sábado, 29 de octubre de 2016

E chiaban

"-Ben... escoitamos na radio que atoparan a rapaza morta no Barbaña. Causoulle unha gran impresión, ¿a quen non?

  (...) Tomei un bocadillo de calquera cousa no café da mesma rúa. Non tiñan de tortilla quente, nin de calamares, pero había que prepararlle a cama ós copazos que virían despois.

  O club Maracaibo era, como explicara a secretaria do Rebollo, un local decente. Todos os locais escuros o son, por máis que a xente terquee no contrario. Apalpar nas tebras implica vergonza e remordemento.

  (...) Chamábase Coral e fora azafata de Pan Am, alá en Venezuela. Intentara o brinco ó estrelato -fixera de gallega nunha serie de televisión e un spot anunciando café-, antes de acabar en Ourense servindo borrachos para poder comer unha arepa. (...)

  Había barullo na rúa. Os clientes saían a curiosear, e a actriz asomouse á porta. Gastaba un pantalón de cor amarela, cinguido ás nádegas. Situeime detrás dos dous colombros, encollido coma un lebracho asustado. Pasaba unha procesión de rapazas. Marchaban encadradas en distintos batallóns, Carmelitas, Franciscanas, Josefinas, con cadanseu uniforme. E chiaban. Denunciaban o pecado e pedían xustiza."
Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.146-149

No hay comentarios:

Publicar un comentario