"Conducín ata a Alameda e senteime nun banco a tomar as raiolas do sol que lograban traspasar o ceo gris na forza do mediodía. Dous velllos, chamados coma min polas lanceiras mornas, discutían ó meu carón. (...) Eu fixen tempo repasando mentalmente as aliñacións da Rexional Preferente. Cando me pareceu, achegueime á rúa Reza, ó fogón dunha media parenta. A condenada especia tanto os callos, que te tumban co cheiro conforme entras no chiringo. Agora, se logras repoñerte do golpe e meter a culler, o solbo quente e colorado aséntache o bandullo e ponte novo. O viño, acedo coma o demo, tamén se deixa beber, a condición de que te pille sentado ou cunha parede cerca onde arrimarse."
Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.132-133
No hay comentarios:
Publicar un comentario