José Paz -así escrito en
reintegrado galegoportugués como a el gusta e debera ser- é un ourensano da
Corna, aldea empoleirada nos montes de Piñor de Cea, a primeira da diócese de
Ourense, vindo de Compostela. E como todos os desta bisbarra, entre Oseira, o
Arenteiro e a Madanela, é teimudo, profundador, afeito á cultura dos camiños, á
tolerancia das encrucilladas, amigo dos amigos e sempre cun sorriso agasalleiro
por diante. Tamén nestas terras montesías tiña devanceiros Camilo José Cela, e
notábaselle ben, escenarios que aproveita como inspiración neoesperpéntica para
a súa 'Mazurca para dos Muertos'. Terras de feirantes, de franciscanos, como
Xoán Xacobo Fernández, mártir en Damasco, dos Legísima, do campeón de loita
libre o 'Gorila'.... José Paz é dos que leva unha estrela na fronte e no bico
un cantar.
Alí, na Corna, a carón da vella
estrada de Ourense a Compostela, coida a súa casa de ida e volta e ás súas
queridas pantasmas. Pasa e fai pousada e fonda fixa en Auria, cidade- roda de
afiar, da que é faísca de luz, couto ou nimbo que é o noso Ourense.
José Paz, ten os pes na Terra:
fondo coñecedor do Seminario de Estudos Galegos, de 'Nós' e da súa sementeira
de 'bos e xenerosos', onde Ourense tanto aportou con Vicente Risco, Cuevillas,
Otero Pedrayo, Xocas e moitos que o mesmo Paz e outros tivemos o privilexio de
coñecer. Bo seminario para un sucesor de don Vicente Risco, como profesor de
Didáctica na Escola Normal de Ourense, da que
foi director. E agora na
Faculdade de Educación do campus ourensano. Profundador e bebedor da fonte do
modernismo dos 'inadaptados' os que dando voltas 'arredor de si' descobren que
no seu mesmo país hai un universo por atopar, que 'ser diferentes é ser
existentes'. Eles abrilantan a identidade, a distinción dunha Galiza entón
negada, deste extremo occidente. Introducen as novidades de Europa: James
Joyce, o Krausismo, as referencias a Mitteleuropa.... xunto cos ventos
orientais exóticos, humanistas, pacifistas, do pensamento e da literatura de
Rabindranath Tagore, aquel que tentaba integrar o Oriente co Occidente. E neste
Extremo Occidente, cabo do mundo do mapamundi, Don Vicente Risco era un
precursor á moda, até que o lostregazo da guerra dividiu e sementou morte,
exilio, medo e atraso. José Paz retoma camiños e segue, nimbado tanto da aura
de Ourense como da de Tagore, natureza, fraternidade, poesía, arte, língua,
música.... e o seu traballo en e por Galiza interprétase desde este mesmo harmónico
pentagrama. José Paz estivo e está sempre nas vangardas da sociopedagoxia, sabe
do valor multimedia, criou e animou as 'Xornadas de Cinema de Ourense', o gran
camiño dos audiovisuais e o multimedia como soporte de arte e da educación, as
'Xornadas do Ensino' da ASPGP, e alá polos anos oitenta levou ao cabo do mundo,
a Corcubión, unha Escola de Verao da que aínda hoxe se fala.
Sabe el moi ben que na Galiza
metéronnos no corpo o complexo de illotas e moitos outros esperpentos e que
aquí, para ser científicos, así como para abrir camiños de pasado e futuro,
compre mirar sempre a Portugal, e non con ollos de veciños, senón de irmaos
cunha longa Historia en común. As xornadas sociopedagóxicas galaico-portuguesas
foron un exemplo no que compre seguir e lembro a valiosa colaboración de Isaac
A. Estraviz, de Manuela Ribeira, Adela Figueroa e tantos outros.
O que ven ao conto agora é que
José Paz sabe administrar o seu lecer. É dos que profesa a súa profesión, o
ensino, quere compartir o que ten aprendido e colle os camiños que lle pide o
corpo e o 'espírito santo' que leva dentro, que son os da India de Tagore:
desde a Calcuta onde naceu o escritor no 1861 até as escolas experimentais de
Santiniketan na Bengala Occidental, onde morre no 1941. Paz anda e enxerga fondamente
os escenarios da vida de Rabindranath Tagore, fuxe diste inverno e alá vai
grandes tempadas: faise veciño e amigo dos amigos de Tagore, ten seguidores que
souberon captar a súa entrega e valía e xa o reclaman como seu. Paz ten o
corazón fendido. Esa vella atracción por Tagore levouno a formar e especializar
unha grande biblioteca, xa con mais de 30.000 volumes sobre o pensador e
criador. E por iso cavila agora no futuro, as ofertas na India non lle faltan:
a Universidade Internacional Bengalí de Visva-Bharati mima e dalle todas as
atencións ao galego, sábeno ben na embaixada de España neste país, sabeo ben
Casa Asia, a que tamén se interesa polo fondo. Pero José Paz é ourensano, e
practícao. Tivo conversas co Conselleiro de Cultura e a un tempo co director da
Casa Asia, coa ansia de conveniar e darlle espazo a Tagore na Cidade da Cultura
de Compostela, e cunha premisa no norte da bússola dos desexos: que o proxecto
tería implicacións na India e en Ourense.
Pero por aquí, entre tanta
burocraza e protocolo, nen se ata, nen se desata, nen fan, nen deixan.
Namentres xogan aos malabares coas ilusións. O tempo en contra. Polo de agora
esa biblioteca, a grande fonte documental sobre o Tagore pensador e criador,
que escintila e segue a iluminar o porvir, almacénanse e medra nunha
emblemática casa ourensana. Nos anos andados moitas cousas semellantes temos
visto e case sempre con final triste para os galegos que teñen os sentidos
postos. Logo laiarémonos. Paz quere que os libros queden no Ourense que el quere,
pero a cidade tampouco resposta, como tampouco lle respostou á pantasma de
Vicente Risco, nen de Otero Pedrayo para recuperar as súas casas da rúa da Paz,
un sitio onde explicar a Xeración 'Nós' , as ansias da 'Alba de Gloria' e de
Auria. Ese mesmo Ourense que agora semella incapaz de recuperar, moitos outros
recursos de distinción e turismo, como aquel rincullo de 'O Volter' dos
Artistiñas... e toda unha letanía de cousas que ennobreceron á 'Atenas de
Galiza'. Compre agasallar e dar resposta ás ansias, ao bon facer de Pepe Paz da
Corna, o de unir, como quixera Risco, José Angel Valente e moitos de nós, os
dous cabos filosóficos do misterio que tentou Tagore: o oriente co occidente e
sempre no centro do circulo baril de Ourense.
No hay comentarios:
Publicar un comentario