jueves, 22 de septiembre de 2016

“Xosé Paz: outro tagoreano en Auria”



(Apuntamentos para unha biografía)

Rabindranath Tagore (Calcuta, 7 de maio de 1861 – Calcuta, 7 de agosto de 1941), poeta, artista, dramaturgo, músico, novelista e autor de cancións foi o primeiro escritor non europeo en acadar ol Premio Nobel de Literatura, en 1913. Vicente Risco, xa en 1914 sentirá unha profunda atracción pola súa obra e a súa personalidade, sendo o primeiro en falar en público sobre o poeta bengalí en España. Poucos anos despois da morte de Tagore nacerá nas terras de Ourense José Paz Rodríguez, quen se converterá nun auténtico fanático da súa obra e das distintas facetas que o escritor indio desenvolveu, o que o levará a formar durante xa máis de cincuenta anos a biblioteca particular máis importante do mundo sobre el, a divulgar constantemente a súa figura con múltiples actividades e publicacións tanto en Ourense como por medio mundo e a residir dende 2001 varios meses ao ano en Santiniketon, lugar da India onde Tagore residiu e onde constituíu unha das escolas máis renovadoras da época.

BIOGRAFÍA
1948: o día 12 de abril, ás 4 da madrugada, nace na Casa de Borras, na aldea de Corna (Piñor de Cea). Na mesma casa onde estaba a escola. Fillo de Rosa, costureira, da que escoitou dende cativo múltiples historias populares narradas en galego, herdadas da súa avoa Pura, que o fixeron amar o galego materno dende cativo. De seu pai Juan procede tamén o amor pola nosa lingua,  nesta caso en forma de cantares, principalmente. Notario daquela comarca regaláballe libros frecuentemente que mercaba nas feiras da zona, todos eles en castelán, xa que daquela era moi difícil conseguilos en galego. O primeiro libro que leu en galego foi “Cantares Gallegos”, de Rosalía de Castro, e que o impresionou profundamente, ao ver escrita a lingua que lle falaban seus pais.

1951: con tres anos, na súa aldea, unha mestra alegre e cariñosa, fomenta prematuramente a vocación pola escola e o ensino, e polos libros, a lectura e a escrita.

1958-63: por decisión do seu pai estuda no Instituto Laboral (instituto Ramón Mª Aller) de Lalín os cinco anos de estudos secundarios: o Bacharelato elemental. As fins de semana voltaba no Castromil a súa aldea. Nestes institutos Laborais, que foron eliminados a principios dos setenta, combinábanse materias culturais, científicas e lingüísticas, con outras clases máis prácticas que aportaban coñecementos de electricidade, carpintería e metal, ademais do visionado de documentais e películas (aquí comeza o seu amor pola sétima arte) realizaban múltiples actividades culturais, viaxes por Galicia, e aínda prácticas agrícolas. Unha formación moi completa.


1963: en setembro aproba, con boa nota, o ingreso na Escola Normal de Maxisterio de Ourense. En outubro chega a estudar a Ourense, onde vivirá dende ese ano. Aquí traballará, casará e terá aos seus tres fillos. Todos eles mestres, igual ca súa muller Ana, profesora de Literatura no IES do Couto durante moitos anos.

1963-1966: Tres anos de estudos de formación inicial, na Escola Normal de Ourense, seguindo o denominado Plan 1950. Á profesora Mª del Carmen López débelle a súa vocación pola Pedagoxía, e o feito de estudar logo esta carreira en Madrid, e parte do seu gran amor pola educación e polo ensino. Con Carlos Vázquez, da librería Tanco, aprendeu francés e moitas cousas da cidade. Aínda hoxe lembra con moito cariño a todos os mestres que tivo, e que tan profundamente o marcaron.

1964-1971: vive na casa nº 6 da rúa Dous de Maio, polo que se empapa continuamente da vida da cidade durante eses anos.

1964: comeza a súa paixón por Rabindranath Tagore. A súa moza Ana, quen logo se converterá na súa muller, regálalle os seus primeiros libros de Tagore: “Gora” e despois “O naufraxio”.

1969: representan a obra teatral de Tagore “O carteiro do Rei” na súa primeira escola, a nº 5 do barrio de Mariñamansa. Na súa segunda escola, o colexio “Virxen de Covadonga”, representaraa novamente.

