domingo, 23 de marzo de 2014

A Campá do Siléncio...


A Campá do Siléncio. Soa comigo dispois da noite recluir os astros.
Na Catedral cerca-me o pasado inexorável. Abro os ollos ao sentimento
de tempo na hora.
Ser a morada do deus sendo a morada do home. Imóvel sen cesar
recordas,
creas-me.
En Ourense todo é centro dourado e van dicindo as augas aos ollos que
me miran,
que ollan ceos azuis, cincentos, brancos, desmemoriada luz do día.
Soñei o Miño onde aparece e desaparece silencioso.
A mañá con ese ar de boneca maquillada, coa súa imaxe delgada.
reflexou-se
nos ollos que son amigos do distante
A tarde calada vai ao mar. Quero partir son coa feliz presencia, e quero
deixar de ser ou ser isto, o que non ten sido engano.
Dis-me é tarde. Na obra dos homes, fiquemos, partamos.
Nubes errantes fan-me e son Hiperión nesta viaxe cara o adentro de min.
Un paxaro cruza de tempo en tempo batendo as suas asas silenciosas,
este ar azul do dia primeiro de outono
Imperceptíveis incisións na tua cortiza, o tempo enchen-se de recordos
como unha pedra cuberta de musgo, de signos
Aboia quieta a luz con finísimas gotas de gris no seu rostro, nada contén o distante.
Pola Ponte Vella es quen regresa. Envolves todo, tamén o profundo ceo mourado, infinito.
O poente, o rumor do inextinguível. A vida imita o movimento. Saberá ela quen es?

Cesáreo Sánchez Iglesias, O Rumor do Distante, Premio Esquío 2000 (inédito)
(Extraído do libro: Ourense, craro río, verde val; escolma de Marcos Valcárcel
Concello de Ourense, marzo 2001, páx. 123-124)


No hay comentarios:

Publicar un comentario