Retrato de Tagore dibuxado por Risco |
"Eu, se hei dicir verdade, na miña vida souben
de que ningún indio vestise deste xeito. As vestimentas indias non son nin tan
sequera parentas das de Rabindranath Tagore. Semella que o poeta inventou unha
vestimenta e un peiteado de orientalismo convencional para el só.
Ao ver isto, ao velo sentar no estrado e
ficar coma unha estatua, namentres o profesor Lüders fixo unha magnífica
presentación en alemán, na que recitou versos sánscritos, a frase que o bohemio
Teixeira adica a Fradique Mendes: “un mecanismo de posse montado com tão grande
luxo”, non pode por menos de me vir ás mentes aplicadas a Rabindranath
Tagore. Hai, en efecto, nel unha falla de naturalidade que fere a un. Claro
está que a énfase é se cadra unha cousa oriental; que a énfase é se cadra unha
cousa boa que nós, os occidentais imos perdendo na decadencia universal entre
nós das boas formas e do respecto polos homes e polas cousas. Mais de tódolos
xeitos, este poeta é teatral de máis. A carón seu, a sinxeleza –quizáis tamén
enfática- de Gandhi, ten por forza que gañar moito.
Despois de Lüders, ergueuse Tagore, pillou os
anteollos de ouro, de cristais redondos que levaba no peito, pendentes dunha
cadeíña do mesmo, despregou os papeis, e encomenzou a ler. Non lle comprendín
nada do que dixo, mais explicoumo despois o xesuíta, e tampouco merece moito a
pena.
Á saída, Tagore foi víctima, coma se fose
Ourense, da curiosidade pouco discreta das donas, que se apretuxaban e apuraban
todas para velo ben de preto, cos impertinentes postos -moitas xa namentres
falaba, estivérono catando con catalexos dos do teatro- e aínda procuraban con
disimulo tocar cos dedos a túnica e o caftán, para ver de que tecido estaban
feitos. El marchaba sen lles dar tino, solemne, pausado, alleo, ollando ao
lonxe, botando os pes un atrás do outro con movemento medio e igual, coas mans
atrás, nunha delas o manuscrito da conferencia, os anteollos de ouro caídos
sobre o peito...
Deste xeito esvaíuse diante de min en Berlín,
a imaxe de Rabindranath Tagore.”
1934: Risco, Vicente. Mitteleuropa. Ed. Galaxia, Vigo, 1984. 2ª edición. (1ª edición do ano 1934, Editorial Nós) páxs. 169-173
Publicado
orixinariamente na revista “NóS” en: “Rabindranath
Tagore” en Nós (Boletín mensual de cultura galega) nº104, año XIV,tomo
9º, Ourense 15 de agosto de 1932, p. 146-148.
No hay comentarios:
Publicar un comentario