1971: licénciase en Pedagoxía pola Universidade Complutense de Madrid. A súa tese de doutoramento xirou arredor da figura de Tagore como educador. O curso 71/72 traballa como profesor no Instituto de Ourense, actual IES Otero Pedraio.

1972: setembro: intégrase como profesor na Escola Normal de Maxisterio de Ourense, onde antes fora alumno. Amante do cinema, ese mesmo ano, pasa a formar parte da directiva do Cine-Clube “Padre Feijóo”, creado un ano antes. Durante anos participara activamente na súa programación, e na integración do cinema de calidade na cidade. Loitando tamén pola presenza dun cine infantil de calidade.

1978: pon en marcha a Asociación Sociopedagóxica Galaico-Portuguesa, dedicada a actividades lúdicas para o alumnado, e os Movementos de Renovación Pedagóxica, de formación permanente para o profesorado.

2001: decembro: visita por vez primeira a India, xunto a súa filla Nuria. Neste mes, en Santiniketon (“Morada da Paz”), participa nos actos do centenario da Escola Nova tagoreana. Quedou tan fascinado polo lugar, o que por outra levaba anos desexando visitar, que se prometeu a si mesmo que o visitaría cada ano. Só o inverno de 2006 fallará a súa cita.

Dende este ano pasa, cando menos, tres meses do inverno na terra natal de Tagore, en Santiniketon , onde ademais de estudar a obra de Tagore, viaxa polo país, e é tremendamente feliz, desconectado do mundo occidental, e gozando da natureza e das xentes da India, especialmente de Bengala. As súas charlas e conferencias, presenza nas televisións e visita aos persoeiros máis destacados da cultura hispana na India é constante ao longo destes anos.

No verán ten lugar unha charla sobre a India no Liceo de Ourense, na que participan, entre outros, os grandes hispanistas indios Shamu Ganguly e Torun Ghotok, invitados por Xosé Paz. A presenza de personalidades relacionadas coa cultura india nestes anos en Ourense serán frecuentes, sempre da man do noso mestre.

2005: Visita Bangladesh por primeira vez, do 8 ao 13 de febreiro.

2007: compra un coche módelo “Índigo”, da marca india Tata. En xullo visita por primeira vez a cidade de Bombai.

Dende finais deste ano e até o ano 2011 escribe con regularidade no xornal La Región: especialmente sobre as súas visitas á India, onde vai misturando detalles do seu día a día polo país asiático, amosándonos atractivamente a vida dese país, e dándonos a coñecer a súa cultura, natureza, arte, e aportando constantemente datos da súa gran paixón: o escritor Rabindranath Tagore. Sería estupendo ver publicados nun libro todos estes artigos, unha auténtica guía literaria de viaxe do país asiático.

2008: implícase xunto a outras personalidades para tratar de salvar o edificio do ex-banco de España de Ourense, buscando unha finalidade cultural, e non como destino do catastro como pretendían outros. Finalmente, no 2013, na planta baixa estableceuse o Centro Cultural José Ángel Valente, destinándose o resto do edificio á Xerencia Territorial do Catastro.

Marzo: participa nunha mesa redonda sobre Tagore, no centro internacional indio de Nova Delhi.

2009: Setembro: participa en Madrid, convidado pola casa Ásia, nun festival cultural dedicado  á música e o folclore de Bengala.

  Do 5 ao 11 de outubro viaxa a Cabo Verde, invitado pola Asociación de Profesores.

2010: do 15 ao 29 de xaneiro: visita novamente Bangladesh.

Este ano o Festival de cine de Ourense, na súa décimo quinta edición, dedica unha sección a Rabindranath Tagore. Estreouse a ópera budista de Tagore titulada “Shyama”, en soporte dixital, baixo a dirección de Obhi Chatterji, e tivo lugar a actuación da bailarina Kaberi. Os dous estiveron en Ourense. Ese mesmo 8 de outubro  plántase unha semilla nas inmediacións do centro comercial Ponte Vella para que unha árbore perdure na historia da cidade e nos lembre a Tagore. . E dende logo que a figura de José Paz tivo moito que ver en estes actos, tendo en conta que estaba próximo o 150 aniversario do nacemento do poeta bengalí. 

