Cabo da noite estás. Alto desvelo.
Carne irreal de Ourense xa durmido.
Pedra en apouso. O Tempo polos séculos.
Florecéndote eterna. Sosegada.
Candor e maravilla é o teu cimborrio
fronte á torre nas brétemas. Cinguida
por nimbeiros de luces. Esbarándote
os arroios infindos. Espallados.
Estás cabo da noite. Serenísimo
faro polas idades converxendo.
Por chuvias e por ventos abrazada.
Remotas claridades te alborecen.
Acéndete apacibles os solpores.
Anáinante os arcanxos. Leviáns alas.
Pura Vázquez, Desmemoriado río, A Coruña, Espiral Maior, 1997
(Extraído do libro: Ourense, craro río, verde val; escolma de Marcos Valcárcel
Concello de Ourense, marzo 2001, páx. 117)
No hay comentarios:
Publicar un comentario