sábado, 6 de septiembre de 2014

As palabras

"Cando era moi rapaz, ouvía certas palabras sin as entender e que, noustante, quedábanseme na memoria, como se me quedaban, poño por caso, as verbas da gramática que nin se entendían nin había pra qué, porque denantes de adeprendelas un xa sabía falar;
   e despois dun tempiño, como non se usaba (pluscuamperfecto, subjuntivo) afundíanse non se sabe onde e víase ben que eran verbas somentes pra dalas nas lecións e ir aprobando, e despois acábanse como si morresen.

   Mais as que ouvía ditas pola xente, de boca a orella, nas reunións da nosa casa, ditas con intención de que foran entendidas (que non sei cómo decilo), como si lle fora moito nelas aos que as falaban, alporizándose ou asosegándose ao decilas, ceibándoas con ledicia ou con mágoa, como si se falase de cousas máis de perto, da familia, dos amigos, dos enemigos. Estas outras verbas eran: "solidaridade"  (que era a máis difícil) "reivindicacións". "esquirol", "asalariado", "fraternidade".

   Outras quedábanseme tamén de coro, anque somentes as lese, cicais pola súa lindura de letra ou pola súa novidade no son: "dialéctica", "polémica", "simbólica"; somellábanme como si se esparexesen no áer roldas de soantes campaíñas ou gallardetes cooridos e pequenos como volallas.
(...)
    Algunha vez cavilei que o ir entrando no cheio da vida era tanto ou máis que adeprendere cousas novas, ou sexa palabras novas, irlle atopando un lugar ás gardadas de coro, cedamente adeprendidas; un lugar xusto e firme onde se acomodasen unhas coas outras, e todas comigo, cousa que nunca conquerín.

    Polo visto as verbas teñen vida de seu, van e veñen como lles peta; e coidando que mandamos nelas, ao cabo dos anos decatámonos de que, trocándose no tempo atal se troca o noso ser, foron elas as que mandaron en nós."

Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe , páx. 149-150, Editorial Galaxia, Vigo 2006 (2ª edición en BBA).

No hay comentarios:

Publicar un comentario