lunes, 31 de octubre de 2016

Á larada

" - Ten amigos gordos, guía un Chrysler de regalo, cando outros mozos do seu tempo van que arden cunha bici de Ciclos Canella. Pouco lle custa mover un padriño para conseguir o pase. Por outra parte é de cerca, de contra Santa Mariña, segundo as miñas noticias.

  -De Armeá, pono na ficha.(...)

  Agora en pleno febreiro, as plantas, de aspecto plumoso dende a primavera ó outono, semellaban pitos escaldados. Quedábanlle, por xunto, media ducia de follas secas. Conta xusta.

  Dubidei entre buscar a parada de carrito para ir en busca do Chulo -no tique que me dera a camareira líase un enderezo de Sobreiro, nas aforas da cidade-, ou facerlle unha visita ó Noguerol, no cuartel da Garda Civil. (...)

  Non vivía no cuartel, como outros compañeiros, por causa de non importunar cos fillos, que eran moitos e non tiñan paradura. Mercara un piso preto, na rúa de Pardo Bazán, e obrara ilegalmente na terraza para facerlle sitio á larada. (...) Xa quixera el dispoñer dunha noite de permiso. Habíaa pasar gardando a gasolinera do Pérez Rumbao polo nabo de Lugo."

Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.152-154

domingo, 30 de octubre de 2016

Caxougándome o licor no estómago

" -Iso de Boa, ¿que é? ¿un mote?

  -É dunha serra que ten ese nome, contra Santa Mariña de Augas Santas. De aí lle vén, pero chámase Juan Antonio.

  -Un nome chévere. Volvendo ó caso. O que me dou o tope no coche levaba o pelo rapado ó cero, coma os reclutas. ¿Sabes se para polo Cumial ou en San Francisco?

  -Está facendo o servicio no Cuartel de San  Francisco.

  (...) Subín andando ó cuartel, facendo eses. O Delfín incomódase, se o conduzo mareado. O moi cabarito alanca ós cabalos caxougándome o licor no estómago, ronca e bufa e pasa de raspallón por onda o primeiro municipal que encontra.

  (...) A tardiña aterecía ós transeúntes. Amantados nas roupas de inverno, corrían cara ás súas casas, sen humor para rirse dun pavesas. E mira que me esforzaba por caer en gracia. A chispa duroume toda a subida da rúa Bedoya. Destapaba os bebés que as nais abrigaban dentro de sacos e peleles para aloumiñarlles o nariz (...).

  Entrei no cuartel polo camiño do Canal."

Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.150-151


 

sábado, 29 de octubre de 2016

E chiaban

"-Ben... escoitamos na radio que atoparan a rapaza morta no Barbaña. Causoulle unha gran impresión, ¿a quen non?

  (...) Tomei un bocadillo de calquera cousa no café da mesma rúa. Non tiñan de tortilla quente, nin de calamares, pero había que prepararlle a cama ós copazos que virían despois.

  O club Maracaibo era, como explicara a secretaria do Rebollo, un local decente. Todos os locais escuros o son, por máis que a xente terquee no contrario. Apalpar nas tebras implica vergonza e remordemento.

  (...) Chamábase Coral e fora azafata de Pan Am, alá en Venezuela. Intentara o brinco ó estrelato -fixera de gallega nunha serie de televisión e un spot anunciando café-, antes de acabar en Ourense servindo borrachos para poder comer unha arepa. (...)

  Había barullo na rúa. Os clientes saían a curiosear, e a actriz asomouse á porta. Gastaba un pantalón de cor amarela, cinguido ás nádegas. Situeime detrás dos dous colombros, encollido coma un lebracho asustado. Pasaba unha procesión de rapazas. Marchaban encadradas en distintos batallóns, Carmelitas, Franciscanas, Josefinas, con cadanseu uniforme. E chiaban. Denunciaban o pecado e pedían xustiza."
Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.146-149

viernes, 28 de octubre de 2016

Se non se amoxeta

"Había unha man de pistolas dese calibre circulando pola cidade. O picapleitos tiña unha, o pelado outra, e iso conducía a ningures. A maioría dos bos peixes da hampa fornecíanse en Portugal desa clase de xoguetes. (...)

