"La catedral y el niño" escribea Eduardo Blanco-Amor en Montevideo (Uruguai), e sobre todo nunha cidade-balneario moi preto de alí, Piriápolis, lugar paradisíaco, entre 1946 e 1948. Gonzalo Allegue, na biografía do autor ourensán "Diante dun xuíz ausente", sinala que, segundo repetiu en múltiples ocasións Blanco Amor, a xénese desta novela xurdiu durante un banquete que lle ofreceron en marzo de 1946, acto no que deu un discurso no que se acordou de cando era neno, criado á sombra dunha catedral ("aquella catedral fue para mi curiosidad de niño reviejado, un inagotable y enigmático juguete de piedra"). Ao día seguinte no café de La Casa de la Troya o seu amigo A.Casona anímao a escribir unha novela longa, e indicalle que no motivo da catedral do que falou o día anterior pode ter unha boa inspiración.
G. Allegue destaca que nestes meses Blanco Amor pasa bastantes momentos co seu irmán Camilo, que vive en Montevideo, e xuntos parolaban, a miúdo, da vida ourensá, das súas rúas e dos personaxes que as habitaban, das festas e dos amores, material que Blanco Amor aproveitará para a novela que anda a escribir, e da que en marzo de 1947, agochado en Piriápolis, dirá "xa van para seis semanas... procurando dar cima a unha novela grande La catedral y el niño, que o mesmo que as outras catedrais dará fin ao seu constructor antes de ser rematada". Afortunadamente, isto non foi así.
Existen catro edicións da obra:
-1ª edición: 1948, ed. Rueda, Buenos Aires
-2ª edición: 1956, ed. Losada, Buenos Aires
-3ª edición: 1976, ed. del Centro, Madrid
-4ª edición: 1997, ed. Galaxia, Vigo
Poden verse exemplares de todas as edicións na hemeroteca do Archivo Diocesano da Catedral de Ourense, que no ano 2010 facíase cun exemplar da primeira edición.
No hay comentarios:
Publicar un comentario