martes, 5 de enero de 2021

No tempo dun lóstrigo

 "Saindo o libro, hanse decatar os seus amigos das raíces do caráiter de Silvio Santiago tan ben como eu, coroado coa regalía de leelo un dos primeiros. O ledo madrugar e camiñar, o fidalgo porte aberto e pronto, o pouco pousar, o xentil xuicio, o arte de coller lixeriamente as rosas, o endexamáis aturar a pedantería, a xentil lixeireza de pensamento, esperta emoción, vivo humanismo de Silvio Santiago, descobren a súa fonte alboradeira no seu libro. Leva en sí unha senlleira xustificación, e un premio e gabanza poucas veces otorgado. Cando, alancando por os altos recendentes do outono, enxerga o seu Vilardebós na súa paisaxe, ningunha distancia de xenreira, esdén, desamor, intrés, se produz antre il e os fumes maxinadoiros dos probes treitos, as pedras do cimeterio, os camiños que chegan con gosto de parolar, a fonte dos namoros, a presencia de todos os mortos e viventes, por o poder de encanto de quen sofríu e se fortecéu, na emigración, chamados no tempo dun lóstrigo, dun latexar do corazón. A súa forza, o seu eixe, lonxe, foi a tenrura e o amor. Cando tantos esquencen o millor, Silvio Santiago soio quixo esquencer o mal. Por elo, vencendo ao tempo, volve a ser aquil neno calquera, dino de enxergar os ollos da súa primeira mocedade; e asín o acolle Vilardebós, o pobo, a paisaxe, o esprito da  terra, docemente engaiolado nun libro que soio Silvio Santiago podía dunha vez e pra sempre compoñer."

Ramón Otero Pedrayo, no "Prólogo" de Villardevós de Silvio Santiago.  Ed. Galaxia. Biblioteca Básica da Cultura Galega,  nº 40; 1982. Páxs. 13-14.

No hay comentarios:

Publicar un comentario