miércoles, 26 de febrero de 2014

Palabra de cidade

"Baixo o lema de "A cidade e a palabra", o outono de Ourense mesturouse coa primavera exultante das letras que se reúnen para coñecerse e mestizarse, nunha vontade de multiculturalidade que rompe fronteiras desta globalización estéril.

  "Cando eu era aínda moi rapaz, seguíase a falar do caso entre as boas xentes de Auria, cibdá onde nascín e onde as cousas ocurriran. O caso contábase de moitos xeitos pro todos viñan a casar no final, que decote era o mesmo." Eduardo Blanco Amor deixou nesa "Documentación" d´A esmorga a vontade memorística e de recuperación dos feitos históricos e, polo tanto, reais dos sucesos que na novela se relatan. Este afán de veracidade do contado resulta excesivo. Non o sería, probablemente, ao falarmos de calquera outra cidade, pero falar de Ourense é falar de credibilidade do literario parece redundante. Todas as narracións, de Otero Pedrayo a Ameixeiras, de Fernández Naval a Bieto Iglesias, de Ferrín a Risco, de Antón Riveiro Coello a Fernández Ferreiro, de Camilo Franco a Carlos Casares teñen o seu pouso e apouso no Ourense das burgas e da ponte romana, de La Zarpa e do viño novo do Ribeiro. A sordidez urbana abrolla xunto coa saudade fidalga e pazos e quintas e mestúrase toda ela cunha cidade e un río como único arrecendo. Tamén os poetas cantaron dende Auria da man dun poema que navega nas vides, nos entroidos, nos magostos e nos maios atemporais de Antón Tovar, Celso Emilio Ferreiro, Cesáreo Sánchez Iglesias, Chus Pato, Pura e Dora Vázquez, Lamas Carvajal ou Curros Enríquez. É o Ourense da xeración Nós e tamén o actual, unha auténtica célula da universalidade, en lembranza da intelectualidade que nos anos vinte encheu de ouro literario as rúas da cidade, pero tamén como parodia da situación política actual. Ourense vístese de pasado de letras glorioso e reafírmase cada día con tinta verquida dos pulsos dolorosos de quen cre nunha lingua e nunha creación literaria. É por isto que un Galeusca dedicado á cidade debía recoñecer e recoñecerse en Ourense, cun punto de apoio complementario e fundamental na vila de Allariz.

 As rúas de Auria enchéronse de poemas e letras tinguidas de vermello sangue, azul mar roubado e amarelo vizoso do outono que é en Ourense máis fermoso que en calquera outro lugar. O arrecendo a chocolate e castañas perdeuse polo oco do Paseo e o Progreso, perseguiu os asistentes ata a libraría Torga de Xabier Paz -onde se expuxo durante o encontro unha mostra de obras das tres literaturas-, colouse no recital do Auriense e embebedouse dunha polifonía de voces que cantaban no nome da poesía universal, fixouse na homenaxe a Antón Tovar da man de Delfín Caseiro e Xián Bobillo, paseo con Marcos Valcárcel polo roteiro d´A Esmorga e mesmo chegou ao recital de jazz de Abe Rábade Trío no café Latino. O cheiro do magosto e do licor café deixouse sentir, xunto coa poalla miúda, na inauguración de (...). Os olores -a magosto e follas caídas, a río e xeada, a café e polbo, a licor e jazz- bailaron nas conversas que, como en todo Galeusca, gardaban o máis importante do encontro: a comunicación entre as distintas delegacións participantes e que, nesta ocasión, superaron os setenta escritores e escritoras.

                                 Rosa Aneiros, "Palabra de cidade", Grial Cadernos, A cidade e a palabra
                        Nadal 2004, ed. Galaxia, páxs. 5-6

No hay comentarios:

Publicar un comentario