miércoles, 23 de octubre de 2019

Os médicos

“Os médicos que me observaron (¿deberei da-los seus nomes todos?) descríbenme de cinco pés menos polgada de talle, moreno de cute clara, ollos castaño claro, pelo e barba negros, medio calva a parte superior da cabeza, e din que a miña fisionomía non é nada repugnante, que a miña ollada é doce, xa tímida, xa feroz e altiva, e forzadamente serena.

(...) Foi el quen engadiu o que resta. Dixo que pulso sesenta e dous latexos por minuto e que o meu temperamento é bilioso e nervioso, sen esaxeracións nin predominio notable de aparatos e que mesmo o de tecidos é tan suave que a duras penas se recoñece, el saberá o que quixo dicir con iso, pois engadiu que coincide con formas regularmente desenvolvidas e unha saúde florecente e nunca desmentida.

 Nada se advirte no meu aspecto que difira do común dos homes, asevera don Vicente, e, segundo el afirma, no meu discurso nótase consecuencia, precisión, bo xuízo e desconfianza; tanto como se advirten penetración, tacto e talento naturais, superiores á miña condición. A miña apostura é humilde, con hipocrisía marcada, engade, e coincide así comigo o bo doutor, xa dixen que non habería esquencer nunca o seu nome.”

Conde, Alfredo.  Romasanta. Memorias incertas do home lobo. Ed. Sotelo Blanco. 2004. páx. 28-29. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario