"O asunto xira arredor da figura dun emigrante vista polo narrador, un rapaz de quinto curso de bacharelato. O distanciamento e a ironía son os elementos constitutivos do conto. O tío Ramón, fachendoso da súa fortuna, móstrase despreciativo cos modos de vida e as crencias das xentes da súa cidade. Non para de falar das grandezas e das marabillas de América e trata de convencer ó sobriño para que se marche alá, onde hai grandes perspectivas de triunfo, sempre que se saiban ben as matemáticas, imprescindibles para facer fortuna.
Ramonciño atura as peroratas do seu tío con certo humorismo, resistíndose ás constantes invitacións de levalo para Arxentina. Cando remata o bacharelato, a familia recibe unha carta do tío chamando polo sobriño predilecto. O rumboso e rico empresario de tuberías e desatascos mándalle unha pasaxe de terceira clase para levalo cabo del a triunfar como tantas veces lle dixera.
Pero o pai salvara a Ramonciño de emigrar contra a súa vontade. Este último motivo pon de releve a cutrería do tío, un personaxe disonante xa no entorno familiar no que se desenvolve a historia. Contrasta coa imaxe do pai (unha das escasas visións positivas desta figura humana en toda a obra de Blanco-Amor), un home que non se deixa engaiolar polas andrómenas do seu cuñado, a quen non lle aguanta ningunha das súas parvadas."
Xavier Carro, A obra literaria de Eduardo Blanco-Amor, ed. Galaxia, Vigo, 1993, páxs. 109-110
No hay comentarios:
Publicar un comentario