Elías Domínguez
escoitou de xente contar, tal e como oíran de antergos, que era un home moi listo e moi espelido, que
sabía de todo; sabía pola dirección do vento se ía chover ou non, sabía de
menciñas tanto para a xente como para o gando, tan ben sabía labores de gancho
como tecer ou calcetar con dúas ou catro agullas; era moi simpático e falador
coas mulleres.
Seguindo a Mariño
Ferro apuntamos distintas opinións de veciños seus recollidas na Causa xudicial
contra Romasanta. Manuel Blanco é un home que esperta simpatía. Andrés Branco,
o seu caseiro, aínda que sorprendido por algúns trazos da súa personalidade,
apréciao. Gústalle o carácter afable, a palabra comedida e a súa alegre
disposición a colaborar en calquera tarefa, salvo na de sacrificar animais
porque non soporta ver sangue. (“-Deus me libre –exclama cando Andrés lle
propón matar un carneiro para a festa-. Se queres guísocho, pero non podo
matalo.”) Os veciños de Rebordechao ven no Canicha un home amable, bastante
devoto e amigo dos curas, e un tanto efeminado. Agostiño Fernández descríbeo
así: idade de trinta a corenta anos, amullerado, as pernas bastante gordas, cor
trigueira, pelo castaño, barba o mesmo, algo calvo. Xoán Gómez dá un retrato
moi parecido. Bríxida Aguiar insiste nos modais efeminados, e di que fía,
calceta e realiza outros labores propios das mulleres. Salvo nos modos
femininos e no dominio dos quefaceres das femias, considérano un home normal,
razoable e xuizoso, segundo declaran numerosas testemuñas. Observa boa conduta
e móstrase devoto e caritativo. Reza o rosario con frecuencia na igrexa, axuda
á misa e nunca se lle oe unha bocalada nin unha mala expresión, de maneira que
todos os veciños o queren e estiman.
No hay comentarios:
Publicar un comentario