"Mais o certo é que Silvio Santiago (1903-1974) achega ese aire freso, renova a narrativa ruralista, enxebre e tradicional, costumista, desde dentro dela mesma. Como fan os grandes.
Matan un xénero para resucitalo no mesmo feito. Porque o contido de Villardevós non é outro que as lembranzas da nenez que Silvio ten das súas vivencias en Villardevós (Ourense) para que a súa filla tivera memoria dos tempos en que el fora rapaz. Si, pura temática enxebre, tradicional, rural, costumista. Porén, Silvio Santiago, escritor autodidacta, cóntao con tanta viveza ( e velaí un dos seus segredos narrativos nesta novela) que calquera ápice de “estatismo” ou “cadro costumista” (acusacións máis frecuentes deste tipo de narrativa) xa non é que desapareza, é que nin asoma.
Certamente era, no momento da súa edición, un exercicio memorialista que non fuxía do folclórico no que ten de etnográfico, pois precisamente o etnográfico é un valor engadido nada desprezábel. E éo hoxe, que pasou maís dun século desde aquel Villardevós que Silvio retrata con tanta habelencia. Non quero adiantar contido, pero lembro que cando lin a novela entendín moi ben o que significaba ir buscar auga á fonte, esa ritualización dun feito que levaba séculos e séculos repetíndose. E emocionoume. Porque, antes ca outra cousa, Silvio Santiago sabe moi ben trasladar a emoción do narrado ao lector, a paixón que el sente compártea co lector ou lectora.
Polo texto decorren paisaxes, xeográficas e humanas, emocionadas e emocionantes, nunca estáticas. Non son un cadro, un fresco, que adoita dicirse, senón vida a manifestarse no seu dinamismo. Dinamismo, outra palabra clave nesta novela que é posíbel ter como novela de aprendizaxe, aprendizaxe da vida e das mudanzas que se van sufrindo."
Xosé M. Eyré, no seu blog "Ferradura en tránsito II", entrada do 24 de abril de 2020, a raíz da reedición do libro pola editorial Galaxia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario