres de pidir e dos probes de traballar, que somos nós..."."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 300-301, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA)

jueves, 4 de septiembre de 2014

"Isto non é máis que un corral de vacas"

"El Vértigo durou dous anos, que todos o líamos i escachabamos a rir, i eso que custaba un can e os outros boletíns a cadela, até que voltou a ser ministro Nugallá, e fodeulle o periódico, e fodeulle o traballo na fundición de Malingre, onde era modelista; e o novo gobernador desterrouno por un ano, pra a Gudiña, e il mandoulle decir que se desterraba por catro, e voltou coa muller -que era daquelas partes- pra Baracaldo, qué lástima;

 e ao coller o tren na estación, cheia de correlixionarios e veciños, botou un discurso dende o estribo, e dixo que se ía de A. porque "toda a súa mocedade nacera pra a escravitude", "que as mulleres dábanlle a beber aos seus homes auga bendita, que xa saía bendita da Fonte do Bispo", e que, a fin de contas, A. "non era máis que un corral de vacas". E quedoulle. Aínda hoxe, cando a un lle amola algo que pasa na cidade, tanto que toque no propio de un ou nos negocios do pobo, todos decimos "isto non é máis que un corral de vacas".

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 143-144, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

lunes, 25 de agosto de 2014

Máquina que aforraba moitos homes

"que moitos domingos miña nai ía a ver á avoa e meu pai tiña reunión no Centro de Sociedades Obreras até a noite, pra falaren das cousas dos gremios, que lles rebaixaran as horas do traballo, que lles subisen os xornais como fixeran os da fundición dos Malingres, e os canteiros descontra non sei que máquina que aforraba moitos homes, ou seña xornais"

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 119, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

miércoles, 30 de abril de 2014

Agardábanme no fielato



“Agardábanme no fielato da Ponte Vella pouco denantes de meianoite e baixamos calados ó río. O río aínda collía uns anacos de lúa vella, de lúa podre, de anaco de cabazo podre que se despenaba, de manteiga amarela, de luce pegañosa, polas restrevas escorrendo a se derreter por embaixo dos piñeiros de Santa Ladaíña a retrincos aínda máis vermellos, como cando vin o ferro vivo na fundición de Malingre ou o ferro na fragua do Catapiro...”

  Eduardo Blanco-Amor, Os Biosbardos, ed. Galaxia, 1962, 12ª edición, "Os Biosbardos", páx.12