lunes, 30 de junio de 2014

Moito máis morriñentas

"Seguín dando voltas. Fíxose oscuro. Non aparescín na casa.

 Á noite funme ó paseio da Alameda. Alí tería que estar. Alí ía todo o mundo, os da cibdade, os forasteiros, pra veren o fogo de artificio dos portugueses, a iluminación, tamén dos portugueses; a bailar, a beber refrescos e copas, a locir a roupa de estreno.

 Andiven os cinco paseios, contrapeándome no camiño da xente pra vela toda. Ollei todas as caras, unha por unha, moitas repetidas. Furguei nos xuntoiros frente ós telderetes de bebidas e lambetadas, nos xogos e rifas, nos rueiros apartados onde se baila ó solto; unha vece, outra...

 Só me din por vencido cando botaron as doce bombas do remate. A xente foise indo. Baleirouse todo. Facía fresco, estaba canso e tiña fame. O po íase asentando. Esparexíase o ulido a xente. Escomenzaba a subir do río Barbaña un cheiro a podre. Apagaron a iluminación. Quedaron as farolas de sempre, moito máis morriñentas."

Eduardo Blanco-Amor, Os Biosbardos, ed. Galaxia, 1962, 12ª edición, "O estreno", páx.86

No hay comentarios:

Publicar un comentario