  -¿Quen era o matachín?

  -Coñezoo de vista.

  -¿De velo na rúa? Non me pareceu tan bo mozo como para gardalo no acordo.

  -Vino no Maracaibo.

  -Como non te expliques... En materia de antros quedeime no Suevia, onde polo menos as alcaiotas son serviciais e danche toallas limpas.

  -¡É un local decente! Un club en Cardenal Quevedo. (...)

  -Como queiras. Non me volvas chamar para sacarche as castañas do lume. As castañas pelan e pode estoupar algunha se non se amoxeta, con balas bota conta. Gracias que o milhomes lle chamou ó Chrysler compañeiro, do contrario ásome no magosto.

  - (...) O mesmo fozón non deixou cousa con cousa no piso da rúa do Cuartel."
Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.144-145

jueves, 27 de octubre de 2016

Pan bregado

"Sen saír do barrio, deambulei polas rúas, tomando o sol de inverno, ata que me doeu a cabeza. Daquela entrei nunha panadería e merquei pan bregado. Era branquísimo e insípido. Sóubome a gloria, a feiras de antes con charlatáns e augadores; a regalo do meu avó, que baixaba á cidade cun cacique para termarlle da besta mentres botaba a partida na praza da Barreira, e que nunca se esquecía de levarme un cornecho. Molleino en café con leite nunha cafetería da rúa Queipo de Llano, na que piaban os alumnos de Mestría Industrial, que saían do 12 de Outubro.

  -(...) Hai un individuo nun coche esperándome no portal. (...)

  - Non abra ata que eu lle ensine a pata por baixo da porta. ¿Onde vive?

  -En Capitán Eloy, o pé do cine Xesteira.

  -En cinco minutos estou aí.

  Nunha rúa céntrica era pouco verosímil un atentado, quizáis a secretaria vía visións coa cagana. (...) Deixei o coche montado na beirarrúa de Santo Domingo, e regresei ó cruce para guichar dende a esquina. Botei a andar rúa abaixo, endeica ó cine. Examinei a carteleira á torta e á dereita. A película da semana titulábase El Dorado, e os carteis mostraban a un actor novo empuñando unha pistola rara..."

Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.142-143

miércoles, 26 de octubre de 2016

Os coiñais da ribeira

"O avogado vivira en General Aranda -conforme dicía o papeliño co enderezo que me entregara a súa secretaria xunto coas chaves-, e iso obrigábame a cruzar o río. Fíxeno pola Ponte Nova e, se puidesen circular os turismos, meteríame polo Viaducto. O caso era pasar o máis lonxe posible do Ribeiriño. Con todo, non puiden evitar unha ollada de esguello cara ó leste. Por fortuna, o Miño fai unha reviravolta á altura da Ponte Vella, e non se divisaban os meus arrabaldos.

  A General Aranda, ou sexa á rúa do Cuartel, non a pararon de todo os constructores. Ficaban varias casiñas con hortas que baixaban ata os coiñais da ribeira. Onde empata con Rosalía de Castro, comezaron a erguerse os rañaceos, uns armatostes de edificios, de catro ou cinco andares, rematados en terraza. Ese detalle diferenciábaos doutros bloques do barrio, nos que, a falta de tendal no tellado, ondeaba a roupa en corredores e xanelas."

Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.141-142

martes, 25 de octubre de 2016

Alcatreaba a bravío

"Tiña a cara coma un santo cristo, e parecía verdadeiramente conmovida. A palidez, o tremor dos labios, os ollos chorosos, falaban ás claras da súa consternación. (...)

  -Un día topamos na escaleira cunha serpe noxenta. Dígame, ¿por qué habemos de aturar un colebrón no medio da capital? (...)

  -Se vai polo Club dígalle que me chame. É moi urxente. (...)

  Deixei as galerías tapándome o naríz.  Por diante da tendas de animais, en varios metros de corredor, alcatreaba a bravío."

Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.139-141

lunes, 24 de octubre de 2016

Nun charco de ras

"Na comisaría andaban por aire. Á primeira hora da mañá encontraran os veciños de Velle o cadáver dun descoñecido. Nun charco de ras como Ourense dúas mortes son andacio.  Comentábanse os datos das autopsias. Signos de esgano en Elina, o corpo unha pura mazadela, e restos de seme. (...) As emisoras armaban expolio coa onda de crimes. A noticia chegara a un bufete de Galerías Roma, onde a secretaria do titular sufrira un baixón de tensión. (...)

  No túnel das galerías había un monte de negocios ruinosos, inclusive din cunha librería.(...)

  Metín as mans nos petos, avergonzado das miñas unllas, semellantes ás dun mulo sen ferrar, e ponderei os adiantos da perruquería auriense."

Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.137-138

domingo, 23 de octubre de 2016

Frío coma un xelado

"A néboa dera paso a un abrente aterecido.  O sol erguérase cedo e lucía espléndido, sen verse entoldado polo bafo de costume. Alá arriba, nos outeiros que asombran Ourense, no Montealegre, no Monte do Seminario e en Castro de Beiro, derretía os fíos de prata que cubrían os campos. Na fochanca da cidade non xiaba, pero tampouco as lancerias do astro lograban enxugar as pedras suadas, lambidas pola brétema no transcurso da noite. Aquí todo dicía frío coma un xelado da Ibense."

Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.136

sábado, 22 de octubre de 2016

Un gato vello

"Deixei o despacho cos pelos de punta. Merquei un bocadillo de chourizo nunha cafetería do Parque, coa esperanza de que o ardor do estómago me mantivese entretido, e dispúxenme a pasar a noite no coche.

  Non peguei no sono. O peor chegou cando a xente se retirou das rúas. Ata que abriu a gasolinera de Pérez Rumbao, deslizáronse as horas pousonas e frías. Acendía o motor e puña a calefacción cada tanto, pero apagábaa axiña, dábame a impresión de que envenenaba o aire. Quizais alguha fuga de gas que non libraba o tubo de escape, ou simplemente aprensión miña. Aparcado na rúa ancha e iluminada cunha luz fantasmal - nas Diagonal abundan as farolas-, peneirada pola néboa, acordeime do meu piso de solteiro na Avenida das Caldas, acolledor sen demasiadas confianzas, ideal para un gato vello."

Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.136

viernes, 21 de octubre de 2016

Quimbambas

"-Un día fomos a Paulino, á sala de festas que hai na estrada de Cea ó Carballiño. Tanto me encheron que as apeei no medio do monte, bueno... nunha aldea que se chama San Facundo e que ben podía chamarse Quimbambas. Foi unha xudiada, de acordo, pero tamén foi todo o mal que lle fixen.

  -O asunto está feo. Vas ir ó caldeiro e vanche facer un cu novo. Procura contar a verdade se aprecias en algo as nádegas.

  O detido amansou, na viaxe de regreso a Ourense non se tirou do Dauphine nin cousa parecida."

Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.135

jueves, 20 de octubre de 2016

Unha casarella herdada

"Neste tipo de estradas, o que circula pola banda do monte, especialmente se vai encaramado nun armatoste grande, non se compadece dos que corren bordeando o precipicio. Ós dez minutos, a cinta asfáltica desvíase da beira, deixando sitio para as aldeas que mollan os pés no río. Nunha desas aldeas posuían as Luisiñañas unha casarella herdada da familia. Dei co sitio facilmente, preguntando nunha carnicería pegada ó apaeadeiro do tren. Alomenos os lugares da parroquia de San Miguel de Melias tiñan un punto a favor: as corredoriras estaban acementadas."

Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.133

miércoles, 19 de octubre de 2016

Estreita e arrevesada

"Anque espesaba a brétema, a medida que rodaba a tarde, arrisqueime a guiar pola estrada de Barra de Miño. Dende que se pasa por baixo do arco do Viaducto, ata as piscinas de Oira, a ruta é agradable. Corres paralelo ó río, pero a unha distancia tranquilizadora. Rebasado o encoro, de aí a Ribela, a estrada, estreita e arrevesada, cínguese ó Miño. Nun día neboento, o bafo, a respiración do río, confunde o chapapote, clareado pola area e o uso, coa superficie grisalla da auga. Paseino mal. Conducín a gustiño, rezando para non tropezar cun camión ou un coche de liña en sentido contrario."


Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.133

martes, 18 de octubre de 2016

Polas lanceiras mornas

"Conducín ata a Alameda e senteime nun banco a tomar as raiolas do sol que lograban traspasar o ceo gris na forza do mediodía. Dous velllos, chamados coma min polas lanceiras mornas, discutían ó meu carón. (...) Eu fixen tempo repasando mentalmente as aliñacións da Rexional Preferente. Cando me pareceu, achegueime á rúa Reza, ó fogón dunha media parenta.  A condenada especia tanto os callos, que te tumban co cheiro conforme entras no chiringo. Agora, se logras repoñerte do golpe e meter a culler, o solbo quente e colorado aséntache o bandullo e ponte novo. O viño, acedo coma o demo, tamén se deixa beber, a condición de que te pille sentado ou cunha parede cerca onde arrimarse."

Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.132-133

lunes, 17 de octubre de 2016

Espora no lombo

"Encontrei ó meu amigo levantando un galiñeiro de tixolo. Na traseira dos novos bloques, nos espacios sobrantes entre os solares edificados, quedaban aínda cortellos, chilotes de coellos e poleiros. (...)

  -Espera á primavera. Quizais atopes a aniñada nunha cepa ou nunha verza. Pero mira que o Couto medra moito, se cadra para a primavera xa edificaron todo e acabaron coas hortas.

  -Estas Luisiñas teñen o niño nun piso deste barrio. E creo que ultimamentes se lles coou un cuco dentro. (...)

  -Viñeron de Barra de Miño. Traen rianxo da aldea e fan unhas comidas moi competentes. Tamén na cama son xeitosas. Cando estás no trato, danche espora no lombo cos calcañares. Dende hai un tempo, metéuselles na casa ese fulano e espantoulles os clientes de sempre.

  Acompañoume ata o portal das mulleres. Na rúa sorprendeu a un par de fillos que lataran a escola e enviounos para a casa cun pescozón. (...)

  Outra cisma dos pais de familia numerosa, máis arraigada aínda que a das churrianas, é o ensino dos fillos. (...)

  Eran pouquiña cousa, as formas corporais reducidas a un esquema. Estrañoume que mulleres tan transparentes cociñasen ben. Empecei a dubidar dos informes do Chinto. Tampouco entendía a afección con que contaban entre os mullereiros do barrio."
Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.130-131

domingo, 16 de octubre de 2016

Máis de peixes que de aves

"No Couto coñecía só ó farmacéutico e ó Chinto. Descartei ó primeiro, porque era máis de peixes que de aves. Home familiar, co único vicio das troitas, non podía estar ó tanto do voo das Luisiñas. O Chinto fora tamén pesco -tivera posto de anguías á beira do río, antes de que ergueran os encoros e despoboasen o Miño-, pero na actualidade sostiña a familia numerosa  con chapuzas na construcción. Dúas circunstancias me inclinaban a sospeitar que coñecese ás mulleres."
Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.129

sábado, 15 de octubre de 2016

"As Luisiñas"

" -¿Sabedes algo das mulleres que lle dan pousada?

  -Jackie averiguou algo, o seu barrio queda cerca do Couto e corren as noticias. Chámanlles "As Luisiñas", e teñen mala fama.

  -Se non é moito pedir, faládeme do domingo. ¿Cando vistes por última vez a Elina?

  -Separámonos en Doutor Fleming, na entrada das Galerías. Ela cruzounas cara ó Progreso, onde a esperaba un pretendente. Non quixo que o visemos, nin sequera de lonxe, así que nos deixou plantadas.

  Devolvín as rapazas ó colexio."
Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.129

viernes, 14 de octubre de 2016

Devece polos fotingos

" -O último que lle coñecemos foi Nicanor. Unha boa peza, ¡como para metelo na familia!

  -¿Onde podo encontralo?

