O 17 de xuño o
fiscal entrega o escrito de acusación, no que rebate os argumentos do avogado
defensor de Allariz. O 8 de xullo presenta o seu informe o avogado defensor.
Entre o 11 e o 13
de xullo celébrase a vista oral con gran concorrencia de público, tal e como
informa o xornal madrileño “El Faro Nacional” do 21 de xullo. Manuel Rúa Figueroa
le o seu informe no que eloxia o traballo do avogado defensor de Allariz, e
destaca que o procesado é unha vítima da
opinión pública quen o condenou desde o principio, e que a ausencia dos corpos
do delito ou a imposibilidade de demostrar que as supostas mulleres asasinadas
sufriran morte violenta non sustentan a culpabilidade. Alude ao feito de que en
moitas cidades de España existen múltiples mulleres sen empadroar. O fiscal cre
que o acusado matou polos cartos e as roupas das vítimas. Manuel Rúa insiste
nos problemas mentais do seu defendido, que o levou a asumir como vítimas dos
seus asasinatos a catro persoas que todo apunta foron realmente devoradas por
lobos. O feito de non terse atopado ningún cadáver foi máis contundente que a
propia confesión do acusado. O fiscal está convencido de que a historia da
“fada” que o transformou en lobo non é máis que unha andrómena para facerse
pasar por tolo. O avogado defensor non cre que sexa un farsante senón un
enfermo.
Resumindo, o
fiscal, apoiado nas declaracións das testemuñas e no informe dos médicos, ve en
Romasanta un criminal astuto que finxe estar chalado para librarse da pena de
morte; mentres que o avogado defensor non dubida de que padece un trastorno
grave e complexo, no que se mesturan a verdade e a mentira, e que require o
ditame de facultativos afeitos a tratar tolos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario