jueves, 27 de octubre de 2016

Pan bregado

"Sen saír do barrio, deambulei polas rúas, tomando o sol de inverno, ata que me doeu a cabeza. Daquela entrei nunha panadería e merquei pan bregado. Era branquísimo e insípido. Sóubome a gloria, a feiras de antes con charlatáns e augadores; a regalo do meu avó, que baixaba á cidade cun cacique para termarlle da besta mentres botaba a partida na praza da Barreira, e que nunca se esquecía de levarme un cornecho. Molleino en café con leite nunha cafetería da rúa Queipo de Llano, na que piaban os alumnos de Mestría Industrial, que saían do 12 de Outubro.

  -(...) Hai un individuo nun coche esperándome no portal. (...)

  - Non abra ata que eu lle ensine a pata por baixo da porta. ¿Onde vive?

  -En Capitán Eloy, o pé do cine Xesteira.

  -En cinco minutos estou aí.

  Nunha rúa céntrica era pouco verosímil un atentado, quizáis a secretaria vía visións coa cagana. (...) Deixei o coche montado na beirarrúa de Santo Domingo, e regresei ó cruce para guichar dende a esquina. Botei a andar rúa abaixo, endeica ó cine. Examinei a carteleira á torta e á dereita. A película da semana titulábase El Dorado, e os carteis mostraban a un actor novo empuñando unha pistola rara..."

Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.142-143

No hay comentarios:

Publicar un comentario