  -Non é moi fácil. Ultimamente creo que para polo Couto, no piso dunhas tipas. Deixe o coche só estacionado naquela zona, e vixíe dende un portal. Pode pillalo coas mans na masa.

 -¿Devece polos fotingos, eh?

  -É louco por eles. Se conquista unha rapaza o primeiro que fai é levala á recta de Quintela e poñerse a cen por hora. Para oíla chiar."

Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.128-129

jueves, 13 de octubre de 2016

Un cornello escuro

"Había que cazar á espera, pavonearse un chisco e agardar ó remate da festa. Era de admirar, coa pouca tensión de luz que había, o que custaba encontrar un cornello escuro. ¿Vós onde bailades? ¿Naquel local do principio do Progreso, como se chama?

  -Brigitte. Esa é a discoteca dos paduanos.

  -Pois vexo unha requitropa de xente á porta os sábados pola noite.

  -É o día que baixan os chanquiñas. Nós imos a Katherine.

  -Iso cae pola rúa dos Remedios, ¿non si? Case ó pé vive a tía Elina, digo de Jacqueline. ¿Non lle daba apuro mocear tan cerca da casa?"
Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.128

miércoles, 12 de octubre de 2016

O rumor da auga

" -¿Tedes noivo?

  Risiñas, a resposta previsible.

  -É unha pregunta fácil. Pan comido para unhas alumnas das Carmelitas. Xa vistes os Maristas, que triunfaron en Cesta y puntos, e cun cuestionario ben máis difícil.

  -Se temos noivo ou non é cousa nosa. A vostede impórtalle pouco. Pero, en fin, non quero desilusionar a un vello verde. Si, eu teño noivo e precisamente estou nas monxas por darme o lote con el.

  -¿No portal ou na praza do barrio?

  -Na fonte. En Ceboliño temos unha fonte pública.

  (...) Rita presumía de medio internado. Estaba por riba dos dormitorios cuartelarios, das rosmadelas na escuridade, das pelexas acaloradas a golpes de almofada. Ela disfrutaba do rumor da auga e da frescura da fonte de Ceboliño."
Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.126-127

martes, 11 de octubre de 2016

Un chanqueiro

"Eu tiña o pelo engraxado e olleiras de durmir mal. Non cambiara de traxe nin de camisa, cheiraba a bubela. Un tipo así non inspira respecto nin na feira de marráns da Peroxa. (...)

  Unha mirada de entendemento e asentiron. As hermanas concedéronnos unha hora. Eu pensaba nunha cafetería, en convidalas a Nescafé con algunha bolería empalagosa. Como moito, estaba disposto a transixir cun par de Fantas. Sen embargo, non soltaron a lingua ata que nos metemos nun bar da rúa Viriato a tomar un chanqueiro cunhas tapas de roxóns e de coiros de porco, renxentes e peludos. Era un pouco demasiado cedo, incluso para o taco das once."

Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.125-126

lunes, 10 de octubre de 2016

As freiras do Carmelo

"A seguinte visita foi para as hermanas, na Praza do Correxidor. As Carmelitas tiñan fama entre os colexios de pago femininos. A oferta era ampla, Josefinas, Franciscanas... pero as palmas nas facturas levábana as freiras do Carmelo. Despois de fumar varios pitos na porta da entrada, veume buscar unha monxa nova. (...)

  -Acabo de falar con dúas compañeiras dela. Quedei pampa escoitando as diversións a que se entregan os fins de semana. Pasan horas nos parques con cuadrillas de golfos e permanecen ata deshora nas discotecas tentando o demo.

  -To, to, to. Iso é grave. De aí a montar en bicicleta hai un paso."

Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.123-124

domingo, 9 de octubre de 2016

Con alivio

" -A situación das churrianas de Londres é fastidiada se, como di vostede, hai por aló tanto afeccionado a manexar o bisturí. Non lle coñecía esa cisma ós ingleses. Un home como Deus manda acode a estes antros sen máis instrumental que a gaita. (...)

  A continuación distribuíu o traballo. A min tocoume entrevistar ós familiares e coñecidos de Elina.

