"A denuncia da trampa era tan clara que el non intentou sequera defenderse. Preferiu saír ó balcón e contemplar a vista do río. (...) Non sabía se se trataba dunha visión alegre, pola luz de prata que saía do río, ou dunha visión amarga, pola negrura moura que se adiviñaba debaixo. (...) Das casas da aldea subían cara ó ceo azul os últimos fumes da mañá. Probablemente, o mesmo vento que os arrempuxaba cara ó monte, máis alá da torre da igrexa que se erguía no alto do primeiro dunha serie de outeiros que semellaban o lombo suave dun animal doméstico, tamén arrastraba naquela mesma dirección as notas que saían do piano. Sentados na mesa para xantar, seguro que os paisanos bendecían naqueles instantes á señorita da Casa Grande."
Carlos Casares, Deus sentado nun sillón azul.
Ed. Galaxia, colección literaria, nº 138. 1ª edición, Vigo, 1996. Páx. 149.
No hay comentarios:
Publicar un comentario