"Tivo que ser no día do Corpus; unha mañá do día de Corpus, nas que se campa coa roupa nova i as almas da xente moza se estrenan tamén por algún canto aínda non encetado.
Son -eran- mañás en que o ceio chega a Auria difrente de todos os ceios do ano; nas que o ceio i a vila, na boca do vrau, casan nun confiado intre que non se voltará a repetir en todos os ceios do ano por ledos que veñan.
Non se sabe ben si é o ceio o que peneira encol da vila o escintileo lizgairo que anova o corazón, ou si a terra i a xente trocan a condición do ceio nun relanzo breve de espranza misteriosa, de agardada solpresa.
Foi aquela mañá do ceio dourado, ceibe, arrecendente a frores, a pólvora, a viño; navegando por vagaxeiras nubes que se fan e desfán: gasas, fumos, lenes, ronseles preguiceiros, adornos ociosos da festa, brinquedos no celeste vagantío."
Eduardo Blanco-Amor, Os Biosbardos, ed. Galaxia, 1962, 12ª edición, "O estreno", páx.79
No hay comentarios:
Publicar un comentario