  O enderezo familiar que me deron estaba en Jesús Soria, próximo o lugar onde se atopou o cadáver. Fun polo coche e tiven unhas palabras cun tipo que ficara atrapado nun seiscentos, entre a beirarrúa e o meu carro. (...)

  O baixo do edificio de Jesús Soria estaba ocupado por un ultramarinos de Vegé. Aí recollín das veciñas os primeiros informes. (...)

  Coa promesa de volver, para dar o pésame ós americanos, deixei o piso de Jesús Soria. Deixeino con alivio."

Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.121-123

sábado, 8 de octubre de 2016

Outra andrómena

"Aínda parei unhas señoras, no cruce da rúa do Concello, para preguntarlles onde estaba. É outra andrómena que uso moito cando estou decaído. Paro transeúntes no Progreso, no Paseo ou na Diagonal e interésome polo nome da rúa. A xente -procuro preguntarlle a señoras que van de compras ou a empregados da banca- alégrase de poder lucir os seus coñecementos. General Franco, José Antonio, Juan XXIII, responden os sabichosos, sen darse idea da gracia que me causan. (...)

  Os compañeiros, a medida que foron chegando, engancháronse na discusión de sempre sobre os males rojillos. Que se Ordax sufría tortícolo e non metía un cabezazo entre os tres paus, que se Fuertes era un chanquiñas e Montenegro unha bailarina... Falouse incluso de deixar os sensabores do balompé e organizar un campionato de chave."

Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.120

viernes, 7 de octubre de 2016

No verso do retrato

"Despois dun rodeo considerable polos barrios do oeste, volvín ó centro e parei na Diagonal, arrente dun fotomatón. Para cando se acendeu o foco, conseguira poñer cara de año degolado. Regresei a pé ó Progreso e camiñei ata a esquina de Correos. Escribín no reverso do retrato: Mujer, quién sabe por dónde andarás, quién sabe qué aventuras tendrás, qué lejos estás de mi. Púxenlle o selo e o enderezo da miña casa. O frío da néboa mantívome espilido. Só así puiden avivar a vontade de desandar o camiño. Volvín xunto ó coche e deixeino estar en dobre fila, para que me escribise a garda urbana. Hai anos que non recibo outras cartas."

Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.119

jueves, 6 de octubre de 2016

Unha familia de ratas malhumoradas

"... e seguín viaxe cara á ponte sobre a Barbaña, aludida no diario. Non falara co comisario nin cos compañeiros da Brigada, nin sequera sabía se me encomendarían o caso, pero andaba romántico e desorientado. Cando é así, hai poucas cousas que me levanten a paletilla. Unha delas é cheirar rastros. Aparquei na rúa de Antonio Puga e baixei á ribeira por unha canella entre dous edificios, velándome de non pisar nos moriscos de lixo. Albisquei o vulto dunha señora que tendía roupa nun corredor, berreille, e sinaloume o lugar onde aparecera a morta. Había unha horta de frutais espidos, castigados pola invernía e, máis abaixo, un desaugadoiro infecto que tinxía o río de marrón escuro. Non vin inidicios nin cousa parecida, só unha familia de ratas malhumoradas e unha meixengra pousada nun salgueiro."

Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.119

miércoles, 5 de octubre de 2016

O pinote do coche

"A neboeira que cubría a cidade dende principios de febreiro continuaría ensombrecendo as rúas, cunha pequena lanceira de claridade a mediodía, o resto da xornada. (...)

  ¡Apreta Delfín! Encirrei o meu vello fotingo, para que remontase a costa da Ponte Vella. Gustábame chegar ó vértice embalado e disfrutar do pinote do coche, cando collía a costa abaixo.  Esas trastadas son posibles nesta Ponte que fai lombo. Na de ferro, só hai emoción cando pasa un camión de varios eixos e fai tremar os ferranchos. En canto á Ponte Novísima, de cemento armado, con esa unicamente se divertiron os enxeñeiros. Estacionei na Rúa dos Remedios e sumeime a un grupo de alumnos dos Salesianos, encabezado polo profesor de educación física, que se exercitaba nas pistas do Pavillón de Deportes."

Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.118

martes, 4 de octubre de 2016

Dezaseis anos, vilmente asasinada

"Todos estes sucesos non contribuían a erguer o ánimo. Comprenderase por que, dende que merquei La hoja del lunes no quiosco do Parque Infantil, nos locais comerciais que se abren á Avenida de Santiago, empecei a falar só, maiormente a blasfemar e renegar do mundo. A primeira plana informaba, en nota de última hora, do achado dun cadáver na Barbaña, á altura da Ponte Lebrón. Elina Alvarellos, dezaseis anos, vilmente asasinada. O xornal, todo por xunto, era demoledor. Dos sucesos, que choraban a traxedia, ás páxinas deportivas onde se denunciaba a baixa forma de Montenegro e a pésima campaña do C.D. Ourense."

Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.117

lunes, 3 de octubre de 2016

Coma un boi sen capar

"Precisamente andaba dun humor endiañado. Un asunto doméstico insignificante provocara unha rifa coa muller. Despois da liorta, Tina foi pasear pola beira do río para tranquilizarse. Iso pensaba eu pero, segundo me contou logo, a piques estivera de guindarse á auga. Por certo que, nesa época, o Miño baixaba medrado, bruando coma un boi sen capar. Os meses de decembro e xaneiro chovera sen pausa, e os barrios baixo da cidade vianse alagados pola enchente."

Bieito Iglesias, "O que enganan as iguanas" en  miss Ourense, ed. Galaxia, Vigo, 1994, páx.117

domingo, 2 de octubre de 2016

La Ciudad

(1909 - 1ª versión, 1894)

Dices: "Iré a otra tierra, hacia otro mar
y una ciudad mejor con certeza hallaré.
Pues cada esfuerzo mío está aquí condenado, 
y muere mi corazón
lo mismo que mis pensamientos en esta desolada languidez.
Donde vuelvo mis ojos sólo veo
las oscuras ruinas de mi vida
y los muchos años que aquí pasé o destruí".
No hallarás otra tierra ni otra mar.
La ciudad irá en ti siempre. Volverás
a las mismas calles. Y en los mismos suburbios  llegará tu vejez;
en la misma casa encanecerás.
Pues la ciudad siempre es la misma. Otra no busques
-no la hay-,
ni caminos ni barco para ti.
La vida que aquí perdiste
la has destruido en toda la tierra.

Konstantino Kavafis, poema XXIII, Poesías completas, poesía Hiperión, 19ª ed, 1997, pág. 37

sábado, 1 de octubre de 2016

Bibliografía: Tagore en Auria



-Babarro González, Xoán. As máscaras do profesor Robindra. Ed. Galaxia, colección Árbore, nº 198. Vigo-2015.

-Casares, Carlos. Vicente  Risco. Ed. Galaxia, Vigo, 1981. “Colección Conciencia de Galicia”. Páxs. 41-44 e 81-82.  

-Coletes Blanco, Agustín. “Más sobre Tagore en España: una traducción olvidada (inglés-español) de Martínez Sierra”. Universidad de Oviedo. Archivum: Revista de la Facultad de Filología, Tomo 50-51, 2000-2001, págs. 119-148

-Coletes Blanco, Agustín. “Un apunte sobre la fortuna de Tagore en España”. Universidad de Oviedo. Archivum: Revista de la Facultad de Filología, , Tomo 48-49,  págs. 147-179.

-Cortés Ibáñez, Emilia. “La recepción de Tagore en la prensa española”,  no libro Redescubriendo a Tagore (150 aniversario del poeta indio), edición a cargo de Shyama Prasad Ganguly e Indranil Chakravarty, editorial Amaranta, Indo-Latin American Cultural Initiative, setembro, 2011. Da páxina 264 a 287. 

-Cuns Lousa, Xulio. O carteiro do rei Malini. Ed. do Castro, O Castro-Sada, 1976.

-Del Caño, Xosé Manuel. Ourense, Atenas de Galicia. “Xosé  Paz”, páxs 295-301. Ed. Linteo. Ourense, 2014.