"O avogado vivira en General Aranda -conforme dicía o papeliño co enderezo que me entregara a súa secretaria xunto coas chaves-, e iso obrigábame a cruzar o río. Fíxeno pola Ponte Nova e, se puidesen circular os turismos, meteríame polo Viaducto. O caso era pasar o máis lonxe posible do Ribeiriño. Con todo, non puiden evitar unha ollada de esguello cara ó leste. Por fortuna, o Miño fai unha reviravolta á altura da Ponte Vella, e non se divisaban os meus arrabaldos.
A General Aranda, ou sexa á rúa do Cuartel, non a pararon de todo os constructores. Ficaban varias casiñas con hortas que baixaban ata os coiñais da ribeira. Onde empata con Rosalía de Castro, comezaron a erguerse os rañaceos, uns armatostes de edificios, de catro ou cinco andares, rematados en terraza. Ese detalle diferenciábaos doutros bloques do barrio, nos que, a falta de tendal no tellado, ondeaba a roupa en corredores e xanelas."
Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.141-142
No hay comentarios:
Publicar un comentario