Que me perdoe todo o mundo, pero cando falo
de “feijoniano” penso no Padre Feijoo, non no presidente. Iso que se un é
dos Peares e o outro de Casdemiro, a uns cinco ou seis quilómetros, se
cadra tiñan antepasados comúns. A verdade, tanto me ten porque a
xenealoxía véxoa complicada e inútil. Simpática, poida que tamén.
En fin, este ano 2014
é o douscentos cincuenta aniversario –direillo en cardinal como se fose
o cuarto ou o quinto: ducentésimo quincuaxésimo aniversario- da morte
de Frei Benito Jerónimo Feijoo y Montenegro. Así que lle vou dar un par
de ideas baratiñas ao excelentísimo concello. Se cadra co mesmo
resultado que a de podar as árbores para deixarnos ver a estatua. Na
nosa Casa Grande da Praza Maior entretéñense máis que coas páxinas de
colaboradores deste xornal que lle sopramos cousas á orella, con esas
cousas de xuíces, faltas de xuízo, discolidades, préstamos para cornos,
sobres que se ripan ou non, etc. E neses temas, perdoen, escasea a
“ilustración”.
En fin, que como é a data que é, cómpre ter algo de lembranza co
sabio ilustrado; o intelectual máis importante da España do momento.
Imos ao tema.
Unha das parvadas -hai varias- que poñen os letreiros novos dos nomes
das rúas refírese ao Padre Feijoo. Cousas de protocolo e ilustración,
ás veces, malas de casar. Explícome. Se vostedes din que Castelao naceu
en Coruña; Curros, en Ourense, ou que Roberto Verino ten adegas en
Ourense, vale. Pero se afirman que Castelao naceu en Rianxo, Curros en
Celanova e Roberto Verino é adegueiro en Verín, concordarán en que está
mal que o Concello reduza, no letreiro posto ao enfronte da Viuda, ao
Padre Feijóo a mero “difusor da ciencia e pensamento europeo” e, sobre
todo, que diga que é “nado en Ourense” cando todos –cría eu- sabemos que
viu a luz en Casdemiro, parroquia de Melias, concello do Pereiro.
Ademais, a denominación de “Jardinillos del Padre Feijoo” nunca foi -nin
é- oficial, aínda que sexa a popular para a praza de Euxenio Montes. En
fin, o letreiro está mal e cumpría arranxar o tema.
A outra meción urbana do crego vén da rúa que leva o seu nome, onda o
Instituto Otero Pedrayo. Foi aberta a mediados do XIX en terreos doados
pola familia Valencia e ao principio, de seu, os veciños deron en
chamarlle “Calle Ancha”. Na reforma do nomenclator de 1861 outorgóuselle
o nome de “Calle del Padre Feijoo”. Pero nunca tivo placa digna; na
actualidade só dúas feuquiñas de granito con letras de latón pegadas nas
que pon “Rúa Xerónimo Feixoo” onde esquecen, ademais, do primeiro nome,
Benito, a dignidade eclesiástica que vai ligada á súa persoa. E se o
Concello outra cousa non fai polo Padre Feijoo -tan amado polos cultos
munícipes do XIX, que erguían estatuas exemplificadoras de prohomes e
promulleres da ciencia e cultura, e non de homenaxes a tan dignos como
simples oficios populares, como leiteiras, castañeiras, etc.-, podía,
digo, encargar unha placa de bronce bonita, como a de Lamas Carbajal, de
Malingre, e colocala nunha parede da rúa Padre Feijoo o día que se
cumpra o aniversario da morte. En setembro. Escultores en bronce hainos e
bos. Non é caro e dá tempo. E ser, élles moito máis ca nada.
No hay comentarios:
Publicar un comentario