"... e seguín viaxe cara á ponte sobre a Barbaña, aludida no diario. Non falara co comisario nin cos compañeiros da Brigada, nin sequera sabía se me encomendarían o caso, pero andaba romántico e desorientado. Cando é así, hai poucas cousas que me levanten a paletilla. Unha delas é cheirar rastros. Aparquei na rúa de Antonio Puga e baixei á ribeira por unha canella entre dous edificios, velándome de non pisar nos moriscos de lixo. Albisquei o vulto dunha señora que tendía roupa nun corredor, berreille, e sinaloume o lugar onde aparecera a morta. Había unha horta de frutais espidos, castigados pola invernía e, máis abaixo, un desaugadoiro infecto que tinxía o río de marrón escuro. Non vin inidicios nin cousa parecida, só unha familia de ratas malhumoradas e unha meixengra pousada nun salgueiro."
Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.119
No hay comentarios:
Publicar un comentario