A Manolo de Dios
Río floral de prata barbulleira,
señardoso nas tardes de ardentía,
home esfollándose, árbore outoneira,
río e home e anceio e lonxanía.
¿Cal é a sorte do home? ¿Cal o instante
de determe nas augas do pasado,
sen ollarme no Miño camiñante?
¿Que mar teño no alén...? ¿Un mar soñado...?
Miño cantor, ti vas á mar sabida.
Mentres pasas, ¿que vexo no sonoro
espello que reflexa a miña vida?
Río fluínte, eu quedo nun encoro...
Debruado na Ponte. Sen saída.
En Ourense, sumíndome en degoro.
Edelmiro Vázquez Naval, Sete poetas ourensáns, 1992
(Extraído do libro: Ourense, craro río, verde val; escolma de Marcos Valcárcel
Concello de Ourense, marzo 2001, páx. 99)
No hay comentarios:
Publicar un comentario