"E en tanto que tal non socedía, arrimado contra unha columna dos soportás, aspirando o cheiro de almibarada froita que non lexana regateira amontoaba en anchas banastillas, deixaba vagar a vista dun lado pra outro, fixándose no que tantas veces vira cal si aquela fose a primeira. (...)
Ás portas dos comercios, coas tixeiras no bulso do chaleque, sin parroqueanos que despachar, víanse os dependentes de aspeuto mariqueiro, coas súas caras flacuchas, anémicas, apoiándose médeo durmentes nos couceiros das portas, ou botándolles parrafeos a algunha rapaza, que cicais en busca deles pasaba aquela hora por alí, ou ben sostendo conversación coas quincalleiras que a peas paran coas maus, tecendo cordós de rechamantes cores, nin coa língoa, tecendo chismes e inventando hestóreas de todos cantos pasan. Aló embaixo a Barreira, en donde as últemas panadeiras recollen as panochas de oscuro centeo ou de marelo millo e os tendeiros de roupa feita descolgan o xénero que fai toldo riba das portas, en donde se mezcran, dando cobiza ós pobres lavercos, a chaqueta de pardomonte negro, cos forros de tartán a cadros..."
Heraclio Pérez Placer,("Ánxel") Contos, leendas e tradiciós, 1891, Imprenta de El Eco de Ourense (Obra narrativa en galego, 1998, Centro Ramón Piñeiro, páx.278-279)
No hay comentarios:
Publicar un comentario