martes, 23 de septiembre de 2014

Luz para o Padre Feijóo

La Región, 2/07/2013      Afonso Vázquez-Monxardín

O 8 de outubro de 1876, cando se inaugurou a estatua do Padre Feijoo, da autoría de Juan Soler y Dalmau, a cidade foi unha festa. Trataba de converterse nunha urbe moderna e erguer clásicas esculturas de bronce nas que aparecesen os próceres máis destacados. Houbo exposicións de produtos rexionais, artigos históricos en “El Heraldo Gallego”, un certame literario que gañou a Pardo Bazán… E agora que o penso, paréceme boa cousa que se empezase por dúas persoas da cultura (logo veu Concepción Arenal en 1898) e que non haxa estatuas, con todos os meus respectos, de militares ou políticos. E logo seguiron Lamas Carvajal, Prado Lameiro, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Eduardo Blanco Amor, Ferro Couselo, Rey de Viana… Ou de cidadáns queridos e admirados polos veciños, tipo o doutor Gallego, Lalao Reverter ou os párrocos do Couto ou das Caldas.

Hai uns preciosos gravados do día da inauguración onde se ve que non estaba construído o Simeón, que pegaba o sol de raios, polos paraugas da xente, e un par de detalles máis. A praza onde se puxo a obra, chamouse Isabel a Católica desde o ano 1861 ata que lle puxeron o nome de Eugenio Montes nos anos corenta ou cincuenta do XX –ten a placa no edificio da Coruñesa- e baixaron a Isabel a Católica á canella dos retretes. Aínda así, como vostedes saben, impúxose a denominación popular, nunca oficial e nunca en placa ata hai uns días, de “Jardinillos del Padre Feijoo”. En fin, que a tal praza era máis ou menos igual ca hoxe pero máis grande: remataba nun muro redondeado que avanzaba fronte á Fonte do Rei. Ou sexa, non había a escaleira monumental e entrábase pola esquina de arriba, por onde segue entrando a maioría da xente, pois as escaleiras tenden a ser antipáticas.
E sinalo isto porque creo que este entrañable recuncho urbano, máis de cen anos despois, merecía unha voltiña. Explícome. O enlousado da rúa está perfecto –aínda cheirando as canalizacións no verán-, a Coruñesa puxo unhas terrazas atractivas, o edificio Simeón é centro de vida cultural, pero alí, os xardiniños deviñeron en lugar escuro, pouco usado e sen o fotógrafo de cando eramos nenos. Un dos impedimentos maiores é que as árbores non deixan ver ao sabio Feijóo. Cómprelles unha poda de sete estralos. E mesmo as verxas ao redor da estatua, obra de Antonio Ferreiro Anta, hoxe “comen” demasiada superficie. Por que non sacalas e permitir que os nenos se senten no pedestal? E xa postos, por que non meterlle auga á Fonte do Rei? O lugar é emblemático para as liberdades do cidade fronte ao poder do bispado. Lembremos que antes se chamou Fonte do Bispo e que os coéngos protestaron en 1602 cando os veciños lle chamaron, pola nova, Fonte do Rei. En calquera caso, as fontes deben dar auga.
E pódese facer ben antes do 250 aniversario da morte do de Casdemiro, en setembro 2014. A cousa non parece complicada: unha pouca motoserra ben administrada e unha mañá de traballo dunha brigada para levar a reixa ao almacén. Seguro que axiña aparecía onde reutilizala. En lugar público e cidadán, claro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario