martes, 17 de junio de 2014

O estreno

"O libro remata con este relato, un texto romántico de gran fermosura, verdadeira metáfora melancólica dun enamoramento. A narración é un himno ó amor, polo que este ten de misterio e de tola e vivificante teima. A mesma mañá do Corpus, o narrador cumpre dezasete anos e estrea traxe novo e pantalón largo. Tamén nesa mañá, de súpeto, o rapaz queda enfeitizado pola beleza dunha misteriosa rapaza que pasea polas rúas do bracete da nai. É unha forasteira que se hospeda no hotel. Namorado dela, vai na súa búsqueda, que resulta infructuosa, pois a moza desaparece da cidade sen deixar rastro. Quédanlle ó narrador un sentimento inefable e unhas terribles ganas de chorar.

  Esta narración, na que o protagonista xa non é un neno, senón un mozo, é a única que rompe coa atmósfera opresiva que caracteriza os demais relatos, entre os cales destaca pola euforia vital. O comezo podémolo considerar como un exordio poético cheo de imaxes que van xerando esa atmósfera luminosa e de estourante alegría na que se acabaría producindo o descobremento do sentimento amoroso. Fuga visión, fonda iluminación, intenso sortilexio, son as vivencias do protagonista que nos lembra o encontro que tamén literaturizou o Dante con Beatrice Portinaria."

Xavier Carro, A obra literaria de Eduardo Blanco Amor, ed. Galaxia, Vigo, 1993, páxs. 110-111

No hay comentarios:

Publicar un comentario