2011: A partir da visita deste ano a Santiniketon prolongará a súa estancia anual por un período de cinco meses, unha vez xubilado.
Febreiro: visita novamente a capital da India, Nova Delhi.
Marzo: da unha charla no Centro Cultural Cervantes de Calcuta.
O 7 de maio presentouse oficialmente, coincidindo co 150 aniversario do nacemento de Tagore, na Sociedade Filatélica Miño, a petición do pedagogo tagoreano José Paz, un sello e matasellos sobre o poeta bengalí.

Visita por terceira vez Bangladesh. Desta vez realizou un recorrido tagoreano, de norte ao sur do país.
Este ano, coincidindo co 150 aniversario do nacemento de Tagore participou en diversas actividades como organizador, poñente ou conferenciante.

2014: 3 de maio, cede definitivamente a súa Biblioteca sobre  Tagore á Casa da India de Valladolid, despois de múltiples intentos, durante moitos anos, de que a súa biblioteca permanecerá en Ourense.

2015: funda a primeira Casa de Galicia na India, “Galisarbari”, en Shantiniketan, na que ademais de servir de lugar de encontro entre estudantes e educadores de ambos países, pretende organizar actividades educativas para nenos, así como cursos para mulleres nos que aprendan a ler e escribir. En  bengalí chámase “Santir Bhavan”, que significa “a primeira na historia”.

José Paz leva publicados infinidade de artigos dedicados a Tagore en numerosos xornais galegos e portugueses, e en diversas revistas como “Padres y Maestros”, BILE, Agália, The Visva-Bharati Quarterly, A Peneira, Comunidad Educativa, la bengalí Jignasa, Semanario Minho, Boletín de AGLP...
Nos últimos tempos anda a traballar especialmente nos artigos educativos de Tagore, escritos en bengalí. 
É profesor membro da Academia Galega da Língua Portuguesa, xa que sempre reinvindicou o reintegracionismo na escrita, como medio de enlazar directamente coa lusofonía, reivindicando a raíz común das nosas culturas.

Igual que na Galiza sempre contribúe a difusión da cultura da Índia, no país asiático introduce en canto pode a cultura galega para difundila entre os seus habitantes. (Ten pensado abrir escolas ao aire libre, tanto preto de Santiniketon, como en Bangladesh, polo seu baixo custe e porque alí os recursos didácticos resultan moi baratos para un europeo, preocúpase sobre a situación do ensino na India, intenta crear o departamento de castellano e de galego-portugués na universidade internacional de Tagore en Santiniketon, sempre facendo intercambio cultural e lingüístico entre o bengalí e o galego).

 Apaixonado dende sempre da súa cidade de Ourense, estudoso e divulgador da súa cultura, preocúpase constantemente polo seu papel cultural, e tamén económico, cunha serie de reclamacións:
-Reclama dende hai anos a existencia dunha biblioteca municipal para Ourense.

-Reclama a posta en valor das bibliotecas máis importantes cedidas por escritores ourensanos, buscando unha ubicación digna, bibliotecas que agora mesmo se atopan, a maioría, no faiado do edifición Simeón ou na Diputación. Estamos a falar das bibliotecas de Alberto Vilanova, Blanco-Amor, Ben-Cho-Shei, Bieito Alonso, Matilde Llória, Manuel Albendea, Xavier Carvajal; e tamén propón tratar de recuperar a de Rei Soto, actualmente en Poio, no seu mosteiro. El estaría disposto a ceder gratuitamente algunha das súas bibliotecas. Desgraciadamente a de Tagore xa a perdemos definitivamente, instalada actualmente na Casa da India de Valladolid, dende o ano 2014.

-relacionado co anterior, plantexou durante anos a creación dunha Casa de Bengala en Ourense, onde podería ter especial importancia un Centro Tagore.

-plantexa a posibilidade, no ano 2009, de tratar de influír para que o xigante do automóvil indio, a empresa Tata, que anda a desenvolver o automóvil eléctrico do futuro, e que quere montar unha factoría en España, considere a posiblidade de instalarese en Galicia, e por que non en Ourense.

No hay comentarios:

Publicar un comentario