Los miedos (1963) de Eduardo Blanco Amor pertence ao ciclo de "Auria" tal e como indica o seu autor na "Xustificación" que precede ao seu seguinte libro escrito, publicado con anterioridade, Os biosbardos (1962):
Iste é o coarto libro que nasce das miñas lembranzas de Auria, pobo onde eu mesmo
son nado. O outros, son tres novelas: La catedral y el niño, A esmorga e Los miedos.(1)
Nembargantes, Los miedos non se sitúa exactamente na cidade de Auria, máis ben nun pazo próximo á cidade. O nome do lugar a penas se menciona, só nunha ocasión, e de maneira indirecta alúdese a el, "Valdouro", nun artigo de prensa nun xornal local, na súa sección de sociedade:
... insertase en sus Sociales: "De paso a su habitual veraneo en las playas del Norte,
han salido para sus posesiones de Valdouro..." (2)
"Valdouro", tóponimo que presenta variantes en Galicia, non o atopamos preto de Ourense, polo que máis ben parece ser unha aportación de Blanco Amor á toponimia literaria xogando novamente cos hipotéticos étimos de Ourense, Val de Ouro.
Ese desexo de non ubicar exactamente o lugar onde se atopa o pazo onde transcorre practicamente a totalidade da novela contrasta coas constantes referencias a Auria, debido, evidentemente, a que son as xentes de Auria as que interesan ao escritor, facéndoas circular, directa e indirectamente polas páxinas da novela. Desprazamento espacial, que non ambiental.
Outra novidade temos que sinalar en relación coas obras precedentes: Auria, con todas as letras, só se cita en 5 ocacións, a primeria na páxina 53:
A pesar de ser Crespiño un aldeano, no tenía punto de comparación con los
chicos de Auria, tan idiotas y mandones, todos iguales, siempre a gritos. (2)
preferindo maioritariamente a solución abreviada, ou talvez, suxerente de "A...": en 28 ocasións aparece así, e algunha máis cando se fai referencia a prensa local "El Eco de A..." ou ao mesmo "Santo Cristo de A...".
Buscando explicacións citamos os seguintes textos:
Gonzalo Allegue escribe: "De modo que lle manda o manuscrito a Paz Andrade para que lle busque un concurso onde poida competir dignamente. Se houbera algún certame debe avisalo para mandar o sobre co seudónimo. Só unha precaución: onde pon Auria, deberase poñer A... porque as outras dúas novelas levan Auria (Ourense), e non sexa que ao identificarse xurda logo unha reclamación." (3)
Marcos Valcárcel explica que "como é sabido, as relacións do escritor coa súa cidade pasaron por diversas fases, doído sen dúbida EBA pola falta de recoñecemento da valía da súa obra literario ou mesmo polo descoñecemento da súa propia persoa física, e mesmo se permitiu a broma, como pequeno castigo, de reducir o seu nome literario, Auria, a unha simple letra inicial con puntos suspensivos A...: Yo tuve una época de desencanto con mi pueblo. Desencanto atribuible a medias a mi pueblo y a mí mismo, y como el éxito del nombre de Auria satisfacía mucho al narcisismo de los orensanos, la dejé en A. y puntos suspensivos." (4)
¿ Desexo de manter o anonimato, broma, vinganza... ?
(1): Eduardo Blanco Amor, Os Biosbardos, ed.Galaxia, Vigo, 1993, 12ª edición, páx.7
(2): Eduardo Blanco Amor, Los miedos, ed. Destino, Barcelona, 1963, 1ª edición, páxs. 60, 53
(3): Gonzalo Allegue, Diante dun xuíz ausente, ed. Nigra, Vigo, 1993, páx. 276
(4): Marcos Valcárcel, "A memoria da cidade en Blanco Amor", artigo publicado no diario Galicia-Hoxe, 16/12/2007, edición dixital
No hay comentarios:
Publicar un comentario