sábado, 10 de septiembre de 2016

O caderno



(Un escritor galego recibe unha axuda para un proxecto que consiste en segui-lo roteiro que fai Vicente Risco no libro Mitteleuropa, pero setenta anos despois.)

“ “¿Quen é o responsable disto?”

Frida, a secretaria vella, díxolle que a Tadeusz, sempre que estivese con Helmut, había que lle cre-la metade do que contaba e, ás veces, nin sequera iso. (...) Atopaban especial divertimento en remarcar algúns episodios frívolos e en engrosar a capricho a lista dos seus amantes, por moito que ela, Frida, a secretaria vella, asegurase que non eran nin a terceira parte do que contaban. Que ela soubese, de certo, non houbera nin antigos revolucionarios  rusos, nin un príncipe indio que viñera educarse a Europa, e que si, podía ser certo que non pisase a universidade, que gastase fortunas en festas e en pechar teatros e óperas para si, pero que Marien nada tivera que ver con el, agás unha entrevista na que lle preguntara por Rabindranath Tagore.

 Era unha coincidencia curiosa –apouvigada pola meirande e estraña circunstancia na que vivía- esa referencia de Frida a Rabindranath Tagore, porque a esa persoa que fora o viaxeiro durante uns días para Olivar e a Rankestrasse, Vicente Risco, atribuíaselle o mérito de o dar a coñecer na península Ibérica. Era o Risco mozo, orientalista e snob, que anos despois, en Berlín e na Mitteleuropa –era un dos detalles importantes que lembraba- se sentía sumamente defraudado por un poeta teatral de máis, que inventara un atavío e unha facha de orientalismo convencional para el só. Era no antigo pazo de Kronprinz e organizaba a charla a Kaiser-Friedrich-Universität.


 Se cadra nin Risco nin Rabindranath Tagore era xa os mesmos que foran, pensou, e durante un bo cacho o seu maxín retratou o dolmen luado de Lar, a portada de O lobo da xente, as gárgolas de pedra que o enmarcaban e aquelas representacións multitudinarias, tamén de pedra, que, na imitación do frontispicio dun templo indio, tiña aquel libriño arxentino, editorial Losada, no que leu por vez primeira O carteiro do rei. Ámbalas dúas pedras tiñan carriza derriba.” 

López López, Xabier. O caderno. Ed. Sotelo Blanco, colección “Medusa Narrativa”, Compostela, 2001. Premio Risco de Literatura Fantástica 2001. páxs. 91-92   

No hay comentarios:

Publicar un comentario