"Trátase dunha narración de encanto e misterio na que o elemento marabilloso é o compoñente definidor. O relato inscríbese no realismo máxico ou no real marabilloso, cultivados por Rafael Dieste e Álvaro Cunqueiro denantes que o chamado "boom hispanoamericano".
Un narrador, Duarte, cóntanos a historia dun neno que chega á aldea cun afiador e quédase a curar as feridas provocadas por unha caída. Durante a recuperación, marcha o afiador, que xa non volverá para recollelo. Bartomeu é un rapaz loiro, de ollos azuis, que sempre está a rir. Non ten historia, non recorda nada, nin sequera ten memoria de quen son os seus pais. Tampouco sabe a súa idade, aparenta nove, pero pode ter cen ou mil anos. Bartomeu está dotado duns poderes extraordinarios, ten unha forza descomunal, asubía mellor que calquera paxaro e para o vento e a auga. É a inocencia, a sabiduría e o riso feitos persoa.
Un día enferma un curmán de Duarte; sáenlle unhas vexigas apodrecidas e fedorentas por todo o corpo e ponse a morrer. Bartomeu, desobedecendo ós maiores, vai visitalo e permanece ó seu lado. O rapaz contáxiase do mal e o curmán de Duarte comeza a mellorar. Bartomeu, en cambio, vai empeorando e morre. A familia báixao nunha sábana e déixao no cortello. O cadáver adquire unha beleza resplandecente. Cando os do pazo van a velo, desaparece de xeito milgroso. A sábana queda valeira e branca.
Bartomeu foi un prodixio que irrumpe na aldea, unha criatura extraordinaria que veu de ningures e morreu para devolverlle a vida a aquel que a necesitaba. Quizais fora una daqueles biosbardos que aparecen, de cando en vez, na vida dalgún home."
Xavier Carro, A obra literaria de Eduardo Blanco Amor, ed. Galaxia, Vigo, 1993, páxs. 108-109
No hay comentarios:
Publicar un comentario