miércoles, 7 de septiembre de 2016

Risco en Madrid



7. ESTUDIOS EN MADRID

"Cando vai cumprir os trinta anos, Vicente Risco decide encamiñar a súa vida profesional cara o ensino. Licenciado en Dereito sin vocación e  funcionario de Facenda por obrigación, somentes as súas actividades periodísticas lle reportan algunhas satisfaccións  no plano espiritual. É entón cando pensa en dedicarse á docencia e se matricula na Escola Superior de Maxisterio, en Madrid, onde será alumno de Ortega y Gasset. O primeiro curso iníciao en 1913 e o terceiro e último remátao en xunio de 1916.

Nestes anos da súa primeira estancia madrileña, Vicente Risco será personaxe popular na vida literaria dos círculos e as tertulias, especialmente na do Café de Pombo, na rúa de Carretas, que preside o seu admirado Ramón Gómez de la Serna (nota 46: a noticia dáa Euxenio Montes en La Zarpa, 23-I-1923). De entón data tamén a súa relación con vangardistas tan sinalados como Guillermo de la Torre e Rafael Cansinos Asséns. Estas amistades e este ambiente inconformista e renovador casan ben coa súa coidada personalidade de poeta “raro” e “orixinal”, que por outra parte el adorna con lecturas que lle permiten adquirir amplos coñecementos sobre a literatura europea posterior ao Romanticismo.

Ao mesmo tempo sigue vendo en Oriente unha forma de civilización superior á occidental. Uns anos antes, nun libro inglés de 1911, descubrira a poesía de Rabindranath Tagore, do que se iba convertir nun fervoroso propagandista. Fascinado pola obra do poeta bengalí, fálalle del a cantos o queren escoitar e chega a ser tan insistente co tema que os amigos lle empezan a chamar Tagore; hai incluso xente que pensa que ese é o seu verdadeiro nome. Do que daquela significaba para el o autor de Gitanjali, escribiría en 1930:

   “Agás de estar conforme con moitos dos pensamentos do poeta e pensador Rabindranath Tagore, éste representaba pra min daquela o trunfo do esprito oriental no seo do Oucidente, e os esprito oriental representaba pra min o oposto “per diametrum” á civilización mecánica e maquinista e ao esprito racionalista e materialista que a move.” (nota 47: Nós, nº 104: 15-8-1932)
En 1913, a Real Academia Sueca concedeulle o Premio Nobel de Literatura a Tagore, motivo que aproveitou Risco para dar unha conferencia no Ateneo e dar a coñecer ao poeta hindú nos medios literarios madrileños. Nela insistíu nas ideas que xa lle coñecemos (o orientalismo, o misticismo, a decadencia de Occidente, a primacía do espíritu), pero por vez primeira se referiu a algo que nos permite adiviñar unha certa disposición intelectual de Risco de cara a súa posterior incorporación ao galeguismo: a oposición que el ve xa entre cultura imposta e carácter nacional. Falando da obra realizada polos “babus”, culturalmente asimilados polos ingleses e convertidos en axentes de sustitución da cultura nacional pola da colonia dominadora, di:

“Tales son los resultados de una cultura impuesta, de una educación contraria al carácter nacional, al pasado de la raza, a la constitución mental del pueblo indo. La cultura europea es propia de razas y países en que ha sido preparada por un pasado laborioso, por una larga evolución; pero en los pueblos donde se encuentra con una civilización anteiror, orientada en sentido radicalmente diverso, no puede menos de producir alarmante degeneración en razas que, cuando se desarrollan según su ley propia, conservan todavía toda su fuerza y todo su espíritu. Sólo un genio puede asimilarse lo mejor de lo nuevo permaneciendo adherido centralmente a la tradición: éste es el caso de nuestro poeta.” (nota 48: Vicente Risco: “Rabindranath Tagore”, en La Palabra, nº: 17-18, novembro de 1913)
Son palabras que levan dentro o xermolo dunha nova actitude que aínda tardará uns anos en aflorar, pero que xa está sementada. A cultivala contribuirá en grande medida o contacto que Vicente Risco vai establecer durante a súa estancia madrileña con Luis de Hoyos Sáinz, o seu mestre nunha das disciplinas sobre as que se asentará o seu pensamento galeguista: a Etnografía.”   (Páxs. 41-44)

“En maio de 1930, Risco é pensionado por Real Orde para estudiar Etnografía e Folklore en Alemania. O 14 dese mesmo mes emprende viaxe en tren, as incidencias do cal quedarían rexistradas nas crónicas que  co título de “Da Alemaña”, primeiro, e “Mitteleuropa”, despois, iría enviando a Nós desde xulio de aquel ano e que máis tarde serían collidas en parte no citado volume de Mitteleuropa. (páxs. 81-82)"

1981: Casares, Carlos. Vicente Risco. Ed. Galaxia, Vigo, 1981.” Colección Conciencia de Galicia”. Páxs. 41-44 e 81-82.

No hay comentarios:

Publicar un comentario